Despois dunha profunda e serena análise dos últimos datos do IGE Prolingua emitiu no día de onte o seguinte comunicado:
A estratexia da gradualidade:Para facer que se acepte unha medida inaceptable chega con aplicala gradualmente, por anos consecutivos. Dese xeito foi como condicións económicas radicalmente novas (o neoliberalismo) foron impostas durante as últimas décadas: Estado mínimo, privatizacións, precariedade, flexibilidade, desemprego masivo, salarios que xa non aseguran ingresos decentes... tantos cambios que provocarían unha revolución de seren aplicados todos por xunto, dunha única vez.Noam Chomsky: Dez estratexias de manipulación mediática
Nestes días pasados fixéronse públicos os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) referidos ao coñecemento e uso do galego no 2013, que reflicten unha significativa diminución no emprego da lingua de noso, de xeito moi intenso nas idades máis novas.Na poboación de 5 a 14 anos falan sempre castelán o 47,09%, é dicir, que non empregan nunca o galego (e un 27, 79% fala máis castelán ca galego), mentres que falan sempre o galego o 13,20% (e máis galego ca castelán o 11,91%). Para o futuro da lingua propia de Galicia é realmente dramático que actualmente só a cuarta parte dos rapaces e rapazas menores de 15 anos fale habitualmente galego e máis galego que castelán, cun alarmante retroceso de 11 puntos verbo do informe do IGE do 2008.Este devalo da lingua non é un fenómeno natural, como poden ser a chuvia e a xeada nestes meses invernais ou o florear das árbores froiteiras na primavera. Este devalo é un fenómeno social que obedece a unhas causas moi claras, centradas na intervención activa dos gobernos presididos por Núñez Feijoo.Neste sentido, poden estar satisfeitos na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como no conxunto do goberno galego, comezando polo seu presidente. Desde que no 2009 chegaron ao poder, apoiados naquela difamante campaña da "imposición del gallego" (campaña que os medios amigos se apresuraron a espallar un día si e outro tamén), os gobernos de Núñez Feijoo deseñaron as medidas axeitadas para que, a medio prazo e coa estratexia da gradualidade, a lingua galega desaparecese da vida social. Para que, por dicilo con palabras de Rosalía de Castro, acabase por ser unha estranxeira na súa patria.Ademais de desprezaren e abandonaren o PXNL (Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, impulsado polo goberno de Fraga Iribarne e aprobado por todo o Parlamento, co señor Núñez como vicepresidente do goberno), deseñaron e puxeron en marcha o que eles chamaron Decreto de Plurilingüismo. Un decreto que trouxo o varrido do galego na Educación Infantil, sobre todo en ámbitos urbanos, a prohibición de empregar a lingua nas materias científicas, a forte redución da súa presenza nas aulas e na vida dos centros, a ausencia consentida en ben centros de ensino concertado e privado, a revitalización dos prexuízos contra a lingua, a eliminación da obriga de coñecemento do galego por parte do funcionariado etc.A aplicación deste decreto é a causa principal que explica os datos facilitados polo IGE, particularmente a baixa porcentaxe do galego como lingua habitual nos rapaces e rapazas de 5 a 14 anos. E iso en só cinco anos. Poden estar satisfeitos! Como desde ProLingua sinalamos en repetidas ocasións, incumpren a Lei de Normalización Lingüística, pedra angular do noso ordenamento legal. Mais tanto lles ten: hai leis para cumprir e leis para que, como afirmaba Castelao, hai que dicir que chove por elas.Como vemos cadora, as palabras que os membros do goberno din de boca para fóra, negan estas cuestións. Repiten unha vez e mais outra que o Decreto de Plurilingüismo promove o equilibrio entre as linguas (bilingüismo equilibrado, bilingüismo cordial, bilingüismo amable, bilingüismo harmónico...), asegura a implantación do inglés e garante a presenza do galego nas novas xeracións. Se cadra, trátase do mesmo bilingüismo que amosaron no recente decreto de axudas aos medios de comunicación impresos: para recibiren as axudas, os medios deben empregar o galego nunha porcentaxe do 8%. Do 8%! Cordial e equilibrado, si, señor!O goberno de Núñez Feijoo, ao que se lle enche a boca falando da defensa da liberdade (do alumnado, das familias, da sociedade), esquece interesadamente que estes resultados que eles provocan coas súas políticas lingüísticas son un ataque frontal á liberdade de todas as persoas que temos como lingua habitual o galego.Tras cada novo ataque deste goberno, vemos aínda máis restrinxidos os nosos dereitos lingüísticos. Porque se non queremos que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade que o pode facer unha persoa castelá falante. Para iso, entre outras moitas medidas, é imprescindible que a cidadanía sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén decida libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións.É dicir, ademais dunha riqueza para toda a poboación, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Unha dobre competencia que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. Porque nunca debemos esquecer que a oposición entre castelán falantes e galego falantes é unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e somos quen de falar os dous idiomas oficiais, e aqueloutros empeñados no mantemento da competencia monolingüe que viven nesta terra sen contacto ningún co galego.Os datos do informe do IGE 2013 sinalan un panorama sombrío. A Real Academia Galega e o Consello da Cultura, que no seu día publicaron cadansúa análise moi crítica das Bases para o decreto do plurilingüísmo no ensino non universitario de Galicia, deberan facer canto antes unha valoración pública do informe, porque os datos son dramáticos para o futuro do galego. A sociedade civil ten que ser consciente da difícil situación do noso maior patrimonio colectivo, que é un dos maiores activos de futuro dos galegos e galegas, pois só así será posible revertela.O actual goberno da Xunta de Galicia ha pasar (non esquezamos os seus nomes!), o mesmo que a satisfacción que reina arestora nos despachos de San Caetano. Porque a lingua e a cultura galegas, tan afeitas a resistir, manteñen unha puxanza que ninguén pode ocultar. Velaí, por poñermos un exemplo paradigmático, o éxito do Culturgal, celebrado nestes días pasados. Hai moita vida en nós e hai, sobre todo, fanegas de esperanza. Outra Galicia é posible!
ProLingua, 11 de decembro de 2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario