Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 15 de xaneiro de 2019

A nova gramática para xaponeses e as "moi tristes" follas rosalianas do brigadista Asaka

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de ProLingua:



Cando Takekazu Asaka presentou en Compostela o 31 de xullo do 2015 a edición e tradución dos poemas de Martín Codax, acompañado dun CD onde un grupo xaponés interpretaba as cantigas do poeta do mar de Vigo, un xornalista preguntoulle polos seus futuros proxectos sobre a lingua e a cultura galegas. Contestou que posiblemente o libro de Martín Codax fose o seu último traballo, porque estivera varios anos con ese proxecto e que se achegaba á xubilación. Ese día pensei que esa obra, en edición moi coidada, era o ramo de Asaka a 32 anos de investigación sobre o idioma galego, de traducións de clásicos galegos ó xaponés e de difusión de Galicia e da nosa cultura no Xapón.




Afortunadamente non foi así. En abril do 2016 mandoume o texto dunha gramática para xaponeses co rogo de que o revisase e redactase un limiar, e a finais de ano publicou a Nova gramática galega. No 2017 deu a lume a versión xaponesa d’Os eidos de Uxío Novoneyra e redactou dous artigos diferentes sobre a gheada en Cambados, un en xaponés e outro en galego, que apareceu nun volume recente da Universidade compostelá. E cando devalaba o 2018, editáronse en Toquio dúas obras súas: unha escolma de Follas novas de Rosalía de Castro e a 2ª edición, corrixida e aumentada, da Nova gramática.





1. A primeira gramática para xaponeses



A súa primeira investigación sobre o galego centrouse na problemática do infinitivo conxugado sobre a que publicou dous artigos en castelán (1983 e 1984) e dous en xaponés (1986 e 1987). Entre este último ano e 1992 apareceron en revistas do Xapón unha ducia de traballos seus (case todos en xaponés) nos que se ocupou do galego na xeolingüística, da gheada e de temas de morfoloxía e sintaxe do galego actual, coma o plural das formas en –l, o artigo mesoclítico, a xeogramática do pronome persoal, a posición dos clíticos, o pronome de solidariedade e problemas dos verbos regulares e das perífrases verbais.



Este quiñón de artigos foron algúns dos esteos da súa Gramática do galego moderno (1993), a primeira escrita para xaponeses, onde recollía o esencial da gramática e do uso da lingua, que ilustraba cunha ampla exemplificación.





2. A nova gramática para xaponeses



A Nova gramática galega (Toquio, Kakenhi, 20182, 174 pp.) ábrese cunha introdución con nocións da historia da lingua e dos seus escritores, o mapa dialectal, a situación do galego e o contacto co castelán e unha bibliografía básica e actualizada. A seguir, despois do alfabeto e da acentuación, en 18 capítulos preséntase a morfoloxía e a sintaxe do galego actual, que comeza cos cardinais, substantivos e adxectivos e remata coas perífrases verbais. O apartado nº 20 é un longo e heteroxéneo capítulo de expresións.



Trátase dun manual práctico para o ensino do galego a nativos de lingua xaponesa para obter o CELGA 3 da Xunta de Galicia (e o nivel B2 do Marco europeo de referencia para as linguas). Contén unha mínima teoría gramatical en xaponés e moita exemplificación en galego, con abundantes exercicios en cada punto tratado.



Compleméntase cuns capítulos de Aspectos dubidosos de carácter gramatical da lingua galega onde se tratan problemas prácticos de transcrición fonética e fonolóxica e puntos conflitivos da gramática referidos ós determinantes, á morfoloxía nominal, ós cuantificadores, á preposición a co complemento directo de persoa, ós pronomes persoais e a súa sintaxe, á morfoloxía e sintaxe de tempos verbais, ós criterios para definir unha perífrase verbal etc. Mesmo se sinalan castelanismos léxicos e anglicismos usuais e as correspondentes formas correctas.



Nun breve apartado (o Cabo) Asaka conta como no 1977 descubriu a lingua galega en Madrid e como contactou con xente da Editorial Galaxia, como visitou Galicia no 1989 e como empezou a súa relación con estudosos do galego; e dálles as grazas ós amigos galegos, “e en particular aos estimados profesores e investigadores do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela por me animaren sempre a traballar a prol de Galicia e da lingua galega desde Xapón”. Dá conta da celebración dun cursiño intensivo de galego estes anos en universidades xaponesas e remata coa frase “Que espalle a súa fermosa lingua galega na terra do Sol Nacente!” Féchase a obra con dous apéndices de paradigmas verbais, que non figuraban na edición do 2016, e con información sobre o certificado do CELGA.





3. A tradución dos versos “moi tristes” de Rosalía



O pasado 23 de decembro, despois dunhas 20 horas de viaxe, chegou de Toquio a Cambados na compaña do seu fillo Hiro. Agasalloume cun exemplar da 2ª ed. da Nova gramática galega e con outro da escolma de Follas Novas; e nada máis dedicarmos, con cara de inmensa satisfacción, díxome: “Xa traducín toda a obra en galego de Rosalía”. De Rosalía publicara no 2009 a edición xaponesa dos Cantares gallegos, cun CD con catro poemas interpretados pola soprano Miho Haga e a pianista Rika Nishikawa; e no 2014 dera a coñecer a primeira tradución do galego a outra lingua de Contos da miña terra, no 150 aniversario deste texto da cantora do Sar.



Á miña pregunta, “e agora que vas facer?”, contestoume que tiña que rematar un relatorio sobre o pronome átono ñe (por lle), con especial atención ó seu uso na fala de Cambados, para presentalo no Seminario de Lingüística Hispánica para profesores de español de Xapón, que no vindeiro marzo-abril organizan as universidades de Toquio, Osaka e Nagoia; e que xa estaba a preparar a 2ª edición da escolma de Follas novas, cun CD con textos interpretados por un grupo do Conservatorio de Música de Toquio, ós que lles está a aprender a pronuncia en galego, labor seica ben dificultoso. Ademais, quere organizar no 2019 un recital poético con textos desa obra de Rosalía.



E nos tres cursos académicos que lle quedan como profesor na Universidade Tsudajuku de Toquio, onde desde 1988 é docente de castelán como segunda lingua estranxeira (a primeira é o inglés), quere seguir impartindo un curso intensivo de galego a universitarios xaponeses, como tamén quere facelo no devandito Conservatorio, onde no curso 2017-18 tivo 20 alumnos, mentres que na universidade eran 15.



Desde que a comezos da década de 1990 participou en Santiago de Compostela nos cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros (e españois de fóra de Galicia), raro foi o verán que non veu aquí para gozar da amizade de moita xente que o aprecia, á que sempre agasallou cunha nova publicación; e sempre aproveitou as estadías estivais para procurar material para os seus proxectos lingüísticos e literarios.



A mediados do pasado xuño comunicoume que non podía vir a Cambados no verán. A súa muller falecera había unhas semanas, polo que se sentía moi triste e cunha dor moi profunda. Aínda así, seguiu coa revisión da Nova gramática e mergullouse de cheo na versión xaponesa dos versos de Follas novas, que anos antes non quixera traducir porque lle parecían “moi tristes”...



No cabo da escolma de Follas novas refírese ó seu estado anímico á hora de poñer na súa lingua os “moi tristes” versos da escolma rosaliana:



“Mentres traducía eu os versos de Follas novas, faleceu a miña muller Mari Yuko Tezuka ao final de marzo, tiña sesenta anos (...). Sentín no meu corpo as moitas dores que matan tal como escribiu Rosalía. Pois, coas tristezas e coa soidade realicei esta tradución á miña lingua, o xaponés, creo que co mesmo ánimo de Rosalía”.





4. O arelado recoñecemento á difusión de Galicia no Xapón



Foi boa mágoa que a Universidade Tsudajuku de Toquio non permitise a creación dun Centro de Estudos Galegos coma os que a Xunta de Galicia creou en universidades europeas e americanas, algúns dos cales levan anos sendo fachos de galeguidade. Aínda así, é admirable o que Asaka leva feito en Xapón pola lingua e cultura galegas desde que no 1985 se doutorou cunha tese de lingüística comparada, onde un dos idiomas investigados foi o galego moderno.



Cando está entre nós, defende a lingua propia de Galicia con amable intransixencia. Nos anos en que era alumno dos cursos de galego para estranxeiros teño visto como nos corredores do ILG recriminaba compañeiros seus por falaren en castelán, e non na lingua de Rosalía que viñan aprender. Uns anos despois, en Cambados paroume na rúa unha restauradora con moi boa sona que, con cara de certo abraio (aínda lembro a súa expresión, e pasou ben tempo), comentoume que fora xantar ó seu restaurante un xaponés que lle dixo que me coñecía, que lle falou en galego para lle pedir a carta do restaurante en galego, que non a tiña, e que lle rogou que lle falase en galego.



Nunca o escoitei falar en castelán, que debe coñecer ben, pois leva toda a vida ensinándoo; e nas moitas veces que temos estado xuntos, especialmente en Compostela e en Cambados, nunca vin que deixase de usar amablemente o galego cando os interlocutores insistían en empregar a lingua estatal.



Takekazu Asaka (Take ou Takiño para os amigos galegos) conta co recoñecemento e co cariño da xente que soña outra Galicia, onde se poida vivir plenamente en galego. En xuño do 2017 a Real Academia Galega nomeouno académico correspondente, do que se sente moi orgulloso; con todo, moitos arelamos que algún día a Patria Galega recoñeza a entrega e a xenerosidade deste “embaixador da lingua galega no Xapón” -así é como se presenta na tarxeta de visita-, deste brigadista do noso idioma.





Fefiñáns, 30 de decembro do 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario