por Xosé-Henrique Costas González, nas Voces de ProLingua:
O pasado sábado 17 de xuño fomos a Cacabelos a unha xornada de homenaxe ao brigadeiro e poeta Antonio Fernández Morales, autor dos monumentais Ensaios Poéticos en Dialecto Berciano (1861) co gallo do segundo centenario do seu nacemento (1817). Aproveitábase o lanzamento dun libro con contributos ao poeta e rendíaselle así homenaxe nese bicentenario. Os actos foran programados e organizados polo Grupo As Médulas pola Defensa da Lingua, asociación da que é coudel o berciano-mazaricán Manuel González Prieto, e consistían nunha serie de lecturas de poemas, cancións sobre letras do poeta e intervencións de autoridades e estudosos da obra do autor, para rematar coa presentación do novo libro sobre Morales.
En Cacabelos, na praza que hai xusto diante da casa da rúa Sta.María onde viviu e morreu Fernández Morales, na mesma casa onde a Universidade de Vigo colocara hai anos unha placa "ao mellor cantor das xentes e das terras do Bierzo", concentrámonos ás 12 da mañá –con xa 32º de temperatura-, preto dun cento de persoas para escoitar na voz de Carmen Penim unhas interpretacións excelentes de fragmentos de Morales, para vibrar co discurso emocionante e de moitísima altura intelectual de Ferrín sobre os valores literarios da obra de Morales (unha auténtica lección maxistral) e para deleitarnos coa lectura de poemas a cargo de nenos e rapaces de Cacabelos e Vilafranca. Non podemos esquecer as intervencións planas de autoridades locais e comarcais e do SXPL da Xunta de Galicia, quen chufou o programa de ensino do galego no Bierzo pero calou que desde a entrada en vigor da LOMCE o galego pasou a ser unha materia extracurricular e a perder case toda a matriculación en Bacharelato nos catro institutos onde se imparte. O acto foi mantido brillantemente por Manuel G.Prieto.
A seguir fomos ata o restaurante “La Moncloa”, onde tiña lugar unha exposición de fotos, debuxos e textos poéticos sobre o Bierzo de Morales. Alí presentouse este libro coordinado polo mantedor do acto, libro que contiña fragmentos escollidos de Morales e unha chea de fotos, debuxos e poemas de infindade de autores arredor da obra do brigadeiro: fotos de Xurxo Lobato, debuxos de Siro López, poemas de Romina Bal, Suso Díaz, Mercedes Queixas, Igor Lugrís etc.
Na presentación do libro interviñemos Anxo Angueira, poeta e presidente da Fundación Rosalía de Castro, quen declamou con voz atroante coma ninguén os versos do poema “A caza maior”, inigualable peza lírica cargada de forza e emoción; Héctor Silveiro, correspondente da RAG para o Bierzo, quen presentou uns inéditos de Morales achados hai pouco; e quen vos escribe, que relatou como lle puxemos rostro á fantasma de Morales grazas á localización dunha súa bistataraneta en Madrid e como o fomos descubrindo en Galicia grazas á teimosía da directiva de Fala Ceibe e ao compromiso das xentes que nos xuntamos ano tras ano polas Letras diante da tumba do xeneral de brigada e no fraterno Banquete de Cacabelos.
Ao remate do acto a sede era grande e tivemos que lle tomar uns bos godellos bercianos na propia sala da exposición, onde estaban presentes moitos históricos da loita polo galego do Bierzo: Marisa Cela, da Escola de Gaitas de Vilafranca; Paco Macías, editor, de Carucedo; Héctor Silveiro, profesor e académico; Carmen Prieto, boticaria de Vilafranca; xentes das asociacións Fala Ceibe, Xarmenta e Comisión Cultural Sarmiento etc. E tamén estabamos os que viñamos da Galicia interior para estar cos irmáns da Galicia dobremente negada: Anxo Angueira, Méndez Ferrín e eu. Hai na rede unha galería de fotos daquela xornada (https://grupoasmedulasparaalinguaeculturagalegas.wordpress.com/2017/06/20/galeria-de-fotos-ii-homenaxe-a-antonio-fernandez-morales/).
Ferrín, que foi tratado en todo momento de presidente, semellaba unha estrela do rock porque todo o mundo quería facer fotos con el, falar con el, saudalo persoalmente, agradecerlle a un home de 80 anos que atravesase Galicia desde Vigo a Cacabelos para estar alí con eles naquel día de lume. O prestixio que ten Ferrín no Bierzo, e en xeral en todo o galego arraiano, foi labrado a pulso durante decenios de presenza e axuda nas loitas do galego extramurado, e mesmo na distancia con frecuentes artigos sobre este galego e os seus autores nas páxinas do Faro de Vigo, iso ben o saben todas as persoas que traballan polo idioma naquelas terras, que sempre poden contar con el, co seu ánimo e co seu maxisterio. De Ferrín, de Paco Fernández Rei, de Angueira e de moi poucos máis podemos dicir o mesmo.
Rematamos xantando na Moncloa unha vintena de amigos e amigas e, xa no camiño de volta a Vigo, e como a calor era abafadora e insoportable, algo por riba dos 40º, a Ferrín e a min deunos por lle ir tomar un refrixerio ao muíño restaurado que ten o amigo latinista e apicultor Paco Velasco no Porto Real (Rubiá de Valdeorras), ao pé dos inmensos penedos de Oulego e do Medulio (“A Cidai”, que lle chaman os de Biobra, na Serra da Enciña da Lastra), nas ribeiras amenas do río Éntoma, o único río de Galicia que aínda ten caranguexo nativo, meduliano. Alí nos recibiu Paco Velasco, nun muíño presidido por unha enorme bandeira galega esfarrapada nos bordes polo paso do tempo e do vento, e alí falamos de lingua e de historia, de arte e de osos, de patrias por liberar e de cousas da vida, ata que o sol baixou algo a súa furia e puidemos retornar ao val do Fragoso pola fresca.
Foi unha fermosa xornada patriótica na Galicia irredenta (“como se houbese algunha redimida!” -dixera o mestre), un botarmos unhas rachiñas de freixo ou bidueira na fogueira da lingua no Bierzo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario