Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 7 de abril de 2010

Carta da Coordinadora ao Consello Escolar

Dende a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), ante a reunión do Consello escolar de Galicia prevista para o vindeiro 7 de abril, queremos facer chegar aos membros deste órgano as seguintes consideracións ao respecto do Borrador do proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.
1. O decreto proposto non serve para a promoción da lingua galega. A diferenza dos textos anteriores nos que se establecían medidas en positivo ao respecto da nosa lingua a proposta actual céntrase no establecemento dun equilibrio horario e trata por igual dúas realidades distintas.
2. O decreto proposto é ineficaz pedagoxicamente falando. O feito de que os alumnos/as poidan expresarse con independencia da lingua da materia en calquera das dúas linguas oficiais dificultará a aprendizaxe dos contidos curriculares, a aprendizaxe lingüística a través de contidos e o desenvolvemento da competencia lingüística.
3. O decreto proposto parece asentarse sobre un principio de competencia entre linguas ao confrontar continuamente as dúas linguas oficiais.
4. O decreto proposto non garante un equilibrio real entre as dúas linguas. Que exista un equilibrio entre os idiomas nos que se imparten as materias non é sinónimo de que na realidade vaia existir un equilibrio entre as dúas linguas nos centros de ensino.
5. O decreto proposto non garante que os alumnos teñan o 50% da carga lectiva en galego e o outro 50% en castelán. Nos cursos superiores (3º e 4º da ESO e BAC) nos que existen materias optativas vai ser imposible o equilibrio entre as dúas linguas, poderá facerse unha distribución equilibrada de materias, pero non se garante que logo da elección os alumnos teñan o 50% das horas en cada lingua.
6. O decreto proposto establece unha distribución de linguas e materias para a Educación Primaria e a ESO que afonda nos prexuízos cara á nosa lingua. O galego vese apartado das materias e dos itinerarios tecnolóxicos, os máis escollidos polo alumnado hoxe en día.
7. O decreto proposto establece unha consulta ás familias que vai en detrimento da calidade de ensinanza. As familias carecen da información suficiente para poder determinar a lingua en que se debe impartir cada materia (descoñecen os materiais pedagóxicos que hai dispoñibles, a capacidade e dispoñibilidade do persoal do centro para empregar unha ou outra lingua…).
8. O decreto proposto contribúe a complicar o funcionamento dos centros tanto no que afecta á convivencia da comunidade escolar como á xestión administrativa ao sobrecargar de traballo aos equipos directivos.
Garantímoslles que as reflexións que acaban de ler responden, xa que estes son os obxectivos da nosa organización, ao rigor pedagóxico, á profesionalidade e ao desexo de que a nosa lingua se manteña viva mil primaveras máis.
Reciban un saúdo afectuosoCoordinadora Galega de ENDL

Ningún comentario:

Publicar un comentario