Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 16 de novembro de 2020

O decreto de plurilingüismo nos Premios San Martiño 2020

O venres pasado, 13/11/20, entregáronse no Teatro Principal da Estrada os Premios San Martiño á Normalización  que este ano foron para A banda da Loba, no apartado de difusión da lingua no país, e para a Asociación Cultural Vagalumes no de difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. 

Quixen recoller aquí as reaccións dos dous colectivos premiados. Ambos coincidiron en denunciar o decreto de plurilingüismo. Este é o comunicado que deixou no facebook A Banda da loba:

Hoxe celebrouse a entrega dos Premios San Martiño na Estrada. Como dixemos no noso discurso, estamos moi agradecidas de recibir este recoñecemento por aportar o noso gran de area á normalización lingüística en forma de música. Chegar e achegar á xente nova poemas na nosa lingua baixo un envoltorio atractivo foi sempre un dos nosos obxectivos. O futuro do galego está nas súas mans e se uns se esforzan en que lles sexa alleo (lembremos que van dez anos co Decreto do plurilingüismo), outras temos que loitar para que entren en contacto con el por outras vías. Que o esforzo por facelo se vexa recoñecido significa moito para nós.

Tamén queremos dárlle os parabéns á Asociación Cultural "Vagalumes" polo seu premio e polo seu discurso desta mañá, claro e contundente. Nós, non podiamos rematar o noso dun xeito diferente a este: "Porque somos Penélope

a tecer e destecer un idioma

que nos resgarde do frío,

 para que o inverno non nos ispa de palabras

que non abrase coa súa fame predadora a colleita

 que non consiga nunca arrincarnos o lévedo que nos constrúe

que a buxaina siga bailando

  medrándose en fonemas

tomando máis e máis bocas. "

  Adondar a lingua (Celia Parra)

 

Agora tocaría darlle ao play no vídeo e escoitar a canción publicada o 31 de outubro, con motivo da celebración do Día das Letras. Xa que A banda da loba os citou, a seguir, o texto da recollida do premio da Asociación Cultural Vagalumes:

 Agradecemos á Asociación Cultura O Brado o premio San Martiño de Normalización Lingüística. Valorámolo como un recoñecemento á causa pola que existimos e traballamos, que non é outra que a posta en valor da nosa cultura, do noso patrimonio e, por enriba de todo, a nosa lingua. O galego é a razón máis importante pola que vimos traballando dende hai máis de 10 anos. De feito, a asociación “Vagalumes” xurdiu no seo da plataforma cidadá “Queremos galego”, que naceu en 2009 para facer fronte ao chamado Decreto de Plurilingüísmo para o ensino que, en realidade, baixo ese nome aparentemente atraente, o que viña era a reducir a presenza da nosa lingua en todos os niveis educativos, até o extremo de ficar o galego prohibido, por primeira vez na nosa historia democrática, en certas materias (e non por casualidade nas que gozan de maior prestixio). A sociedade galega mobilizouse contra este atentado ao noso idioma e na Estrada, como en moitos outros concellos do país constituíse a plataforma cidadá Queremos Galego. A partir dela naceu a Asociación Cultural Vagalumes, coa finalidade de axudar a dar a coñecer e a poñer en valor o patrimonio natural, material e inmaterial da nosa comarca que, debido á desidia da nosas institucións, se encontra en moitas ocasións sumido no esquecemento, abandono e menosprezo. Na Asociación Cultural Vagalumes entendemos que a través do coñecemento e posta en valor do patrimonio do noso concello e da nosa bisbarra podemos chegar ao recoñecemento de sermos quen somos, galegos e galegas orgullosos da nosa cultura e do noso país.

 

Mais, para chegar a iso, temos que partir do primeiro e máis esencial, a lingua galega, que está situada neste momento histórico nunha encrucillada en que se xoga o seu destino. O galego está nunha situación de perda acelerada de falantes novos, que son os que poden asegurar o futuro da lingua. Os propios datos oficiais mostran que se está a producir unha quebra na súa transmisión xeracional como nunca antes se producira; que, por primeira vez na historia, o galego non é a lingua maioritaria en Galiza; ademais, continúan a pesar sobre ela os vellos prexuízos que nunca chegaron a desaparecer, como a idea de que é unha lingua un tanto rústica e rural, polo tanto ineficaz e inadecuada para a vida urbana e moderna. De feito, os datos sobre o uso do galego entre a rapazada das cidades galegas son estarrecedores, pois mostran que está nunha situación practicamente residual.

 

E perante isto, nun momento tan crucial, cando sería fundamental termos unha política verdadeiramente normalizadora, con medidas para frear esta sangría constante de falantes, as institucións que teñen a obriga de implementala miran para outro lado. Ou ben, opóñense directamente a calquera medida que poida incidir nunha mínima recuperación do galego, como é o caso da nova lei de educación, que está en trámite parlamentar. O presidente da Xunta de Galiza súmase ás críticas lanzadas polo seu partido á reforma educativa presentada polo Ministerio, acusando ao goberno español de querer eliminar o castelán da educación. Sería para rir se non fose un asunto serio e ben triste. Aquí, no noso Concello, vivimos aínda hai moi pouco tempo o caso da prohibición expresa de utilizar a nosa lingua nos proxectos que se presentaren para a remodelación da praza na feira. En fin, o galego está sendo perseguido e acurralado polas propias institucións encargadas de promovelo e normalizalo. E o galego, a nosa lingua, é o instrumento que nós, os galegos e galegas, fomos construíndo ao longo de séculos de historia, para expresar a nosa visión do mundo, a nosa particular maneira de aprehender a realidade; en fin, a nosa cultura.

  Como dixo Castelao, “o galego non é unha obra de arte; é matriz inesgotábel de obras de arte”. Sen o galego, Galiza non existiría; por iso, todo o traballo que realizamos na Asociación Cultural Vagalumes, co obxectivo de posta en valor do patrimonio, de recuperación e difusión dos nosos escritores, de coñecemento da nosa historia, da memoria da represión e das vítimas do franquismo..., está inserido na defensa e reivindicación do maior valor que posuímos, a nosa lingua. Agradecemos á Asociación Cultural O Brado o premio San Martiño de Normalización Lingüística e esperamos que o recoñecemento que este premio supón sirva para contribuír a avanzar nos obxectivos que ten a nosa asociación; e, para nós, é un incentivo para continuar con máis forza no noso traballo, no que convidamos a participar a todas as persoas que sintan amor polo noso país. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario