por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de ProLingua:
Fóra opinións testemuñais ou falsamente afalagadoras (parece que pasou un século pola lingua estes últimos anos), ese labor de acabación lenta do idioma encontra nos lugares a priori máis insospeitados (prensa, institucións publicas…) o alento que lle cómpre para continuar.
Por marzo de 1937, en Lugo, escribía Luís Pimentel “Galicia ametrallada nas cunetas / dos seus camiños”. Por darlle claridade á ecuación, Luísa Villalta, con Pessoa, dicía que as palabras son xente, xente destemida. Xente armada, dicimos nós, coa poderosa arma das palabras.
“Señor, ¿qué fixemos? / - Non fales en voz alta -”, continúa Pimentel. A impertinencia de calquera comparación xustifícase na empatía, esa figura que canxa o lugar e o que nel aconteceu. É incompatible co medo. Non tememos que nos vixíen, que nos repriman; temos poemas e memoria. E vontade de seguir declarándolle a guerra á hostilidade. Interésanos a xente que non soportará este texto. Estas somos nós, “rubindo unha e outra vez as escadas dun mundo posíbel”, con Luísa.
Quen amamos a lingua, como esta asociación chamada ProLingua, que se gaba de traballar polo idioma sen dependencias partidistas , lavamos os ollos coa transparencia e o sorriso desta última auga de San Xoán e, contradicindo a Luís Pimentel, dicímoslle á Garda Civil que vén de denunciar a presenza pública do noso idioma nas rúas de Gondomar, que todas as portas están abertas e queremos trocar con vós o noso sorriso. Xa non está no voso cometido deixarnos sen palabras para os nosos versos, senón cumprir e facer cumprir a legalidade.
“¿Hasta cándo durará iste gran enterro?”
Ningún comentario:
Publicar un comentario