Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 26 de abril de 2010

Lingua, educación e desigualdades


por Xosé A. Gaciño,xornalista, en Galicia Hoxe

Hai uns anos que a dereita estadounidense, asustada polo crecemento demográfico (e cultural, que todo hai que dicilo) da minoría hispana, empezou a promover, nos estados nos que tiña maioría, a declaración do inglés como lingua oficial. Ata entón, non fora necesario. Estados Unidos, de feito, non ten un idioma oficial, co conseguinte deber constitucional de coñecelo, e non parece que lles vaia tan mal, pese a esas angustias que algúns sectores sociais máis retrógrados experimentan ante os diferentes, por moi minoría que sexan. A hispanofobia, de todos os xeitos, callou en 23 estados, antes de que os dous candidatos a presidente no 2000 (Bush junior e Al Gore) salpicasen os seus discursos de frases en español, conscientes da forza electoral que empezaban a significar os hispanos.

En España, a dereita centralista, con tal de cerrarlles o paso aos idiomas teoricamente cooficiais en determinadas comunidades autónomas como a nosa, pode chegar a declarar oficial o idioma inglés en calquera momento. Os actuais gobernos valenciano e galego xa ensaiaron manobras de achegamento, o primeiro nada menos que co experimento de ensinar valores cidadáns e constitucionais nese idioma e o de Núñez Feijóo colocándoo ao mesmo nivel que o castelán e o galego á hora de repartir de xeito proporcional as materias que deben impartirse en cada lingua.

A obsesión por defender o castelán de asedios inexistentes acaba de converterse nun dos pretextos clave do PP para rexeitar a proposta de pacto pola educación presentada polo Goberno, nun intento por achegar un equilibrio entre concepcións ideolóxicas contrapostas para dotar dun mínimo de estabilidade un sistema educativo que a cidadanía percibe como sometido a continuos cambios. O ensino do castelán, ou en castelán, non está en perigo nin posto en cuestión en ningunha parte de España, pero estes profesionais da crispación consideran rendíbel manipular certos receos tradicionais con respecto aos cataláns, por exemplo, ou certos complexos de inferioridade que aínda persisten entre nós para acadar rendibilidades electorais na España profunda e mesmo nalgunhas zonas da España periférica.

En materia de educación, como en tantas outras (e a pesar de que moitos pensan, como Mariano Rajoy cando citaba ao Fernández de la Mora do crepúsculo das ideoloxías, que xa non hai dereitas nin esquerdas), hai quen quere uniformar idiomas e materias, podar canto antes as malas herbas e subvencionar a conta do Estado unha educación selecta, en centros concertados de adoutrinamento decente, para os que non queren mesturarse con inmigrantes, xitanos e marxinados en xeral, dos que pensan que non paga a pena intentar redimilos. En definitiva, marcar camiños e metas, e o que non sexa capaz de seguilos, porque parte dunha situación desfavorábel, que quede fóra. Total, pensan, somos moitos e non fai falta molestarse en aproveitar talentos hipotéticos.

Claro que hai quen defende a igualdade de oportunidades de maneira que se intente compensar, cunha maior dedicación e con apoios específicos, aqueles que parten de situacións familiares ou sociais negativas, para tratar de que poidan chegar ao nivel que o seu talento natural, e non a súa condición social, lles permita. Que a educación contribúa a diminuír as desi- gualdades e non a aumentalas.

Como non hai modelos perfectos e a nosa sociedade é o suficientemente diversa para aceptar consensos razoábeis, non debería haber problemas para chegar a puntos de acordo que faciliten unha estabilidade básica. De feito, entre os diversos sectores da comunidade educativa, incluídos os empresarios de centros concertados, hai posibilidades de consenso, porque hai vontade de todos para acadalo. Noutros niveis, xa hai tempo que a vontade de diálogo non é a lingua oficial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario