Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 6 de xullo de 2017

Galicia, ante o seu espello cartográfico

por Xesús Fraga, en La Voz de Galicia:


Hai mapas que ademais de representar un territorio chegan a erixirse nun dos seus símbolos. Un caso paradigmático é a Carta Geométrica de Galicia que en 1834, tras 17 anos de traballo, rematou o xeógrafo e matemático Domingo Fontán. Non só foi un traballo pioneiro que marcou un fito cartográfico e sobre o que se basearon dende estradas ata o ferrocarril, senón que o seu encontro situou a non poucas persoas ante o espello de Galicia. Cunqueiro atopouno de mozo no Instituto de Lugo: «Allí estaba mi tierra, la tierra de mi vocación y mis días, la tierra temporal y la eterna, la tierra que mi lengua -la tierra de mi oscuro acento labrego- necesitaba para soñar». Case dez anos despois, Ramón Otero Pedrayo publicaba Arredor de si, a gran novela da Xeración Nós, e na que o seu protagonista, Adrián Solovio, leva o mapa de Fontán ao leito de morte dun parente. Unha fascinación que se mantén hoxe: Miguel-Anxo Murado emprega como fío condutor do ensaio Otra idea de Galicia a Fontán, de quen Marcos Calveiro escribiu unha biografía novelada.
No ano que conmemora os douscentos anos dos inicios dos traballos de Fontán para a súa Carta, Teófilo Edicións vén de publicar un libro de homenaxe ao xeógrafo, unha idea de José Luis Teófilo Piñeiro con documentación de Lúa López Pomar, e que se acompaña dunha reprodución do célebre mapa. A obra presentarase o vindeiro día 1 de xullo no concello de Portas, na casa da cultura que leva o nome de Fontán. A obra é unha achega breve pero completa á figura e á obra deste pioneiro que tamén foi empresario e político. Deste xeito, o libro ábrese cunha achega biográfica básica, onde se documenta a súa vida familiar e pública, para dar paso a un capítulo específico sobre a súa formación e actividade no eido académico. O seu labor político é tratado nun apartado á parte, antes de centrarse na realización da Carta Geométrica de Galicia e, a seguir, outras das súas producións cartográficas. O volume péchase co testemuño dos recoñecementos que inspirou Fontán, xunto cunha cronoloxía da súa vida e unha bibliografía.
Durante 17 anos, Fontán percorreu Galicia -Murado aventura que se a andou toda non sería esaxerado pensar que coñeceu a todos os galegos contemporáneos seus-, a cabalo e moitas veces á pé, enfrontándose a penurias e dificultades que non conseguiron arredalo do seu propósito. Despois de concluír os seus traballos en 1834, aínda haberían pasar outros catro anos máis ata que viaxou a París para supervisar en persoa a súa impresión: a Carta finalmente saíu á luz en 1845.
Foi un fito por varias cuestións. O seu nivel de detalle tardou moito tempo en ser superado e os mapas anteriores palidecían na súa comparación. Tamén foi novedoso o emprego da escala 1:100000, que máis tarde sería imitado por outros mapas oficiais europeos, así como a adopción por parte de Fontán do metro: a introdución do sistema métrico consegue solucionar os problemas de conversión debidos ás unidades diversas. Outra característica singular é que presenta a Galicia con gran detalle, dende a catalogación de igrexas aos accidentes xeográficos, e no seu contexto, incluíndo unha franxa correspondente a Asturias, León, Zamora e unha parte de Portugal. Un fito pioneiro que non perdeu a súa capacidade para marabillar, mesmo no século XXI.
Biografía. A unión do tesón e o coñecemento Domingo naceu en Portas do Conde en 1788. Con estudos de filosofía, teoloxía, ciencias exactas e artes, ademais de idiomas, foi un exemplo do lonxe que se pode chegar grazas ao coñecemento e o tesón. Ademais do mapa polo que é célebre, dedicouse á docencia, dirixiu o Observatorio Astronómico de Madrid, presidiu diversas sociedades e foi deputado en Madrid. Faleceu en 1866 en Cuntis e foi enterrado en Santiago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario