Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 4 de xaneiro de 2019

Aniversarios matemáticos

por José Ángel Docobo en La Voz de Galicia:

Se en 2017 celebramos os 200 anos do comezo da Carta Xeométrica de Domingo Fontán, neste ano que está a piques de rematar conmemoramos o centenario de Algorítmia, libro emblemático do sacerdote, astrónomo e matemático Aller Ulloa, así como o 75 aniversario do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un referente internacional hoxe en día no eido das estrelas dobres e múltiples. Dentro da estrutura deste centro, cuxa orixe foi o Observatorio particular que don Ramón tiña en Lalín (hoxe felizmente recuperado), o profesor Enrique Vidal Abascal creara en 1945 unha sección de Astronomía Teórica e Matemática á que lle puxera o nome do ilustre matemático galego Durán Loriga. A idea de Vidal era recuperar o espírito do Seminario Matemático, denominado así mesmo Durán Loriga, que en 1935 organizara na universidade o catedrático de Xeometría Analítica, o monfortino José Rodríguez Sanz, e que fora concluído no 36 a pesar dos importantes froitos que dera nos poucos meses que tivo de vida.


O novo proxecto matemático foi así mesmo un éxito, cunha moi destacable produción sobre todo por parte de Aller Ulloa, Vidal Abascal e García-Rodeja, pero tamén coas achegas doutros matemáticos galegos que atoparan no Observatorio un polo de atracción científico inexistente ata entón.

Tras unha década de frutífera existencia desta sección do Observatorio, o profesor Vidal, co apoio do catedrático de Astronomía e director do Observatorio Astronómico, Ramón María Aller, e de Antonia Ferrín, primeira doutora en Matemáticas pola USC, decide emprender un novo e máis arriscado reto: crear na Facultade de Ciencias a sección de Matemáticas. As múltiples dificultades atopadas polos pioneiros foron sen dúbida recompensadas nas décadas seguintes. Sesenta anos despois do inicio dos estudos da licenciatura de Matemáticas en Galicia, a Facultade de Matemáticas e os institutos de Matemáticas e de Matemática Industrial, ademais do Observatorio, están na vangarda desta ciencia en España e con gran prestixio internacional en investigación, docencia e mesmo en divulgación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario