Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 10 de xullo de 2017

Plurilingüismo de silveira

por Valentina Formoso, nas Voces de ProLingua:

Irene ten cinco anos, naceu e vive en Barcelona. A nai fálalle catalán e o pai galego. Está escolarizada en Barcelona en catalán, tamén ten aulas de castelán e de inglés. Nai e pai coñecéronse en Inglaterra onde viviron e traballaron máis de dez anos. Dominan o inglés perfectamente pero nin se lles pasou pola cabeza falarlle nesa lingua tan internacional (pero que non é materna, nin paterna) á rapaza na casa, nin sequera castelán. Ela fala a lingua de Cervantes sen problema cando o precisa. E xa non mestura nunca os códigos, pero facíao cando era máis pequena, igual ca o fai aínda o seu irmán, Darío. Ninguén se preocupa, o plurilingüismo inclusivo está servido.
Mais todos os anos nas vacacións o pai pregúntanos se non tomaría unha decisión equivocada. El decidiu falarlle galego porque naceu aquí, é a súa lingua e gustaríalle que a pequena tamén tivese esta lingua de seu e que ademais, cando nas vacacións viñese a a Galicia, se comunicase en galego con curmáns, veciños e calquera outra persoa, sobre todo da súa idade. Ah, pero o pai atópase coa triste realidade de que os curmáns, desde que están escolarizados xa non falan galego. Sae ao parque na vila na que teñen casa e... non atopa nenos nin nenas que falen galego. A nena fala galego cos avós e coas tías, e coas amizades do pai que o falamos.

Segundo as últimas noticias, en próximas vacacións aquí na terriña paréceme que o vai ter aínda peor Darío ca Irene. El vai cumprir tres anos e os seus iguais van entrar para o ano nun novo período do plurilingüismo ao estilo galego. Segundo se vén de publicar no DOG, para dar cumprimento á última promesa electoral, xa van poder cursar os programas plurilingües para a educación infantil (PluriInfantil)!! Aínda que non avaliaron os resultados da desfeita na educación infantil desde 2010 (nin das outras etapas tampouco) vense seguros do seu modelo educativo. Modelo que non está avalado en criterios pedagóxicos e que tampouco pensa no ben da rapazada. Desde logo que non parte dos principios dun plurilingüismo inclusivo que asegure o coñecemento da lingua minorizada… Sen ter idea de como se van organizar nesa etapa o 33% das horas, imos ver como se desenvolve estupendisimamente o currículo de infantil á hora de traballar, por exemplo, o gran obxectivo da educación emocional. Explicarlle ao alumnado o que sente en inglés… promete grandes froitos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario