Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 8 de febreiro de 2012

Apoios a Carlos Callón

ProLingua tamén apoia a Carlos Callón no seu procesamento por esixir o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística.
Boto en falta o apoio da Irmandade Xurídica Galega, que se ben lle son de agradecer os actos de defensa da lingua no ámbito xurídico, sería da maior importancia que se pronunciara neste caso para demostrar claramente que do mundo das leis aínda hai unha punta de lanza real que empuxe polo galego.
Tamén boto en falta un pronunciamento institucional, de parte, por exemplo, da SXPL. Pero, desde estes lares o certo é quen non espero nada.
Os apoios pódense enviar ao correo imprensa@amesanl.org.

Velaquí o comunicado de ProLingua:

Unha vez máis, desde ProLingua, vémonos na obriga de facer nosa a coñecida frase atribuída ao dramaturgo suízo Friedrich Dürrenmatt: “Que tempos estes, en que hai que loitar polo que é máis evidente!”. O feito que motiva este comunicado reviste unha significativa gravidade: Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e membro de ProLingua, será xulgado este venres, 10 de febreiro, na cidade da Coruña, logo de ser denunciado polo xuíz decano, Antonio Fraga Mandián. O que motiva a denuncia son unhas declaracións onde Carlos Callón, como presidente da MNL, criticaba o reiterado incumprimento da Lei de Normalización Lingüística por parte deste xuíz e mesmo o seu proselitismo animando a incumprila, nomeadamente no artigo referido ao uso do topónimo A Coruña.
Que un cidadán sexa procesado por esixir que se cumpra a Lei por parte dun xuíz, persoa que, polo cargo que ocupa, é responsable de velar polo seu cumprimento, parece un mal chiste ou unha escena tirada da visita de Gulliver ao estrafalario país dos Houyhnhnms. Mais é real e sucederá este venres, para vergonza de toda a cidanía.
Desde ProLingua, expresamos a nosa solidariedade con Carlos Callón e o noso rexeitamento por esta actuación xudicial, e animamos a asinar omanifesto que fixo público a MNL, Queremos xustiza para a nosa lingua. Non á criminalización da súa defensa!, mediante o envío de correos ao enderezo imprensa@amesanl.org.

Ningún comentario:

Publicar un comentario