Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 22 de decembro de 2014

Parábola da maratón

poor Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:
Imaxinemos unha carreira de fondo. Dous corredores. As mesmas regras, as mesmas condicións climáticas para os dous, o mesmo día e a mesma hora de competición, o mesmo itinerario? Pero un deles leva anos de práctica, dotacións de todo tipo: os mellores adestradores, a mellor alimentación, especialistas médicos, instalacións deportivas, máquinas de musculación, bolsas de financiamento? Por non falar da tradición familiar: séculos de exercicio competindo. O outro acaba de chegar. Non trae nada consigo máis ca moitos azos, a memoria dos seus, bastante fame atrasada e a experiencia de alancar polas veigas e as pistas de macadán (os vellos dicían «matacán»). Pero levan os dous as mesmas zapatillas e a mesma roupa. Déronlles ben de comer, mesmo ao segundo algunhas vitaminas complementarias para a ocasión; póñennos na pista, un ao carón do outro, e o presidente ou árbitro, antes de empezar, advirte que as regras son iguais para todos. Corenta e dous quilómetros. Unha maratón.Non me vén á cabeza mellor imaxe para describir as circunstancias do galego comparado co castelán no contexto que estes días estamos a comentar. E alédame o debate, polo que significa de toma de consciencia, argumentación e posicionamento das partes, todas elas constitutivas da realidade da Galicia plural. A lingua somos todos e pertence a todos, mesmo aos que non a falan, na medida en que é un patrimonio común.O resultado da carreira é previsible. Ás veces ocorren milagres. Certo. Ou accidentes. Pero o normal é que o corredor máis dotado, mellor preparado, mellor alimentado e mellor adestrado durante anos (séculos neste caso) gañe a competición. E o público nas bancadas, que non xoga a perdedor, ponse instintivamente do lado de quen gaña, ou de quen el sabe que vai gañar. Dicir que ambos os dous atletas corren en igualdade de condicións é unha falacia. Pretender que o público se poña do lado do que sabe que vai detrás e que vai perder, porque durante séculos (repito) foi así e así nos explicaron que tiña que ser, é unha inxenuidade.A única estratexia posible para construír un marco de equilibrio xusto é seguir dotando de recursos a parte máis débil, neste caso a lingua galega: o atleta das veigas e as pistas de terra. E facelo con constancia, planeamento estratéxico (non a curto prazo) e coherencia. Planeamento estratéxico, porque non se tata de encher o atleta de cocidos en sete semanas para ver se así recupera o que leva descompensado xeracións. Se aplicamos un tratamento deste tipo a un corpo subalimentado o único que conseguimos é rebentalo por dentro, ou mesmo que acabe odiando a alimentación. Constancia, porque no ADN histórico dos galegos hai eivas que veñen de moi atrás e que non se solucionan con remedios milagreiros en catro días. Coherencia, porque non se pode dicir unha cousa a facer na práctica a contraria. A sociedade (o corpo social) mírase decote no espello dos seus dirixentes (políticos e civís), que son os referentes de futuro. Eles (nós) somos os responsables.

Ningún comentario:

Publicar un comentario