Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 20 de xaneiro de 2019

Política lingüística para a nosa lingua

por Henrique del Bosque Zapata no Sermos Galiza:


Política lingüística é aquel conxunto de decisións conscientes, artellado en normas, estratexias e actuacións, que se toman desde instancias de poder co obxectivo de regular ou intervir, pasiva ou activamente, sobre o uso dunha ou varias linguas. No caso das actuacións protectoras, resulta habitual que estas fiquen reflectidas en textos normativos que amparan outras actuacións de promoción e potenciación dirixidas desde o conxunto das Administracións Públicas. Pois ben, compriría reflexionar sobre algunhas situacións a fin de valorar a lexitimidade, xustiza e equidade referida ás mesmas.



Unha das principais finalidades de moitas políticas lingüísticas consiste en protexer a unha ou a varias comunidades lingüísticas que estean en minoría con respecto a outra comunidade lingüisticamente maioritaria. Temos claros exemplos no das chamadas minorías nacionais que, por razóns históricas, bélicas ou políticas, ficaron enclavadas en Estados que non se corresponden co seu territorio ou nación de orixe. Outra mostra é a dos grupos de inmigrantes que se van asentando fóra do seu país mais conservan, no lugar de destino, trazos relevantes da súa identidade cultural. As linguas de pobos ou etnias de grande mobilidade xeográfica, ou seminomadismo, constitúen tamén outro exemplo xunto co das linguas das comunidades indíxenas máis ou menos dispersas por territorios antigamente colonizados.


En todos estes casos observamos poboacións con lingua de seu, mais inseridas dentro doutro grupo máis amplo e numeroso cuxa lingua goza de toda as vantaxes que lle ofrece a posición de ser lingua de Estado ou de Administración. Nestes casos adóitase recoñecer un conxunto de dereitos ás poboacións de lingua minoritaria, dado o enorme risco de padecer situacións de vulnerabilidade e de minorización. Entre estes dereitos figuran o de poder utilizar, en distintos graos, a lingua propia nas esferas pública e privada, así como o de poder impartir e recibir a ensinanza na mesma. Moitos Estados democráticos, e con sensibilidade cultural e social, levan adiante as recomendacións de convenios e pactos tales coma a Declaración Universal de Dereitos Lingúísticos ou a Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais, precisamente para compensar estas situacións de inxustiza e desigualdade.


Consideración diferente merece o da política lingüística orientada á protección da lingua maioritaria da poboación dun Estado e que este recoñece, explícita ou implicitamente, como tal. Por regra xeral, neste caso, non se precisaría dunha especial protección xurídica dado que o estatus e o peso económico, demográfico e político abondan para o seu mantemento e difusión. Mais non podemos esquencer que a meirande parte dos Estados-nación existentes formáronse privilexiando o particularismo dun centro de poder fronte aos particularismos das periferias, procurando fornecerse dunha base nacional con forte homoxeneidade cultural e lingüística, negando a base nacional das outras comunidades periféricas.


Nestes procesos de construción estatal-nacional, a batalla pola hexemonía cultural dominante e a asimilación e desposuímento dos outros pobos e nacións históricas non sempre acadou o éxito agardado polo Estado. Moitos pobos, malia padecer unha brutal e constante represión para aniquilar a súa identidade, resistíronse á asimilación e conservaron trazos diferenciais enormemente incómodos para a voráxine nacionalizadora dos Estados. Casos como o francés ou o español son un claro exemplo, e a historia da coacción e represión española para impor unha única identidade é de sobra coñecida. A propia Constitución actual, a lexislación ordinaria e moitas sentenzas dos tribunais de xustiza están tinxidas dun asfixiante identitarismo, onde a supremacía lingüística española asoma insultante. Así, e con respecto á lingua, só hai unha que goza en exclusiva do máximo nivel de protección e recoñecemento: o castelán, cuxo deber de coñecemento é esixido a toda a cidadanía mentres o mesmo deber de coñecemento é negado para as demais linguas do reino coas catastróficas consecuencias xurídicas que isto supón.


Nos casos coma o español, non parece que o recoñecemento e o respecto sexan o guieiro da súa política lingüística, senón o de consolidar a supremacía dunha lingua sobre outras que fican, deste xeito, subordinadas aos plans expansivos e totalizantes daquel. A política lingüística española obedece a un modelo baseado no principio de territorialidade, consonte o cal todos os que habitan o territorio estatal deben coñecer e utilizar un único idioma oficial nas relacións de ámbito público; mais este principio é substituído polo de liberdade de elección lingüística ou o de personalidade nos territorios con lingua de seu. Esta solución mantén o contacto e competencia entre as linguas en presenza, permitindo e procurando que a estatal, a máis forte e protexida, se desenvolva en detrimento da máis vulnerábel e con menor nivel de protección. Para os españois falantes a liberdade e para o resto a imposición e a obriga de coñecer, por moito que o delirio e odio enfermizo desa extrema dereita hispana envelene e proclame outra cousa.


Chegados a este ponto, deberiamos preguntarnos se cabe acomplexarse perante as falsas e ruíns acusacións contra a lexítima demanda de empregar todos os medios legais e políticos posíbeis para compensar a persecución histórica e revertir a inxustificábel inferioridade xurídica na que se acha o noso idioma. Certo que a nosa anticuada Lei de Normalización Lingüística puido ter dado máis de si, como calquera lei, mais as políticas españolizadoras dos gobernos do PP no noso país imposibilitaron tanto os avances significativos nos dereitos da cidadanía galego falante coma o camiño cara a unha auténtica normalización tal e como está a acontecer en Catalunya ou en Euskadi. No caso dunha derrota da dereita na Galiza haberá que ir pensando con sentido político e con pedagoxía, mais tamén con certa urxencia, o xeito de abordar a blindaxe máxima posíbel da nosa lingua, así coma dos dereitos maltreitos dos que preendemos vivir nela e que arelamos chegue a ser lingua de Estado. Non se trata de copiar, senón de aprender de como noutros lugares, con igual ou semellantes ameazas, se fan outras políticas lingüísticas; e isto para que a nosa lingua se aprenda no ámbito educativo; para que os inmigrantes a recoñezan como medio de integración; para que as empresas e servizos públicos respecten o noso idioma; para que poida estar presente en todas as expresións artísticas, nos medios de comunicación e na publicidade; para que non teña atrancos na investigación, na docencia e en ningun traballo; para poder ser atendidos na mesma; é dicir, para poder vivir libremente en galego. O odio de determinados sectores do nacionalismo español nunca vai atender a razóns e non nos debemos preocupar porque as atendan ou as entendan. Outra cousa debe ser ir aprendendo a combatelos e derrotalos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario