Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 3 de decembro de 2014

O barranqueño, terceira lingua oficial de Portugal?

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de Prolingua:


No concello portugués de Barrancos, situado ó noroeste da provincia de Huelva nunha zona onde o río Guadiana non forma fronteira con España, fálase unha variedade mixta coñecida como barranqueño, con base no portugués alentexano e forte influencia na fonética, na morfosintaxe e no léxico do castelán de Andalucía e do da Baixa Estremadura. O barranqueño, cuxa orixe parece estar relacionada cos asentamentos medievais de españois nesa zona portuguesa, mantívose polo contacto permanente con poboacións españolas veciñas. A máis próxima é Encinasola (Huelva), a 9 km, mentres que Santo Aleixo da Restauração (freguesía do concello de Moura), a poboación portuguesa máis próxima a Barrancos, está a 21 km; e a vila de Moura, á que antes do curso 1987-88 se deslocaban cada día estudantes do ensino secundario, está a 52 km.O secular contacto con poboacións andaluzas explica que en Barrancos se celebren touradas “á española”, con morte do touro, que está prohibido en Portugal desde 1928, con multas que poden chegar a 400.000 euros. A finais de agosto do 2001, que é cando se celebran as touradas na festa e feira da Conceição de Barrancos, estando no Alentexo puiden ir vendo como a prensa portuguesa informaba da inminente transgresión da lei, con titulares como “Matadores espanhóis ignoram lei portuguesa”, e debaixo “Três novilheiros espanhóis, todos de Sevilha, ja se informaram que a pesar das formalidades jurídicas, nenhum toureiro teve problemas”; e días despois, titulares do tipo “Consumada mais uma transgressão em Barrancos”. Logo das polémicas sobre as touradas nesa vila alentexana, o 31 de xullo do 2002 o Parlamento portugués legalizou a situación de Barrancos cunha lei de excepción que permite a morte do touro en localidades portuguesas con esa tradición mantida ininterrompidamente, polo menos nos cincuenta anos anteriores, como expresión de cultura popular.A profesora da Universidade Complutense María Victoria Navas Sánchez-Élez publicou a finais do 2011 a monografía El barranqueño. Un modelo de lenguas en contacto, na que compendia os seus traballos sobre esta variedade mixta, que tan ben coñece, despois de analizar o material que ela mesmo recolleu en varias e demoradas estancias en Barrancos nos anos 1988 e 1990 e noutras visitas de menor duración a esta vila que hoxe ten algo menos de menos de 2.000 habitantes e que foi perdendo poboación nas últimas décadas, pois no 1960 contaba con 3.429 habitantes.A segunda parte desa monografía é unha completa descripción do barranqueño, con estudo dos seus trazos caracterizadores tanto desde o punto de vista descritivo como da variación lingüística. Antes da descrición, nas pp. 49-51 explícase a situación lingüística de Barrancos que, segundo Victoria Navas, non é o trilingüismo portugués (alentexano), español (andaluz/estremeño) e barranqueño, como afirmara Leite de Vasconcelos, senón que na vila “se puede oír hablar portugués, español y el dialecto en cuestión”.Empregan sempre o portugués os ensinantes que non naceron na comunidade e que non coñecen o barranqueño nin o castelán; e comunícanse (ou pretenden facelo) en portugués o alcalde e os funcionarios do Concello, do Centro de Saúde, de Correos, da Tesouraría e das Escolas e os traballadores da banca, e tamén a Igrexa, pois toda a vida relixiosa (misa, rosario, novenas…) se desenvolve na lingua estatal. Ás veces úsano os barranqueños que antes de 1987 cursaban o ensino secundario na vila de Moura; e en contactos formais tamén empregan o portugués os que cursaron estudos superiores, xeralmente en Beja, capital da provincia á que pertence Barrancos.A porcentaxe da poboación que nunca fala portugués parece ser significativa, a xulgar polos resultados dun inquérito da década de 1990 sobre o nivel de escolarización: o 23,5% eran analfabetos, o 41% sabía ler e escribir e unicamente o 15% rematara o Ensino Básico Secundario. Nestes datos deben estar as persoas de Barrancos que menos contacto tiveron co portugués.O castelán andaluz ou estremeño que se fala na vila está inzado de arcaísmos e ruralismos (vide, diz que, ansina), de hipercorreccións (tiengo, niervos) e de interferencias do portugués e do leonés. Usan o castelán en bastantes familias as mulleres da primeira e segunda xeración (as avoas e as nais da xente nova) que, segundo a autora, parece o grupo maioritario; pero tamén se usa cando se comunican algúns veciños e veciñas dos mesmos grupos xeracionais, mesmo pais da xeración actual de xente nova, que falan castelán entre eles e barranqueño cos seus fillos. Ademais, o castelán é a lingua dos poucos españois que residen na vila, á vez que o usan os barranqueños nos contos, anécdotas, lendas, adiviñas… que lles transmitiu a xente maior. A xente nova, que ten coñecemento pasivo do castelán, emprégao á hora de contar chistes, de cantar as cancións dos quintos ou cando falan con españois.O barranqueño, en xeral, fálano todas as persoas nadas en Barrancos de pais oriundos da vila. Úsano os barranqueños que saben portugués cando se dirixen a falantes da variedade local, e tamén o empregan os barranqueños cos veciños cos que non se fala en castelán. O barranqueño “es la lengua que se puede escuchar – intercalada con el español– en las calles, en el mercado, en las tiendas, en las tabernas, bares y Sociedades Recreativas”.No 2008 a variedade lingüística propia de Barrancos clasificouse como Patrimonio Cultural Inmaterial de Interese Municipal e no 2012 comezaron a darse novos pasos para conservalo, do que é boa mostra o Projecto Preservação e Valorização do Barranquenho, a cargo de Ana Paula Banza e Filomena Gonçalves, profesoras e investigadoras da Universidade de Évora, e Mª Victoria Navas, proxecto que, entre outros obxectivos, ten o de elaborar unha convencíón ortográfica para unha variedade sen tradición escrita. O municipio de Barrancos apoia esta iniciativa que trata de desenvolver instrumentos que permitan preservar, poñer en valor e ensinar o barranqueño, así como incrementar a auto-estima e a identidade local da comunidade de Barrancos e, xa que logo, o seu capital social e humano, á vez que se promove o barranqueño como fonte de interese turístico; e no futuro o Concello poderá pedir o estatuto de língua oficial minoritaria.O 17 de setembro do 1998 o Parlamento portugués aprobou por unanimidade unha lei pola que se recoñecía o mirandés (variedade de orixe astur-leonesa falada na Terra de Miranda) como lingua oficial do país, e un ano despois publicouse a Convenção Ortográfica da Língua Mirandesa. Arelamos que algún día o Parlamento luso recoñeza o barranqueño como a terceira lingua de Portugal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario