A noite do 7 de xaneiro de 1610 á cambiar o mundo. Ninguén o sabía daquela, mas non tardarían en notarse as consecuencias. Galileo Galilei, profesor de xeometría mecánica e astronomía da Universidade de Padua, dirixiu o sue telescopio ao ceo...e o libro non chegou ao verán. Remateino antes do claustro de final de curso.
E fixemos a luz! (USC, 2015), escrito polo profesor da Área de Óptica da USC, Salvador Bará, preséntase como unha peuena contribución ás celebracións do Ano Internacional da Luz 2015 pero é moito máis, é unha relucente alfaia do baúl da divulgación científica.
E de que trata o libro de Bará? Se dixeramos que só trata da luz, estariamos dando unha afirmación verdadeira, pero moi incompleta. No primeiro capítulo, por exemplo, céntrase na luz como fonte esencial do descubrimento científico, en particular do astronómico. Chámanlle revolución copernicana, pero deberían chamarlle revolución galileana. Bará relata con pericia os primeiros descubrimentos feitos co telescopio debidos a Galileo, e que cargaban de argumentos e evidencias un xeocentrismo que ata o momento era permitido por declararse como ferramenta imaxinaria que garantizaba un moi bo axuste nos cálculos astronómicos. Aquí enxergamos unha característica de todo o libro de Bará pois nótase que o autor leu as fontes orixinais e sabe contarnos o máis interesante das mesmas.
Tamén se relata como se chegou a medir a velocidade da luz, todo un fito na historia da ciencia. Neste punto, e nalgún outro, botei en falta algún esquema. Non porque non se expliquen as cousas o suficientemente ben, senón porque se menoscaba a capacidade divulgativa da obra. Con todo, a narración é esplendorosamente clara. Velaquí unha segunda característica da obra que quería destacar.
O que segue é o experimento de Young, a análise espectrográfica e a sorprendente posibilidade de poder determinar a composición das estrelas mediante a luz que emiten, a luz como onda electromagnética, a luz vista desde a perspectiva da mecánica cuántica... Unha aventura histórica apaixonante. Canto máis avanzamos cara o momento actual a linguaxe cárgase cada vez máis con referencias matemáticas. Así conséguese un relato sen analoxías que poden despistar. Estamos ante unha obra de divulgación moi fiel ao coñecemento científico, sen inexactitudes. Isto é moi difícil de conseguir, mas en E fixemos a luz! temos un exemplo maxistral de como facelo. Velaquí outra calidade deste texto.
Hai un capítulo adicado ás aplicacións terapéuticas da luz, especialmente para tratamentos oftalmolóxicos. E, como non!, tamén hai un lugar para tratar a contaminación luminosa, que esborralla os ceos nocturnos, é moi onerosa, innecesaria, síntoma de incultura e con efectos negativos demostrados na saúde e na ecoloxía. Reivindícase, xa que logo, tanto poder ver un ceo estrelecido ao mirar cara arriba como unha terra chea de lucecús cando miramos para abaixo.
Estamos fronte a unha cousa realmente rara. Non é rara por ser unha publicación de divulgación científica, senón que o é pola lingua na que está escrita. Vén sendo como os lucecús nas nosas noites.
No relato bíblico do Xénese o mundo comenza a existir cando "Deus dixo: fágase a luz; e fíxose". Nestroutro pequeno manual cóntasenos como a inventiva, o traballo e o esforzo humanos foron os que realmente fixeron a luz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario