Os artigos deste técnico en normalización son especialmente claros e do noso gusto. Recomendámolos.
Por Iván Méndez López, técnico en normalización lingüística, no Xornal de Galicia
A Deputación da Coruña puxo en marcha en 2009 un programa de cooperación cos concellos para a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística durante o trienio 2009-2011. O orzamento destinado para o efecto ascende aos 624.000 euros por cada un dos anos e a cantidade que recibe cada concello é de 12.000 ou de 6.000 euros segundo a modalidade, completa ou media, en que se ofreza o servizo. Por volta de xaneiro deste ano, a Secretaría Xeral de Política Lingüística anunciou as axudas económicas que, grazas a un convenio de colaboración coa Fegamp, recibiu a totalidade de concellos con servizos de normalización, 63. Deste convenio tamén se beneficiaron as deputacións, con máis de 30.000 euros no caso da de Pontevedra e 45.000 para a da Coruña, que neste caso representa menos do 7% que destina ao seu programa de cooperación cos concellos. O orzamento que a secretaría xeral destinou para o convenio coa Fegamp foi de 602.662 euros, vinte mil menos que a Deputación para financiar vinte organismos máis. A pesar do proxecto da Deputación, único en toda Galiza, Anxo Lorenzo non se reuniu aínda co seu presidente ou co deputado provincial de Normalización Lingüística. En cambio, xa se reuniu dúas veces co presidente da Deputación de Pontevedra, unha por volta de xullo de 2009 e unha outra esta semana. Este xornal deu conta das dúas reunións e, ao referenciar esta última, tiven a sensación dun dejà-vu: mesmas palabras, mesmas promesas e mesmos anuncios. Louzán lembrou o papel en materia de normalización que fai a Deputación: “Todo o traballo que se realiza na entidade provincial faise en galego”, algo ao que está obrigado, e salientou que o seu gabinete de tradución (nada de dinamización e menos de normalización) “é utilizado pola inmensa maioría dos concellos, xa que estes non dispoñen dos recursos materiais”. Só 10 concellos da provincia contan con servizo de normalización, fronte aos 41 da Coruña, case todos con financiamento da deputación. O anuncio estrela en ambas reunións foi a creación da rede de dinamización lingüística local, un proxecto que “servirá para coordinar o traballo de política lingüística no ámbito local entre os concellos, as catro deputacións, a Xunta de Galicia e a Fegamp”. O primeiro organismo con que se contacta foi, claro está, a Deputación de Pontevedra, segundo comenta a propia SXPL. Da rede, de inminente presentación, pouco sabemos dende os concellos. Nos orzamentos da SXPL non hai unha partida destinada para o efecto e só aparece a cantidade que se destinará para subvencións en materia de normalización para as administracións locais, 822.768 euros, un terzo do que se destinará, por exemplo, aos convenios cos medios de comunicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario