Nese pequeno espazo, onde rematan os ósos do esterno e as vísceras asentan sobre o unto humano, debe aniñar a alma. Non sei se todas as almas, a galega si. Digo eu que debe atoparse nun oco entre o corazón e o bandullo porque aí teño unha dor intermitente que por días córtame a respiración. Ten que ser a alma galega, que se non? Sabemos que de natureza pneumática está feita dun sopro de vida. Así que se preme, necesita aire.
Atrapada entre os discursos do galeguismo amábel e os cascotes dun país en proceso de derrubo estou certa de que a alma galega busca aire entre moitos e moitas dos que estas palabras ledes. Din que cando escoitou que tamén pechaba Galicia Hoxe poucos folgos lle quedaban para unha inspiración contida de rabia e desazón. Eu a sentín con forza, non sei vos. Levei a man a ese espazo xusto, ese que vos dicía que a topografía humana sitúa un pouco máis abaixo do peito, e seguín correndo cara o meu despacho para ultimar as intervencións do próximo día. O traballo axuda porque a razón ten a capacidade de mitigar a dor anímica a través dun vello truco, limitar o pensamento ao que temos que facer mañá. Cando o labor remata, xa temos resituados os buratos internos e semella como que podemos seguir até a próxima. Porque seguro que hai próxima.
Escoito discursos e frases feitas sobre que debemos mudar, superar a esclerose da esquerda, constituír alternativas, elevar a indignación a novas categorías políticas. Vos tamén os escoitades? E que sentides? Eu as veces tamén teño que levar a man a ese punto exacto do meu corpo, ese para o que non atopo nome porque xa sabedes que as almas non gustan de enraizar nunha única ubicación, e pechar os ollos. Na escuridade das pálpebras baixadas tento visionar que me está ocorrendo. Sempre gocei das palabras, dos grandes discursos das ideoloxías, fun formada para perderme nos charramangueiros textos da filosofía e hoxe síntome orfa.
Como Descartes só quero unha pequena simpleza para construír. “Son galega, logo existo.” Son galega porque quero a esta lingua aínda a miña fonética fique perdida nos ecos das lembranzas. Son galega porque creo que podemos ser unha potencia pesqueira sen converter a nosa costa nunha gaiola xigante para eses híbridos de peixe, antibiótico e penso. Son galega porque creo que a cultura non se pecha en cidades, a cultura vive nos anónimos graffitis do meu garaxe. Son galega porque desexo que suban o Celta e o Deportivo. Son galega porque si, porque me peta.
Entón por simple que semelle... existo. E se fose certo que existísemos tantas e tantos galegos, que nos pasa? Se cadra non somos quen de recoñecérmonos. Poñamos apriorismos, prexuízos, rensentimentos, vellas desputas, sospeitas, e unha infinidade de cousas máis a un lado. Levemos a man aí. Si, onde xa sabemos, e preguntémonos coa voz queda do noso interior que nos ocorre. Por que o país se cae a cachos?
Ningún comentario:
Publicar un comentario