Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 21 de abril de 2010

“O PP está obsesionado con manter a supremacía do idioma oficial do Estado”

Entrevista a Xosé Manuel P. Sardiña, profesor axudante na Universidade de Vigo, un dos colaboradores do libro 55 mentiras sobre a lingua galega, en Galicia Hoxe.

Nacín en Cabanas o 20 de febreiro de 1972, na antiga Terra de Bezoucos, cállame facer unha autobiografía con tan pouco percorrido vital. Pero poñereime ao choio, como ben expresamos polas miñas terras do Eume cando hai que facer algo inadiable. Gústame lembrar aquelas cousas que nun flash resumen algo de cada parte da miña vida. As miñas orixes son moi humildes e veñen marcadas por unha nenez rural, decisión de miña mai que se deixou aconsellar por tío José da Pena, dito o Nacho. Así, deixou atrás a casa das tías de Cabanas e volveu comigo no colo, inda non me destetara, para xunta a avoa de Formarís, un rueiro de Irís, a terra do viño romano por antonomasia.

Realmente, este retorno conceptualízoo como a volta dunha muller dos Beatles ó rural galego de comezos dos setenta. Chamei as vacas, o burro... Cortei a herba ou o estrume e acordei o gado polos baldíos do coto do Castro, que preside as rías do Golfo Ártabro, á vez que avanzaba nos estudos. Esa foi a miña nenez e adolescencia. Un dos meus primeiros acordos resulta ser a caída dunhas grandes folerpas a través da porta de dúas follas de casa labrega, tería sobre dous ou tres aniños, toda unha porta aberta ás sorpresas do tempo meteorolóxico que inda hoxe me apaixona grazas a unha avoa que vivía pendente das témporas e dos lóstregos que abren os mananciais.

O segundo acordo máis relevante daquela época resulta ser a chegada de meu padriño, Ramón de Manteiga, cun agasallo para o meu aniversario, unha filharmónica chinesa nacarada e escura, cuns ideogramas e un inglés Made in China indescifrables para os ollos dun neno inda principiante nas letras. Falárame moito ese día, como despedíndose de min, impresionáranme os seus escarpíns vermellos, que simbolizaban a súa longa loita e resistencia antifranquista, como "enlace de enlaces" que foi da IV Agrupación Guerrilleira no Eume. Poucas veces máis cheguei a falar co meu padriño Ramón, as feridas das torturas sufridas na prisión de Lugo deixaron unha forte pegada na súa delicada saúde e moi minguada en agachar o peado camiño que separa o fondo de Irís do miradoiro de Formarís. A outra etapa vital que máis consumiu na miña curta vida foi a escola obrigatoria. Comecei os meus estudos aos catro anos na escola unitaria de Irís, xogamos e aprendemos de todas as idades todos revoltos ata os 10 anos, cando pasamos para o Colexio Público de Porto en aulas por anos. Non me considerei dos brillantes, senón dos constantes.

Un bo exemplo do meu tesón deillo ao meu primeiro mestre de Lingua galega cando marquei acertadamente no taboleiro a alternancia de vogais abertas e pechadas do presente do verbo tusir despois de repetilas unha e outra vez. Tuso... tOses... tOse... Toda unha lección para o mestre, pero tamén para un alumno que se iniciaba naquilo do galego estándar. De aí, tiven a fortuna de estudar no Instituto de Bacharelato de Pontedeume, cun profesorado totalmente renovador e innovador, que espertou desde a pintura á filosofía, ou o latín. Nas matemáticas nunca acabei de entender a función senoidal, un obstáculo que acabou levándome ás letras puras e logo á Universidade de Santiago de Compostela, onde rematei os meus estudos de Filoloxía Hispánica, subsección Galego-Portuguesa en 1995. Un verdeiro descubrimento.

Considero fundamental o meu paso formativo polo Instituto da Lingua Galega durante a segunda metade da década dos noventa, cando gocei dunha bolsa de investigación que me mergullou no proceso de confección do Tesouro informático da lingua galega, dirixido por Antón Santamarina, e o ensino da lingua galega a estranxeiros. Aí repousan as miñas bases lingüísticas e a miña reorientación do estudo da gramática cara á participación activa na construción de proxectos informáticos relevantes para o idioma, na revisión lingüística, na toponimia e na lexicografía.

Dirixín e formei o corazón do corrector ortográfico Galgo, un trebello con vocación innovadora que quedou gardado no baúl polas exixencias das transnacionais e dunha Xunta pouco implicada xa na normalización, participei na creación das bases do proxecto Toponimia de Galicia (adicado a apañar a inmensa microtoponimia dos galegos, todo un exemplo da nosa ancestral interrelación co noso territorio) e mais impliqueime en corpo e alma no proxecto dirixido por Antón Santamarina Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega.

Mentres introducinme na docencia universitaria, xa que exercín de docente durante a última década na Universidade de Vigo, os cinco últimos anos de profesor axudante. Tamén desde aquela reviso lingüisticamente os textos da revista de información mensual Tempos Novos. O mellor que me pasou neste tempo foi poder colaborar na confección das 55 mentiras sobre a lingua galega inspirado por Prolingua nun momento clave para o futuro do idioma. Seguirei turrando para poñer as novas tecnoloxías ao servizo do ecolingüismo e agardo que en breve poidamos desvelar a verdadeira imposición do español a través do corpo legal do Reino.

Esta última etapa académica compatibiliceina coa miña introdución na area política do meu concello, Cabanas, dende o ano 2000. Tomei o testemuño e a responsabilidade da representación do Bloque Nacionalista Galego despois dunha dimisión anunciada e, logo, encabecei a candidatura do BNG por dúas lexislaturas, iniciando unha liña ascendente na representación da organización política en que milito desde hai case 20 anos. Se cadra foi esta parte a que inda non me permitiu rematar a miña tese de doutoramento, pero para todo hai o seu tempo e non creo que me poida marchar desta vida sen procurar a mellor opción política para Galiza. É a vida de Xosé Manuel Pérez Sardiña contada por el mesmo.

Denantes, como falamos, o de Sardinha é pola nasalidade verbal da xeografía ou é unha aproximación ao reintegracionismo?

Refíreste evidentemente ao meu enderezo electrónico. Pois nalgunhas novidades da tecnoloxía non che hai ortografía que valla, só utilitarismo. Posto que o nome e o apelido electrónicos van con minúscula, coidei que tamén podía experimentar coa representación da nasalidade dun apelido endémico de Bezoucos. Así, optei polo dígrafo irmán e, en verdade, tráeme máis problemas ca beneficios. Tal e como puiden comprobar, moi pouca xente do país transcribe con o meu cognome e obrígame a deletrealo varias veces. Mesmo xa estiven matinando se resultaría mellor opción empregar.

A anterior pregunta non transcende ao paradoxo. Sei que ti non es lusista nin reintegracionista. O galego vai do norte ao sur, historicamente, e non ao revés como pretenden moitos e moitas…Cal é a túa opinión?

Percíbese perfectamente que galego e portugués son xemelgos dicigóticos, describilos como idiomas siameses é faltarlle a unha realidade moi turrona. Só lle pido á xente que sexamos capaces de superar eses debates estériles entre "aldeas galaicas". Se o debate normativo fomenta prexuízos contra o galego, que facemos dándolle máis munición ao inimigo real do noso idioma? Agardo que nos centremos algún día en romper as barreiras que coutan o rexurdimento da nosa fala.

Cuestións actuais da lingua, do noso idioma, Xosé Manuel: o galego perde falantes e gaña lectores, ou estase nunha atonía aínda máis perversa que a diglosia?

Teño claro que o idioma só será tal se se fala, inda que sempre caiba a posibilidade de recuperalo dos libros como o hebreo ou o córnico. Así e todo en Galicia debemos recontar que a emigración, o éxodo rural e a escola franquista cociñaron o caldo da imposición do idioma oficial do Estado, abeirado por unha ideoloxía totalitaria enquistada aínda nos aparatos administrativos. Non queriamos unha cunca desa enxangada e obrigáronnos a comer dúas. Así o creo, non obstante ler en galego asegura falantes e dálles ás para voar na oralidade e superar o complexo diglósico. Hai que aproveitar esta ocasión, os inimigos do idioma saben que estamos nun momento clave para recuperar o futuro da lingua galega.

Hai máis de 55 mentiras sobre o galego; as que se agachan e a un tempo quérense ignorar?

A ignominia contra o idioma e as xentes de Galicia non ten fin. Nesta obra colaborativa fomos prácticos e empezamos por un compendio limitado que de seguro haberá que ampliar todos os días. En realidade, procuramos darlle datos concretos á xente para que inicie a ofensiva e lle dea a volta a esa enchente de odio e xenreira que nos asolaga dende séculos. É pretencioso á parte de imposible facelo cun libro só, pero a cadea que quere iniciar este libro debe ter como fin escorrentar todos os fantasmas de derrota e unir na loita contra o rudo encono.

Eliminar o Decreto aínda vixente, non é máis que un disparo mortal ao galego para manter a diglosia e facelo desaparecer definitivamente?

Están a disfrazar con palabras amables e modernas un engano masivo e trasnoitado. Non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo, segundo dixo un dos máis venerados presidentes do imperio mundial, Abraham Lincoln, e inda así hai quen cre que ese totalitarismo español se pode disimular con torzóns lingüísticos. Peor non se pode facer e desde que entraron no goberno constato un grave retroceso na percepción pública do idioma xa que lle dan estocadas de morte no ensino, na función pública, no comercio, etc. O PP está obsesionado con manter a supremacía legal e de feito do idioma oficial do Estado, iso hai que chamalo polo seu nome sen máis voltas: totalitarismo lingüístico.

Infantil e primaria, segundo as pretensións da actual Xunta do PP español que manexa case ao seu antollo a nosa nación, non é arrepiante, estarrecedor, e sobre todo se coidamos que nesas idades está a cerna do galego?

Ese PP de vello cuño vai a por todas e aplica o libriño totalitario punto por punto. Apartar os cativiños do idioma do país condena a sociedade galega á incomunicación e á segregación entre as súas partes. Dá mágoa comprobar que entraron na Xunta inda non hai un ano e os nenos de 2-3 aniños das antigas Galescolas xa están a mesturar galego e castelán ou xa falan directamente castelán malia a teren pais e irmáns galegofalantes. Realmente, non procuran formar cidadáns libres senón construír unha entelequia española libre para "gürtelear" sen fronteiras.

A dirección lingüística do PP, na nosa nación sempre negada, non quere pasar por apolítica e por simplemente "técnica", en función dun sociolingüismo desastroso que conduce á diglosia tanto aos casteláns-falantes en Galicia, como aos galegos e galegas que queremos ser donos libres do noso idioma?

É capaz de vestirse de seda, pero queda como o que é. Hai que recoñecerlle a esa dirección teimuda unha cousa, conseguiu unir a oposición política e social na defensa dun dos valores máis importantes do país. A torpeza e a improvisación que se evidencia na redacción do Decreto supera todos os límites. Ai se houbese técnica! Formulan as propostas sobre o idioma coma os gags no circo dos pallasos e acábano convertendo todo nun esperpento valleinclanesco.

Inventaron eles/elas o conflito por medo á verdade da liberdade, da realidade inmantente?

Ben seguro. A argallada contra o idioma galego resultou ser un gancho electoral nulo, polo tanto na miña particular conclusión presupoño que só procuraron retroalimentar os espíritos desa dereita cavernaria e retrógrada que demandaba sacrificar un bode periférico diante do panteón dos ilustres horrores. Na caza ao galego resúltame especialmente arrepiante a barbarie pola barbarie que reproduciron os medios de comunicación.

Todo apunta para a defunción do galego como cultura e como
idioma…

Agardo que todo quede lonxe da realidade, nun mal pesadelo e nunha alucinación pasaxeira de catro iluminados. Ben quixeran, ben, pero inda non vai ser desta posto que o idioma ten futuro, os seus falantes queremos e ímosllelo dar. Que non nos asusten as cifras, o idioma manterase se se adapta á tecnoloxía dixital. Un idioma que se xerou no contorno de Galicia, que madurece e froita da maneira que o está a facer pode superar todos os fochancos. Non hai outro idioma mellor adaptado á realidade galega do século XXI ca a propia lingua galega.

Un cambio de función no teatro que nos leva, Xosé Manuel; cal é a túa órbita política?
A miña éche ben diáfana. Galeguista, de esquerdas e republicana.

Es arredista, independentista?

Se crer nunha Galicia dona do seu destino é ser arredeiro, por suposto.

Pregúntoche isto porque nacionalismo sen máis, ao meu ver non é nada, só unha lilaila.

O nacionalismo enténdoo como un espello que debe reflectir en todo momento a realidade da nación galega. As nacionalidades necesitan esta expresión política para desenvolver a súa identidade sen atrancos e así acadar a ansiada liberación. En Galicia, o noso nacionalismo solidario e internacionalista é unha achega singular aos universais humanos que choca de fronte coas ideas superestruturalistas de órganos verticais de goberno que redistribúen a desigualdade inherente ás súas estruturas. Comprobamos unha e outra vez que as sociedades humanas se constrúen do local ao universal, de abaixo arriba, ao revés sempre acaba todo en soado fracaso despois de curtos períodos de estabilidade. Por exemplo, a rede de redes técese cos fíos da maior base horizontal nunca conseguida pola humanidade, de aí o seu éxito.

A respecto dos credos cal é a túa actitude?

Estouche a gusto no agnosticismo.

Monarquía e democracia… Como se comen estes antagonismos?

Non votei esta constitución inda que a tiven que prometer en tres ocasións por imperativo legal coa man sobre un cravo vermello e o Sempre en Galiza de Castelao. Conxugar o goberno de un (mon-) co goberno de todos (demo-) resulta un sensentido porque parece que todo vale. Estamos nun estado que non agacha os seus antagonismos: Unha lingua ou todas? Un goberno ou todos?... Se non os resolvemos dificilmente poderemos avanzar socialmente.

A literatura galega actual é esplendorosa?

Por suposto. Eu engadiría que é gallarda e vital, innovadora e transgresora. Os escritores que vehiculan a literatura galega moderna teñen xenio, experiencia e unha ferramenta –o idioma" que só se puideron desenvolver nun medio libertario. Mil primaveras máis para ela!

Seremos algún día unha República Socialista galega, libre, internacionalista e solidaria?

Se así o quere a xente galega.

Poderías facer con palabras un breve retrato do tempo?

Sobre a idea de tempo pouco teño matinado. Agora ben, pódese atratar o último ano co vento coriscón que trouxo este frío inverno. É un aire moi daniño que pode cencenar o rexurdir da primavera.

Tes algunha dúbida de Galicia como nación?

Nación, pobo, terra e lingua. Aquí levamos miles de anos, a toponimia non engana.

Non cres que xa nos rebataron demasiadas cousas, e hai que parar este latrocinio abeirado polas "forzas" reaccionarias da
nación?

Estou de acordo. Matizo que o peor ladroízo foi a emigración galega que marchaba con dor do país, empobrecido e atrasado polos falcóns do enriquecemento doado. Aprendamos dos erros, dos enganos que lle infrinxiron ao país e gañémoslles nesta loita desigual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario