Entrevista a Antonio García Teijeiro, meste e especialista en literatura infantil e xuvenil, en Galicia Hoxe. Deixamos aquí só un anaco da entrevista.
Antonio García Teijeiro naceu en Vigo no ano 1952. Exerce como mestre de Ensino Primario e Primeiro Ciclo da ESO nun Colexio desta cidade. Colaborou nas páxinas literarias e pedagóxicas dos xornais e revistas máis prestixiosos de Galicia así como en diversos proxectos literarios con carácter reivindicativo.
Crítico e especialista en literatura infantil e xuvenil, imparte cursos de animación á lectura, creación literaria, obradoiros de poesía, conferencias, e ten participado en xornadas didácticas e literarias promovidas por distintas institucións. Durante oito anos dirixiu unha prestixiosa colección literaria para mozos, é autor de libros de texto e foi membro do xurado en importantes Premios literarios para rapaces
Antonio, se mal non recordo no novo Decreto de Normalización Lingüística, hai unha proposta que a min me parece aberrante, é que infantil e primaria se impartan en castelán, deixando o galego fóra, pois son idades onde se fornece a cerna do galego; aquí xa se ve mala intención e se apuras eu diría que é un xeito perverso de manter a diglosia, o autoodio, etc. Cal é a reflexión que podes e queres ti facer, tanto do que che digo coma do estado da lingua galega en xeral?
En todo este Decreto hai unha falta evidente de respecto ao galego. Non hai vontade política de que o galego ocupe o lugar que lle corresponde na sociedade. É un ataque ao sentido común. Pódoche asegurar que nunca houbo conflito lingüístico nas aulas. Todo isto procede de grupos que queren facerse notar, que teñen intereses ideolóxicos ruíns e crean conflitos que non existen. Non se pode falar de nada ao cincuenta por cento cando hai unha lingua, o castelán, que ten unha supremacía evidente. Habería que facer unha inmersión lingüística real para que, co tempo, se chegue a ese bilingüismo do que falan. Hoxe en día, como tal, non se pode falar de procentaxes equitativas. Con este Decreto, o galego vai continuar en descenso. A súa presenza na escola faise imprescindible. Hai que reforzala; nunca, debilitala. Sinto unha impotencia enorme diante de todo isto. E as consultas aos pais… unha cousa de tolos! Para un docente que ame a nosa lingua este decreto, ademais de inxusto, provócalle unha sensación de ataque aos seus principios. Intolerable
Ningún comentario:
Publicar un comentario