Unha aportación ben interesante que marca unha liña vermella encol da convivencia lingüística e a un tempo demostra que o PP xa a ultrapasou xa no ano 2005.Evidénciase deste xeito que o seu interese de quen nos está a gobernar fica fóra de Galicia, aínda máis, es interese vai en contra todo o que se cualifique de galego e polo tanto en contra da Lei de Normalización Lingüística e de todo o ordenamento xurídico que a sutenta.
A RAG revalorízase con Henrique Monteagudo. Agardamos que isto sirva para incrementar o seu dinamismo e apertura social e facela máis próxima para todos. Monteagudo ten unha recoñecida experiencia que pode ser aproveitada para mellorar esta institución.
Velaquí reproduzo tamén o discurso:
Excelentísimo Señor Presidente da Real Academia Galega, dignas académicas e académicos, autoridades e representacións presentes, Señor Reitor, queridas amigas e amigos que me honrades coa vosa compaña,
miñas donas e meus señores:
Permítanme antes de máis facer explícito un monllo de agradecementos, a persoas fisicamente ausentes e mais a algunhas presentes. Ausentes en corpo, pero presentes no espírito, están os innúmeros amigos e amigas que me fixeron chegar a súa adhesión ao acto, pero ás que lles era imposible, por distintas razóns, acudir. Pero sobre, todo, algúns dos meus familiares, a comezar pola miña tía Cuca, que acaba de falecer aos noventa e pico de anos en Bos Aires, deixando onda nós a memoria da familia que sufriu nas súas carnes a emigración e o exilio, en Arxentina e no País de Gales; a seguir por meu pai, que me inculcou, malgrado seu, a paixón polas linguas; Xoana de Solleiros, a miña única curmá galega e a máis destra institutriz nos garridos falares e os preciosos saberes do sector agrario da tribo; os meus chorados irmáns Moncho e Gloria, cos que compartín treitos e fitos cruciais da miña vida. Tamén quero traer os nomes de tres saudosos amigos que figuran na Compaña dos bos galegos: Fernando Tato, Xoán González-Millán e Carlos Casares.
Dos fisicamente presentes, permítanme que saúde de xeito especial á miña nai e a miña sogra, aos meus irmáns, irmás e cuñados (sobre todo Álvaro) e aos sobriños e sobriñas; ás compañeiras e compañeiros da
Universidade, da Facultade, do Departamento, do Instituto da Lingua e mailos e as estudantes que tiveron a xentileza de acompañarnos e que constitúen a máis sólida esperanza de futuro; aos colegas do Consello da
Cultura Galega, ás amigas e amigos das Fundacións Penzol e Carlos Casares e mais da Editorial Galaxia, e finalmente, ás tres persoas máis importantes para min, as miñas fillas Einés e Minia e sobre todo á miña dona, Loli, a quen dedico este texto, como humilde anticipo dunha débeda longa e que adiviño impagable.
LIMIAR
Cando un se atopa ante a responsabilidade de escribir un discurso coma o presente, o primeiro que ten que decidir é o tema de que vai tratar. Nesta ocasión, tendo en conta tanto a traxectoria académica e ntelectual de quen lles fala como as serias e moi xustificadas inquedanzas que a todos nos embargan nos tempos que corren, o asunto impúxose coa forza dunhaevidencia: era obrigado ofrecer unha reflexión arredor da situación do idioma galego. Cando apareceron as dúbidas, os dilemas e as ansiedades, foi á hora de escribilo.
En parte, estas dificultades son de orde obxectiva: veñen impostas pola extrema complexidade do asunto e atópanse magnificadas pola conxuntura que estamos atravesando, de crise profunda e estendido desconcerto. Outra parte, non menor, é de orde subxectiva: comezando polas propias perplexidades intelectuais que atordan ao orador que lles fala, seguindo pola sensación de frustración e o conseguinte desacougo provocados polos reveses que leva sufrindo o idioma galego nos últimos tempos e as avesías incertezas sobre o porvir, e rematando polas interrogacións sobre cal sería a mensaxe oportuna que cumpría enviar nestes momentos á opinión pública.
Ninguén pode dubidar que a lingua galega está a vivir unha grave crise. Pero é unha crise que se insire no panorama moito máis amplo duncataclismo de alcance histórico. Vivimos tempos moi difíciles. Un xigantesco terremoto económico, provocado pola voracidade insaciable a fracción máis cobizosa do capitalismo especulativo, está a espallar a miseria e a ruína polo planeta e leva camiño de provocar un retroceso de décadas nas conquistas da sociedade civilizada, singularmente na nosa Europa.
Dirixímonos a fume de carozo cara a un modelo social fundado na supremacía do interese privado e a postergación dos intereses comúns, na hipertrofia do individualismo e a liquidación do público, con
consecuencias ben coñecidas: un reparto cada vez máis inequitativo da
riqueza, a penuria dos servizos sociais e a limitación das oportunidades para o común da xente, una sociedade polarizada entre unha diminuta minoría cada vez máis podente e unha inmensa maioría en constate precarización, co Estado desentendido da sorte da cidadanía e encargado
sobre todo de protexer a seguranza e os intereses dos privilexiados. Ante a complicidade dos gobernos, espállase a desorientación e ouvean ceibes polas rúas do vello continente os cans danados dun cínico egoísmo, a xenofobia e os diversos fanatismos. En definitiva, atopámonos en plena travesía acelerada dun Estado de relativo benestar a un Estado de malestar sen paliativos.
Ante este panorama, ao convidarmos á audiencia a que reflexione sobre a situación do noso idioma ou alertarmos sobre as ameazas que se cernen sobre o seu porvir, puideramos dar a impresión de que pretendemos entregarnos a unha especulación se cadra entretida pero máis ben ociosa, con risco de derivar en fútil desabafo, ou peor, un censurable desvío da atención con respecto aos prementes arregueixos que nos espreitan.
A crise lingüística que estamos sufrindo semella unha nimiedade comparada coa catástrofe que nos abala. Seicasí, existe un fío condutor que conecta unha e outra, talvez imperceptible, mais non por iso menos real. Porque o modelo económico e social (e, como corolario, cultural) que ameaza con engulir as conquistas dos traballadores e traballadoras e mergullar de novo na escravitude a maioría do xénero humano, é o
mesmo que leva camiño de estragar definitivamente o equilibrio ecolóxico do planeta e ao mesmo tempo arrasar co proteico patrimonio cultural da humanidade, do que forma parte substancial e inseparable a diversidade lingüística. E polo mesmo sumidoiro por onde ameaza escoar o multiforme tesouro idiomático e cultural da nosa especie, corren o risco de se esvaer tamén a orixinalidade e a creatividade humanas, que de todos os xeitos carecerían de propósito no deserto raso, estancado e amorfo, unánime e perpetuamente semellante a si mesmo, cara ao que parecen querer arrastrarnos.
O devandito soa apocalíptico. O máis probable é que non aconteza, pero xamais convén perder de vista que pode acontecer, que de feito non está lonxe de acontecer, e que impedilo está da nosa man. Se nos deixamos levar, se non tomamos a iniciativa, se non permanecemos en estadio de alerta constante e continua disposición para actuar, podemos rematar aí.
Secomasí, o autor destas liñas é especialista en sociolingüística, e este modesto profesor é consciente de que a benemérita corporación que hoxe o acolle reparou nel e decidiu distinguilo, non polas inquedanzas que como cidadán partilla con outros moitos, mais polo seu labor académico, e nun senso máis amplo, intelectual, sobre e a prol da lingua de noso. E, dado que por este acto o devandito profesor pasará a formar parte da corporación que o quixo honrar, e visto que esta ten como principalísima entre as súas tarefas a de defender, cultivar e promover o idioma galego, o asunto para tratar hoxe non podía ser outro que o mesmo idioma, máis en concreto, a súa problemática situación actual. Unha reflexión que se fará desde a sociolingüística.
Como experto en sociolingüística, quen lles fala é interpelado adoito por persoas que ou ben reclaman solucións prestas a aplicarse e de efecto inmediato, ou ben, cando un advirte que estas non existen, se queixan da inutilidade da nosa disciplina. Máis dunha vez me teño visto obrigado a esclarecer que os sociolingüistas non somos médicos especializados en sandar idiomas, nin podemos expedir receitas máxicas para resolver as súas presuntas doenzas. Por parte, non existe unha ciencia que poida ofrecer remedios precociñados para os problemas sociais.
A sociolingüística é un campo de estudos sistemático, que dispón de instrumentos adecuados para obter información relevante e que se dotou de procedementos rigorosos para elaborar e testar hipóteses
interpretativas. Nese sentido, é unha disciplina científica. Pero como a realidade social non se rexe por leis infalibles, a sociolingüística non é unha ciencia exacta. Pode contribuír a identificar, analizar e ilustrar os
problemas, pero a quen corresponde confrontalos é á sociedade mesma. E estes problemas constitúen adoito frontes abertas de conflitos, campos de colisión de intereses, de sensibilidades ou de puntos de vista, onde se libran duras batallas políticas e ideolóxicas, e por tanto son susceptibles de distintas, mesmo contraditorias, interpretacións e de diferentes, incluso contrapostas, solucións. O sociolingüista non pode permanecer alleo a esas tensións, pero, se é honesto e minimamente competente, procurará non quedar atrapado dun parti pris previo. Iso vai tentar o autorno texto que segue.
O CERNE DA CUESTIÓN: NORMALIZACIÓN E AUTOGOBERNO
A recuperación das liberdades en España chegou indisolubelmente asociada ao recoñecemento do dereito ao autogoberno das nacionalidades e rexións, recoñecido na Constitución. Democracia e autonomía son, pois, dúas caras da mesma moeda. No caso das nacionalidades con lingua propia, recoñecida como tal polos respectivos estatutos, a promoción desta considerouse tarefa prioritaria das institucións de autogoberno. O obxectivo desa promoción cifrouse na normalización deses idiomas. Máis adiante tornaremos sobre este concepto, tan merecente canto necesitado de esclarecemento. Deixemos agora sentado que autogoberno e normalización do idioma galego (e analogamente, do éuscaro e o catalán / valenciano) foron e son dúas caras da mesma moeda. O obxectivo da normalización, e mesmo o emprego
deste termo, foi formalmente establecido por unha lei do Parlamento de Galicia, a Lei de Normalización Lingüística de Galicia, aprobada por unanimidade en 1983.
Na nosa opinión, o consenso glotopolítico que se foi fraguando ao longo do primeiro ciclo histórico da autonomía de Galicia (un ciclo que se pode dar por pechado entre 2005 e 2010), fundábase en tres conviccións mutuamente encadeadas: a) a asociación entre o autogoberno de Galicia e a normalización do idioma propio estaba solidamente asentada na sociedade, b) estas dúas nocións concitaban un asenso xeneralizado entre as forzas políticas máis representativas, e c) aínda que xa efectivas e operantes, ambas eran consideradas realidades en andamento progresivo, por tanto non culminadas nin pechadas, senón susceptibles de reforma e profundización.
Sobre estas conviccións descansaba a confianza máis ou menos implícita de que os receos, resistencias e dúbidas que podían albergar uns ou outros sectores cara ao autogoberno e cara á normalización lingüística se irían disolvendo na práctica mediante a implicación dos distintos axentes políticos e sociais na xestión das institucións públicas a distintos niveis, por obra da propia utilidade da autonomía para conseguir melloras
significativas nas condicións de vida da maioría da sociedade e, no caso concreto da política a prol do galego, na situación do idioma de noso.
Na nosa opinión, esas expectativas canto á capacidade de integración da autonomía e da política lingüística dos sectores reticentes ou desconformes parecían razoables, pero os feitos demostraron que eran
optimistas de máis: dunha banda, os resultados quedaron por debaixo das expectativas, doutra banda, as inercias e as resistencias foron máis profundas, poderosas e duradeiras do que se podía prever.
E así, nos últimos anos emerxeron con forza os discursos contra a normalización do galego que nunca deixaran de facerse oír, pero que nas décadas pasadas atinxiran escaso eco social e nulo efecto político.
Coidamos que aínda está por esclarecer ata que punto eses novos discursos responden a un cambio real da sociedade galega, das expectativas e aspiracións de sectores sociais significativos dela, ou, pola contra, constitúen un fenómeno máis superficial, amplificado ao sabor de puras tácticas partidistas ou mediáticas, e por tanto previsiblemente efémero. Sexa como for, ao longo dos debates dos anos pasados quedaron bruscamente espidas as fraquezas dos apoios sociais e políticos, do proxecto e do discurso a prol da normalización do idioma.
Noutros textos publicados nos dous últimos anos témonos ocupado da análise dos discursos tanto sobre a ‘liberdade lingüística’ como a prol da normalización do galego. Sobre esta mesma análise tornamos no texto publicado do presente discurso, desta volta apoiándonos nun estudo máis repousado dos datos ao noso dispor, reforzando a argumentación sociolingüística e alargando o horizonte da nosa reflexión.
Canto á análise pormenorizada dunha serie de datos relevantes sobre o cambio de lingua en Galicia, a súa cuantificación e a determinación das súas circunstancias e posibles motivacións, remitimos á versión impresa
do discurso, pois sería improcedente desenvolvela no resumo, necesariamente breve, que lles estou ofrecendo. No que atinxe á reflexión, apóiase na firme crenza de que a crise do proceso de normalización do idioma galego é inseparable da crise do autogoberno, máis aínda, do proceso de construción de Galicia como nacionalidade, e constitúe un síntoma, se cadra dos máis significativos, desta. Por tanto, sostemos que o que en realidade está en cuestión é a lexitimidade do autogoberno de Galicia.
Obviamente, o autor destas liñas non é a persoa idónea nin esta ocasión constitúe o momento indicado para desenvolver esa tese, que así e todo subxace en todo o que se dirá a seguir. En troca, si que consideramos
pertinente, por non dicir imprescindible, ilustrar a nosa aseveración previa: a crise da normalización da lingua está asociada á da autonomía de Galicia e constitúe un dos seus síntomas máis alarmantes.
Segundo a nosa opinión, o núcleo do problema sociolingüístico de Galicia vén constituído polo proceso de substitución lingüística do galego. A resposta tradicional que o réxime democrático e autonómico deu a este
problema foi tentar reverter ese proceso, obxectivo que se considerou central na ‘normalización lingüística’ do galego. O novo discurso sobre a ‘liberdade lingüística’ que sustentan os sectores belixerantes contra
aquela sostén que o núcleo do problema non é o devandito, senón a imposición do idioma propio do país, e que a resposta proporcionada a este problema é a suspensión ou mesmo a reversión das políticas de
protección e promoción do galego. Algúns pasos xa se teñen dado nese sentido. Tentaremos analizar o marco intelectual deste discurso e demostrar a súa falta de fundamento.
Afrontamos, pois, esta singradura non co ánimo de solucionar un enigma académico, por máis apaixonante que este puidese resultar, senón de contribuír a esclarecer un problema social. Non se nos escapa que
soamente imos tratar algunhas facetas deste problema, que coidamos que non son menores. Para a nosa idea, a contraposición entre normalización do galego e liberdade lingüística é unha falacia que nace tanto dunha serie de malentendidos sobre o que é a primeira, canto dunha lectura tendenciosa da segunda. A liberdade é precondición esencial da normalización lingüística, ao tempo que, segundo nós a entendemos, a
normalización do galego é unha garantía esencial da liberdade lingüística.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. PRESUPOSTOS E IMPLICACIÓNS
Como dixemos, o tramado de relacións entre as linguas e as sociedades é extraordinariamente intricado. É que, cando se estudan desde o punto de vista das súas condicións de existencia histórica, descóbrese que as linguas (os seus múltiples usos, as valoracións que se lles atribúen) son fenómenos entrefebrados de moitos xeitos distintos, uns mediatos e outros inmediatos (e polo mesmo, uns evidentes, outros non tanto),
cunha ampla variedade de aspectos da vida colectiva. E pensando xa especificamente nos casos de bilingüismo social, as dinámicas da produción e reprodución das linguas en contacto, de avance dunha a custa da outra, poden verse afectadas por unha grande variedade de procesos, tales como transformacións económicas, migracións, implosións ou explosións demográficas, catástrofes ecolóxicas, innovacións tecnolóxicas (sobre todo no eido das tecnoloxías da comunicación), conflitos bélicos ou confrontacións entre grupos étnicos ou sociais, incluíndo, nótese ben, decisións ou actividades non especificamente lingüísticas de autoridades políticas, relixiosas ou outras.
A idea básica que subxace á política lingüística é que, abandonada ao xogo das dinámicas sociais resultantes dos procesos do tipo dos que acabamos de mencionar, e como efecto colateral dalgunha delas (ou dunha
combinación de varias delas), unha determinada situación sociolingüística pode evolucionar nun sentido non desexado por unha maioría dunha comunidade dada. Máis particularmente, as políticas de defensa e promoción dos idiomas ameazados parten da constatación de que, abandonados ao acaso das dinámicas que nun momento dado os arrastraron á súa marxinación e posteriormente os apuxan cara á súa desaparición, eses idiomas, efectivamente, desaparecerán.
Esas políticas apóianse, pois, na vontade dos grupos sociais que achan inxustificable, indesexable e contraria aos seus intereses a subordinación e a desaparición de tales idiomas, e teñen como obxectivo corrixir ou
mitigar os efectos prexudiciais de dinámicas sociais de distinto tipo, coma as antes amentadas, que poden afectar negativamente a unha lingua ou ao grupo lingüístico correspondente.Desde esta perspectiva, a política lingüística normalizadora constitúe unha ferramenta das comunidades concernidas para remediar situacións que estas xulgan indesexables, e presupón un certo grao de autorregulación de tales comunidades. A política lingüística responde, pois, á arela das sociedades democráticas contemporáneas de controlar os seus destinos, velando pola preservación de bens comúns valiosos, no canto de abandonalos á súa sorte, ao incerto xogo de forzas e poderes situados fóra do alcance da cidadanía. É un factor de autoxestión, orientado a garantir a igualdade e liberdade dos falantes e dos grupos lingüísticos, preservando
o pluralismo e facilitando o desenvolvemento e realización plenos dos individuos e das distintas comunidades lingüístico-culturais.
Ao longo da nosa historia contemporánea a reivindicación do galego foi formulada en termos de nacionalización, isto é, dunha modernización autocentrada do noso país. Como aconteceu en toda Europa, os promotores desa reivindicación presentárona como unha restauración, unha volta ás orixes, fosen estas entendidas como ‘raíces populares’ ou como ‘raigañas históricas’ (ou ambas). Despois de décadas de estudo sobre os nacionalismos, temos a certeza de que, por paradoxal que isto pareza, a retórica da restauración da identidade e da volta á autenticidade da cultura tradicional acompañou os procesos de modernización social (nomeadamente a urbanización) inseparables da creación das nacións contemporáneas. O mesmo pode dicirse dos procesos de ‘normalización’ de linguas previamente subordinadas, moitas delas carentes de tradición literaria ou incluso ágrafas: a súa promoción xustificouse en termos de recuperación do idioma auténtico e propio do pobo, ao tempo que abocou á súa modernización.
Como é sabido, no estado español pugnaron entre si dous modelos de nacionalización e modernización rivais: o modelo centralista, de nacionalización monocéntrica conforme o molde castelán, que implicaba a
marxinación das linguas e culturas ‘periféricas’, e o modelo pluralista, de nacionalización policéntrica, co recoñecemento da diversidade lingüística dos distintos pobos, sen negar o papel do castelán como lingua franca. O modelo predominante foi o centralista, que se pretendeu impor mediante políticas coercitivas, cando non abertamente autoritarias. Por iso, no contexto español, centralismo e restrición ou falla de liberdades van estreitamente da man; e polo mesmo, a estas alturas da historia resultan tan pouco cribles as propostas de centralismo xacobino, por moito que se envurullen nun discurso liberal.
Por parte, logo da amarga experiencia do franquismo, ao recoñecer e garantir no seu artigo 2º o “dereito á autonomía das nacionalidades e rexións”, a Constitución de 1978 abriu a posibilidade de ensaiar un modelo de nacionalización moderadamente policéntrica, aínda que fose con cautelas e limitacións. A seguir, constituíronse comunidades autónomas, algunhas das cales se definiron como ‘nacionalidade histórica’
nos seus estatutos, como acontece no Estatuto de Autonomía de Galicia, que no seu artigo 1º declara:
“Galicia, nacionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ao seu autogoberno”.
En varias comunidades autónomas con lingua propia, entre elas Galicia, están vixentes leis que se titulan de normalización lingüística, nas que esta aparece enunciada como obxectivo fulcral das políticas lingüísticas desas comunidades. O termo normalización lingüística ten, por tanto, carácter oficial, pois figura tanto no Estatuto de Autonomía de Galicia como na Lei do Parlamento de Galicia así titulada. Tanto é así, que para definilo en termos xurídicos podemos acudir ao propio Tribunal Constitucional, que na súa recente sentenza sobre o Estatuto de Autonomía de Cataluña sinala o alcance da normalización lingüística ao confirmar “a procedencia de que o lexislador poida adoptar as axeitadas e proporcionadas medidas de política lingüística tendentes a corrixir, de existiren, situacións históricas de desequilibrio dunha das linguas oficiais respecto da outra, reparando así a posición secundaria ou de postergación que algunha delas puidera ter” (STC, EAC, FJ 14a; a tradución é nosa).
Así e todo, o devandito refírese aos obxectivos ‘patentes’ da política lingüística, isto é, os relativos ao coñecemento xeral, uso oficial e valoración social do idioma. En efecto, a normalización lingüística é un
obxectivo en si mesmo, pero non podemos esquecer que, ademais, contribúe a unha meta, non explícita, de maior alcance. Esa non é outra que a da afirmación de Galicia como país (‘nacionalidade’, segundo o
Estatuto de Autonomía vixente) a través do autogoberno. Un autogoberno alicerzado tanto nunha visión colectiva dos nosos intereses compartidos e privativos canto na nosa condición de pobo dotado dunha personalidade propia e orixinal. Xa que logo, a normalización lingüística é un propósito inseparable da autonomía política de Galicia, que pola súa vez constitúe un instrumento para o noso autogoberno e a afirmación da nosa identidade nacional.
O devandito está claramente expresado no preámbulo á Lei de Normalización Lingüística aprobada no Parlamento de Galicia en 1983. Paga a pena citalo:
“O proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos, tivo para Galicia dúas consecuencias profundamente negativas: anular a posibilidade de constituír institucións propias e impedir o esenvolvemento da nosa cultura xenuína […] Sometido a esa despersonalización política e a esa marxinación cultural, o pobo galego padeceu unha progresiva depauperación interna […] que foi constantemente combatida por tódolos galegos conscientes da necesidade de evitar a desintegración da nosa personalidade.
A Constitución de 1978, ao recoñecer os nosos dereitos autonómicos como nacionalidade histórica, fixo posible a posta en marcha dun esforzo construtivo encamiñado á plena recuperación da nosa personalidade colectiva e da súa potencialidade creadora. Un dos factores fundamentais desa recuperación é a lingua,
por ser o núcleo vital da nosa identidade. A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. […]
A presente Lei, de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía, garante a igualdade do galego e o castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo”.
Xa que logo, a normalización do galego só será viable no contexto dun proceso máis amplo de afirmación de Galicia como comunidade de seu, isto é, dunha aposta decidida da nosa sociedade polo autogoberno,
apoiado na conciencia maioritaria de constituírmos unha nacionalidade. Estes son obxectivos non só compatibles co marco político-legal vixente (cousa distinta é que se puidesen realizar de xeito máis satisfactorio noutros marcos), senón en certa maneira implícitos nel, ou a menos contidos nel como unha hipótese recoñecida e lexitimada.
A contrario, a normalización do galego é impensable nun contexto de disolución da identidade e involución do autogoberno de Galicia, isto é, de hexemonía dun proxecto centralista e uniformizador, que con toda coherencia favorecerá a asimilación lingüística e por tanto a substitución do galego. Por outras palabras: un proxecto de desnacionalización de Galicia é incompatible coa normalización do galego, e o seu triunfo
conduciría inexorablemente á aniquilación do noso idioma.
Resultaría escusado lembralo, pero tal como están os tempos, cómpre facelo: todo o conxunto de afirmacións anteriores non expresa teses específicas do nacionalismo galego. En particular, non implica asociar a defensa da lingua coa ideoloxía ou os partidos nacionalistas, nin soster que a fortuna ou infortunio daquela dependerá do suceso ou fracaso destes. Porque, como dixemos, son afirmacións contidas ou apoiadas no ordenamento xurídico-legal vixente, que expresan consensos políticos e sociais laboriosamente forxados e que comprometen a todos. Por tanto, poñen de vulto que a normalización do galego interesa a toda a cidadanía galega, e non é nin pode ser asunto reservado aos nacionalistas.
Agora, ¿que se entende por normalización lingüística? Para a nosa idea, esta pode entenderse como un proceso ou como unha meta, un ideal. Coidamos que a concepción como proceso é máis ou menos pacífica: abrangue iniciativas de distinto tipo e alcance, orientadas tanto á dignificación e promoción dunha lingua ameazada e da cultura que se lle asocia, canto ao empoderamento da comunidade que a fala.
Máis problemática se presenta a definición da normalización lingüística como meta ou ideal. Cando pedimos á xente que defina o obxectivo da normalización lingüística, a resposta máis frecuente que obtemos é: “conseguir que unha lingua sexa normal”. Porén, esta resposta non é tan obvia; de feito, a pouco que escaravellemos nela decatarémonos que a normalidade lingüística é unha noción normativa que pode entenderse basicamente de dúas maneiras distintas: unha delas adopta a perspectiva do falante individual, outra a da sociedade no seu conxunto.
Segundo a primeira, un idioma é normal cando as persoas que o falan poden utilizalo sen atrancos nin limitacións nos distintos ámbitos da súa vida diaria: familia, traballo, lecer,... Conforme a segunda, un idioma é normal cando ademais cobre as funcións comunicativas básicas dunha sociedade: educación, administracións, medios de comunicación, lecer, empresas e comercios, etc.
Estas dúas perspectivas non son contrapostas senón complementarias, pero cada unha destas visións pode descansar en concepcións distintas, e incluso mutuamente contraditorias, da normalidade lingüística. Se
limitamos a idea de normalidade lingüística á primeira acepción, isto é, a que un individuo poida usar libremente o seu idioma, situámonos no terreo das concepcións individualistas, liberais, da normalidade (e por tanto, da normalización) lingüística. Se a ampliamos no sentido da segunda acepción, subliñaremos a complementariedade das dúas perspectivas, individual e social: o falante individual dificilmente poderá
disfrutar da normalidade da súa lingua, se esta non asenta nunha normalidade social.
Ora, as limitacións da concepción individualista da normalidade lingüística saltan á vista unha vez que un se fai unha pregunta tan elemental coma esta: cando se afirma que aquela consiste en que cada individuo poida utilizar a súa lingua sen limitacións, isto refírese só a el como falante activo (emisor) ou tamén como receptor? A normalidade do galego para min, canto falante individual, significa soamente que eu podo utilizalo sen atrancos? Ou significa máis ben que as actividades básicas en que eu participo habitualmente se desenvolvan no meu idioma?
Entendida desta segunda maneira, a normalidade da lingua non só implica que eu me poida desenvolver en galego, senón que esixe que outros interlocutores e emisores (persoas ou instancias impersoais) me
comuniquen na mesma lingua. É obvio que a concepción individualista resulta insuficiente e claramente insatisfactoria. Por que razón?Simplemente, porque non dá conta da imbricación inseparable que, cando
falamos de linguas, existe entre o individual e o colectivo, ou se se quere, interpersoal. E isto condúcenos a outro asunto que nos ocupará hoxe.
O DISCURSO NEOLIBERAL E A FALACIA DA ‘LIBERDADE LINGÜÍSTICA’
Ultimamente, ao proxecto da normalización lingüística véuselle contrapor o discurso da liberdade de lingua. Isto é así non porque unha cousa sexa incompatible coa outra, mais ben ao contrario: a normalización lingüística ben entendida ten como obxectivo establecer as condicións para o pleno exercicio da liberdade dos e das falantes, sendo ademais que esixe como requisito imprescindible a democracia, como a historia española do século pasado ilustra. Acontece que a noción de ‘liberdade lingüística’ que se puxo a circular nos últimos anos foi elaborada explicitamente como marco de intelección contrario á de ‘normalización do galego’. Isto xustifica que nos deteñamos a analizala brevemente.
Comezaremos por observar que aquela noción responde a unha aplicación mecánica ao dominio da linguaxe de concepcións ideolóxicas ultraliberais, que defenden un individualismo irrestrito, pregoan as bondades do ‘libre mercado’ fóra de todo control social e aspiran á mercantilización de todas as ordes da vida. Tales concepcións abstraen os individuos das condicións sociais da súa existencia, entes isolados que só se realizarían como seres plenamente libres ao axiren no marco dun mercado desregulado.
Aplicada ás linguas, esa visión propugna o ideal dun individuo que pode escoller o idioma que fala no marco dun mercado lingüístico aberto no que ‘naturalmente’, por efecto da libre concorrencia, se imporá a lingua
que máis vantaxes comparativas ofrece. A uniformización lingüística seguirase ‘loxicamente’, a beneficio de todos, da expansión da lingua máis competitiva. Isto é, o vello darwinismo social fundado na mecánica da
selección natural (a loita pola supervivencia, na que se impón o individuo máis apto) lido cos lentes do novo capitalismo global. Velaí, en síntese, o cerne doutrinario do ultraliberalismo lingüístico.
Sobre as devanditas premisas, distínguese entre as linguas étnicas (vencelladas ás identidades impostas de comunidades pechadas e regresivas) e a lingua cívica (asociada á libre participación na cidadanía dunha sociedade aberta e progresista), e sostense que a problemática das linguas remite aos dereitos dos individuos, ao tempo que se rexeita o recoñecemento da existencia de dereitos lingüísticos colectivos.
Pois ben, esas dicotomías que contrapoñen dunha banda o individual co colectivo e doutra o étnico co cívico están fóra de lugar cando tratamos de idiomas. Cada lingua é ao tempo e inseparablemente un fenómeno persoal e colectivo, e expresa simultaneamente a identidade de cada individuo e dos grupos sociais cos que se referencia (non só das nacións, tamén outras identidades: de xénero, de idade, de clase, etc.). A única maneira de aprender unha lingua viva é utilizándoa na interacción, e por iso carece de sentido a noción dun idioma que fose lingua de un só individuo illado. A lingua é un fenómeno inherentemente interpersoal. De máis a máis, toda lingua normalizada posibilita –de feito, é condición indispensable para– a participación de todas e cada unhas das persoas, a través da comunicación e do diálogo, na construción colaborativa dunha cidadanía partillada e na conformación da opinión pública.
Así mesmo, a noción de que os individuos escollen libremente a lingua que falan no día a día é, salvo excepción, sinxelamente quimérica, pois cada persoa aprende a falar, por inmersión no medio social en que se desenvolve, na lingua (ou no seu caso, coa linguas) coa que está en contacto nos primeiros anos da súa vida, e só en casos especiais ten a posibilidade de optar máis tarde por falar outra ou outras linguas.
Dixemos optar por, pero mesmo cando se dá esta posibilidade non acostuma ofrecerse como unha opción que o individuo é libre de escoller; máis ben, serán as condicións ambientais (e particularmente, as redes
sociais en que un participa, o mercado de traballo ou as oportunidades de integración e promoción social) as que o convidarán ou o forzarán a usar esa segunda lingua. Por parte, en condicións normais ningunha persoa abandona a súa primeira lingua a favor doutro idioma; isto faise cando a un non lle queda outra (por exemplo nos casos de emigración), e raramente por decisión voluntaria.
Xa é sospeitoso que as máis apaixonadas defensas da ‘liberdade lingüística’ procedan de ámbitos monolingües, no noso caso, da España central. De feito, nas sociedades monolingües a cuestión da ‘liberdade lingüística’ simplemente carece de sentido, non ten lugar, por ausencia de ‘condicións de posibilidade’. Só nas sociedades plurilingües se dan esas condicións. Cal é a marxe de opción lingüística dunha persoa nacida e residente en Sevilla, Madrid, Santander ou Zaragoza? Por que a esixencia de coñecemento do castelán (aínda que sexa implícita) para acceder aos postos de traballo en calquera desas cidades non constitúe ningunha caste de imposición , e en troques a esixencia de coñecemento do galego para eses mesmos postos de traballo en Lugo, Pontevedra ou Betanzos si que resulta unha
imposición inaceptable?
Do mesmo xeito, a idea segundo a cal tanto as dinámicas de relación entre as linguas canto as opcións lingüísticas dos individuos estarían reguladas por un mercado lingüístico libre constitúe unha falacia contraria a toda a evidencia e todo o saber acumulado pola sociolingüística, pois ignora os complexos aspectos culturais, sociais, políticos e económicos que entran en xogo nas situación de contacto e conflito lingüístico e os motivos que poden levar os individuos e comunidades a abandonar a súa lingua orixinal para adoptar unha distinta. As diferenzas entre linguas remiten ao final a desigualdades de todo tipo das comunidades de falantes.
Ademais, o punto de vista economicista impón un reducionismo inaceptable sobre a complexa realidade multidimensional das linguas, coas súas compoñentes psicolóxicas, sociais e culturais: os idiomas son
moito máis ca produtos mercantís, do mesmo xeito que as persoas somos moito máis ca simples actores económicos, consumidores ou forza de traballo.
A falsificación da historia chega á negación das políticas de imposición do castelán promovidas polo Estado, que durante longas e recentes etapas da nosa historia adoptaron modalidades salvaxemente represivas: pénsese só nas dúas ditaduras que enchen o século XX español. Os galegos e galegas, nin como individuos nin colectivamente, tivemos nunca a opción de abandonar libre e voluntariamente o galego para preferir o castelán. Máis ben, o abandono do galego é consecuencia directa dunha política de efectos devastadores para Galicia, e en particular sobre as súas clases populares, unanimamente galego-falantes ata hai poucas décadas. O propio preámbulo da Lei de Normalización Lingüística, que antes citamos, o explicita con toda rotundidade.
Finalmente, os partidarios da suposta liberdade lingüística insisten nos dereitos dos falantes, contrapoñéndoos aos dereitos das linguas, isto é, das comunidades lingüísticas. Pero eles non reivindican nin poderían reivindicar os seus dereitos –que segundo reclaman, estarían sendo vulnerados polas leis e as políticas normalizadoras–, en canto individuos illados nun mercado libre. Reclámanos como grupo social e en nome dunha Constitución que declara o castelán lingua oficial do Estado e que, por certo, proclama o deber dos cidadáns dese estado de coñecer esa lingua: a previsión máis impositiva en materia de lingua de todo o tramado xurídico-legal español. Se esa reclamación se fixese a título puramente individual, teriamos tamén que recoñecer os dereitos dos falantes do árabe, do inglés, do romanés, do bérber e de todas as linguas dos inmigrantes, turistas e visitantes.
Todos nos decatamos de que unha cousa é o dereito que ten todo individuo a falar, aprender e usar libremente calquera lingua, un dereito humano básico que debe ser respectado en calquera parte do mundo e en calquera situación, e outra cousa moi distinta é a realidade de que dependendo do lugar ou a ocasión en que un se atope, determinada lingua é ou non é útil (ou máis útil ou vantaxosa ca outra) para a
comunicación e a integración sociais.
Aínda máis, todos nos decatamos, porque é evidente, de que unha cousa son os dereitos individuais de todo falante de calquera lingua e outra cousa distinta é o uso dunha ou outra lingua nos servizos que as
administracións públicas e as empresas están obrigadas a prestar aos cidadáns, usuarios ou consumidores, cousa esta dependente do arraigo social destas e/ou da regulación oficial do seu uso nunha serie de ámbitos
(administración, xustiza, sistema educativo, etc.). Por iso, a noción de ‘mercado lingüístico libre’ só pode ser tomada como unha metáfora máis ou menos enxeñosa, pero nunca coma unha clave explicativa dos
mecanismos e das dinámicas sociais de relacionamento entre as linguas ou entre os falantes.
Aínda máis, dado que todo individuo aprende de xeito espontáneo a lingua ou linguas do contexto social en que nace e se desenvolve, e dado que o uso da lingua esixe necesariamente interlocutores/as a quendirixirse e redes sociais a través das cales comunicarse, cando se trata de idiomas carece de sentido a dicotomía que opón o individual e o colectivo.
E tanto pola inevitable asociación das linguas con tradicións culturais e identidades de grupo, canto polas esixencias da organización da comunicación social, o recoñecemento e o uso público das linguas vén
necesariamente establecido e regulado de xeito máis ou menos explícito e máis ou menos rigoroso por diferentes poderes, e nomeadamente os do estado.
En definitiva, existen dereitos lingüísticos universais, pero a regulación destes e dos deberes públicos con respecto aos falantes necesariamente se realiza en marcos político-territoriais definidos. Así, por exemplo, os escolares teñen o dereito universal a recibir o ensino na súa lingua, pero iso non intitula a ningún individuo particular para reclamar que a súa filla sexan escolarizada en castelán, galego ou francés en Helsinki, Tokio ou Kuala Lumpur.
De aí a falacia da noción de ‘imposición do galego’: se o galego é plenamente oficial en Galicia, e se a nosa lexislación sinala como un obxectivo colectivo a normalización do seu uso social, simplemente carece
de sentido falar de ‘imposición’ da nosa lingua no territorio galego. O que en realidade acontece é que hai persoas e estamentos sociais que aspiran a vivir, traballar e desenvolverse en Galicia ignorando a existencia do galego. Como nun momento dado comezaron a ter a sensación de que a competencia bilingüe que rexeitan adquirir podía acabar supoñendo unha certa avantaxe en relación co monolingüismo en castelán ao que se aferran, deron en queixarse da ‘imposición’ do galego. Se o común dos cidadáns e cidadás de Galicia, pola forza das cousas, ten que saber e usar o castelán independentemente do seu gusto ou preferencia, iso non é ‘imposición’; iso é ‘liberdade’ grazas ao ‘mercado lingüístico’. Se se tenta
compensar esa situación de feito mediante a promoción do galego, iso si que é imposición, contraria á ‘liberdade lingüística’.
Con todo, a refutación máis concreta e demoledora contra este falseado discurso da liberdade lingüística ofrécennola os datos de que dispomos grazas aos máis sólidos inquéritos demolingüísticos realizados en Galicia, que analizamos en detalle na versión completa e impresa deste discurso, que convido a vostedes que lean. Estes datos mostran claramente que a decisión persoal é a principal razón para o cambio lingüístico dos castelanfalantes cara ao galego, mentres que o cambio dos galegofalantes cara ao castelán na maior parte dos casos non constitúe unha opción libre senón que vén forzado polas circunstancias. O cal, por certo, confirma o que toda persoa deste país sabe por propia experiencia ou, senón, a
pouca capacidade de observación que teña.
Galego e castelán son, dependendo da traxectoria de cadaquén, ora lingua de liberdade ora lingua de necesidade; pero se unha expresa de xeito máis cabal cá outra o movemento histórico emancipador do noso pobo, as ansias de futuro do noso país, e moi especificamente o compromiso individual con aquela tradición emancipadora e esta arela de liberdade, esa é o galego, sen ningún xénero de dúbida. E isto vai dito sen asomo de menosprezo polo castelán, que é tamén lingua nosa, e desde logo é tamén lingua de quen lles fala.
En definitiva, e para irmos concluíndo: en Galicia non existirá xenuína liberdade de lingua en canto o galego non sexa un idioma plenamente normalizado.
CONCLUSIÓN
Ora, a recuperación do galego é un reto enormemente esixente, unha angueira que ten que comprometer a sociedade no seu conxunto, unha empresa en que Galicia debe forxarse como país, un desafío que forma
parte esencial do noso propio proceso de construción colectiva. Se o galego se perdese, o máis grave non sería que Galicia perdería un atributo que a intitula para ser recoñecida como unha nacionalidade de seu. O
máis grave sería que esa perda constituiría, moi probablemente, unha proba definitiva da incapacidade do noso país para arborarse como tal.
Pola contra, se conseguísemos normalizar o galego, asegurar o seu futuro en condicións dignas, a significación principal do feito non estaría en que así conservaríamos un elemento básico para reivindicar a identidade diferenciada de Galicia. A significación da proeza consistiría en que demostrariamos (tanto a nós mesmos coma aos demais) que posuímos a competencia dunha sociedade madura e a determinación dunha nación feita e dereita. A reivindicación, promoción e final normalización dun idioma son, adoito, distintas fases que corresponden coas distintas etapas doutro proceso máis amplo, simbiótico con respecto a aquel, de construción dunha identidade colectiva, en definitiva, da forxa dun país.
Se a empresa de restitución do idioma é un proxecto de alcance colectivo, a primeira conclusión que debemos tirar é que á hora de abordala temos que superar a limitada perspectiva partidista. Non estamos suxerindo que haxa que colocar a política lingüística a resgardo do debate público, o que sería unha pretensión incongruente coa democracia e na práctica inalcanzable. Referímonos a conseguir o clima social imprescindible para que as trabes mestras desa política non estean máis suxeitas ás tirapuxas tácticas da lexítima e necesaria competición entre partidos.
Pero terá que ser a propia sociedade a que interiorice esa perspectiva de longo prazo e impida as manobras de curto alcance. Pois non podemos esquecer que o principal campo de batalla da loita pola recuperación do galego é a propia sociedade, máis ca os partidos políticos e as institucións públicas. Do mesmo xeito que o avance no noso autogoberno só foi e será posible na medida en que a cidadanía galega se capacitou para regularse a si mesma, de igual maneira que a cultura galega como sistema autónomo só será viable na medida en que obteña o apoio de públicos dabondo amplos e diversificados, dese mesmísimo xeito a lingua galega só terá futuro se a comunidade no seu conxunto afronta o desafío de restituíla como algo propio, mesmo das persoas que non a falan.
Se algo queda claro ao final deste repaso polos retortos vieiros da normalización lingüística nas últimas décadas, é que este é un camiño aberto. A normalización lingüística constitúe, de certo, un campo de
confrontación de intereses, de valores e de visións do mundo; pero, ademais, consiste tamén nunha experiencia de aprendizaxe colectiva. Se concibimos así a normalización lingüística, debemos recoñecer que
ninguén posúe de antemán as solucións aos numerosos dilemas que están involucrados nela e cos que imos batendo ao longo do camiño. Por iso, é fundamental abordar a tarefa con afán construtivo, con espírito
aberto, con mentalidade crítica e con disposición ao diálogo. Porque a verdade social, sempre parcial e provisoria, non se atopa preconstituída, senón que se constrúe a través da deliberación pública, a condición de que esta se produza en condicións de liberdade e igualdade, e sexa guiada por afán honesto da súa procura.
Abordar o proceso de normalización con ese talante esixe renunciarmos a todo dogmatismo e pormos constantemente a proba a capacidade para revisar, en contraste coa realidade e co resto dos axentes sociais atinxidos, os puntos de vista de cadaquén e as fórmulas máis acaídas para cada situación. Para que un debate sexa arrequentador, os participantes nel teñen que asumir o principio colaborativo, fundado na procura do ben común: esforzarse por presentar os puntos de vista, as informacións e os argumentos como achegas positivas, ao tempo que se está disposto a valorar os dos demais do mesmo xeito. Nun debate deste tipo non se entra tanto para dar leccións canto para recibilas. Para construírmos un porvir de noso, no canto de padecer un futuro imposto, teremos que aplicar moita vontade, moito enxeño, moita
habelencia. Debemos manter a capacidade de seguirmos aprendendo en diálogo aberto, apegados á Galicia real, na rebusca dun camiño para saír do labirinto. Sen esquecer que, como nos ensinou Constantin Kavafis, o importante non é o destino, o importante é a mesma viaxe.
Comezamos este discurso que está a piques de rematar lembrando que os tempos que veñen non parecen favorables, nin para o idioma galego nin para o noso país. Estamos pasando leste, diríase na miña terra. Pero, apurámonos a engadir, os tempos xa foron peores. Os nosos devanceiros na demanda da dignificación do idioma e da construción dunha Galicia próspera, xusta, libre e culta tiveron que facer fronte con moitos menos recursos ca nós a atrancos máis témeros e circunstancias infinitamente máis adversas cás que nos cadra confrontar arestora. Por eles e por elas, pero sobre todo polas xeracións que nos seguirán, as nosas fillas e os nosos fillos e mais os fillos e as fillas destes, non temos dereito ao desalento. Ou si, temos dereito ao desalento, pero coa única condición de que saibamos soerguernos, coller rumbo e gañar novo pulo. Que así sexa.
Graciñas pola súa atención.
Ningún comentario:
Publicar un comentario