por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:
Se matinamos nos dados que se reflicten na última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre usos lingüísticos é moi difícil manter esa actitude optimista que para algúns constitúe parte da nosa natureza. A redución no uso do galego entre 2008 e 2014 foi parella á desindustrialización e empobrecemento deste país nestes case seis anos de goberno Feijóo. Mais todos os anteriores Gobernos teñen parte de culpa. Porque, miren vostedes, manter a lingua propia no seo dun Estado que vive en castelán e promove por terra, mar e aire a lingua oficial española é case imposíbel sen unha potente política normalizadora coordinada dende o Goberno autonómico, partillada polos Gobernos locais e alicerzada na complicidade social.
Porén, a cidadanía galega apreza maioritariamente o seu idioma, mesmo moitísimas persoas que non adoitan falalo. Os galegos contrarios á súa lingua ou absolutamente desleixados a respecto do seu futuro son moi poucos. Existen vimbios para pactar unha política lingúística asumida por case todos, porque este proceso é revertíbel, mais só a medio dunha política intensa, decidida e continuada. Unha política onde se investirían de xeito continuo recursos e se adoptarían decisións que requiren do apoio social. Vivimos tempos nos que a promoción do galego require menos despotismo ilustrado e máis cidadanía. Se unha maioría queremos galego compre que as súas políticas de promoción teñan o aval maioritario. Compre un referéndum ou consulta no que emitamos un mandato inequívoco de promoción e normalización para os vidneiros vinte anos.
Porque unha decisión popular desta caste permitiría formarmos opinión previa e xeneralizada sobre as principais cuestións que haberían facer parte das políticas de promoción e normalización. E o seu resultado calaría de vez as minorías desleixadas e mesmo opostas á nosa lingua, que acadan un eco social absolutamente desproporcionado á súa entidade real.
O galego precisa dunha política gañadora. E para iso require consenso social e apoio cidadán inequívoco. Porque non decidimos en conxunto o pulo normalizador para os vindeiros vinte anos? Decidir sempre interesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario