por Ana Pontón, n´A Nosa Terra:
Os símbolos son importantes para calquera pobo. Moito máis para aqueles negados e sen institucións soberanas que actúen de marco referencial e protector da identidade colectiva, como é o caso galego. Hai quen intenta destruílos e debilitalos baixo argumento de seren creacións humanas, forzadas por conceptos políticos. Mais son postulados que caen polo seu propio peso, xa que estas son condicións inherentes á nosa propia natureza. Non hai símbolo de ningún Estado ou nación que non teña tras de si esa condición de ser un feito social.
Galiza conta cunha Lei de Símbolos que recoñeceu himno, bandeira e escudo. Porén, hai outros símbolos que non teñen recoñecemento legal, mais si social, formando parte do noso imaxinario colectivo. O máis relevante, o Panteón de Galegos Ilustres. Un espazo que desde o ano 2010, após unha insólita e inexplicábel sentenza xudicial, é titularidade da Igrexa Católica.
Desde entón, o nacionalismo promoveu diversos actos e actividades a favor de restituír a súa titularidade pública e preservar o seu carácter laico e civil. A última, o 29 de xuño no parlamento, a través da presentación dunha proposición non de lei que basicamente, reclamaba a implicación da Xunta de Galiza neste obxectivo e a declaración como “símbolo nacional” e “Panteón histórico”.
Porén, PP e PSOE rexeitaron apoiar esta iniciativa, nunha mostra da escasa vontade por restituír a nosa dignidade, expresiva da consideración subordinada que teñen do noso país. Escapan do debate, porque non consideran relevante devolver a titularidade deste espazo ao pobo galego. Demostran desinterese mais tamén subordinación ao poder eclesiástico. Os poderes públicos –nomeadamente a Xunta– teñen instrumentos do punto de vista legal e político que poderían usar, mais semellan cómodos na actual situación do panteón. Seguramente, pola incomodade que lle xeran figuras tan senlleiras como Rosalía e Castelao, que lles lembran que Galiza existe como pobo e que ten dereito a súa liberdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario