Por Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo:
Unha lingua é, alén dun instrumento para nos comunicarmos, un mecanismo de cohesión colectiva, unha poderosa ferramenta para a interacción social e, tamén, un rexo elemento de identificación individual e cultural. Os idiomas, por tanto, non responden só e univocamente ás necesidades humanas da expresión de sentimentos ou de ideas, mais abranxen unha notábel gama de funcións de carácter sociolóxico. Por isto, na literatura especializada lévase ponderado que a lingua é un xeito de percibirmos o mundo ou de o representarmos, tal e como expón Teresa Moure no seu lúcido ensaio Ecolingüística. Entre a ciencia e a ética(2011). A través do frisón, do gaélico, do galego, do nepalí ou do polaco obtense unha singular interiorización da realidade, propia de cada nación ou de cada colectivo que emprega normalmente eses idiomas. Por exemplo, a lingua galega posúe moitos verbos (algúns deles xeosinónimos) que fan referencia á chuvia e aos seus tipos (barruzar, brecar, bretemar oubretimar, chover, chuviñar, chuviscar, debagoar, diluviar, marmallar, orballar, orballiscar,poallar, zarzallar etc.), que non se achan noutras linguas, na cales só existen unha ou dúas unidades verbais para tales situacións climáticas; o alto índice de pluviosidade na Galiza e a grande dependencia da economía tradicional galega a respecto da cantidade e da cualidade da chuvia fixo posíbel o aparecemento de todos eses verbos, sen equivalencias en zonas ou en países en que nin chove tanto nin se verifica ese notorio grao de dependencia para subsistir.
Mais as linguas tamén posúen unha dimensión histórica ao acompañaren no vagoroso camiño dos séculos as comunidades que as falan. O pobo galego non se podería chamargalego se non tivese como lingua propia, durante máis de mil anos, o idioma de idéntico nome. Así pois, este artigo oriéntase nomeadamente cara á situación da lingua na época medieval, aínda que non se vai centrar en tal posibilidade histórica por unha redución do idioma ao arqueoloxismo fácil nin por unha conceptualización do que en tempos foi normal para a Galiza entendido agora só como elemento pretérito. Antes ben o contrario: as presentes liñas asentan nesa época porque xulgamos que é preciso (re)coñecermos o pasado para sermos persoas donas do noso futuro e porque tamén se poden extraer interesantes ensinamentos para reivindicarmos os nosos dereitos como galegofalantes.
O único xeito de nos aproximarmos do idioma noutras épocas, e por lóxica dedución, do mundo medieval, consiste na lectura dos diferentes tipos de textos que conseguiron chegar aos nosos días. Neste sentido, consérvase hoxe en día unha notábel e variada cantidade de textos medievais e vén sendo costume dividilos inicialmente en literarios e non literarios. Todos teñen moito interese, aínda que cada un deles de maneira diferente: nuns sobrancea o valor literario-cultural, outros explicitan con clareza a súa validade histórica, moitos deles patentean firmes referencias lingüísticas, hainos cun indubitábel peso etnográfico etc.
Dentro dos textos non literarios, e sen ánimo de exhausitividade, é costume a diferenciación de varios tipos: primeiramente, os diplomas reais, que son documentos ligados á monarquía galega e ao Condado Portucalense e que teñen en xeral un carácter bastante formal. Osdiplomas particulares, por súa vez, corresponden aos escritos máis interesantes para o estudo da diferenciación lingüística na Alta Idade Media e poden estar escritos en latín ou en galego, aínda que desde meados do século XIII se fai habitual o uso do galego. En terceiro lugar, as leis locais posúen unha singular importancia e saliéntanse os "foros" e os "forais": os primeiros son compilacións de dereito consuetudinario, adoito dunha vila ou poboación; os segundos son cartas breves, onde se conteñen, por exemplo, os dereitos concedidos por un señor feudal a unha localidade. E en cuarto lugar, existen tamén outras tipoloxías de textos que, non sendo literarios, obedecen a traducións de textos xurídicos, inventarios das casas reais, relacións de pertenzas dunha casa nobre, relación de habitantes dunha localidade etc.
Na liña do comentado no parágrafo anterior, empregouse esporadicamente a nosa lingua en textos xurídico-administrativos anteriores ao ano 1250. Por exemplo, na edición de Souto Cabo (Documentos galego-portugueses do séculos XII e XIII, 2008), figuran algúns dos textos redixidos en galego anteriores a esa data: nun documento de 1173-1175 localizado no norte de Portugal páctase a paz e a axuda mutua entre dous irmáns; sobre 1213-1216 escríbese a Noticia de Torto, arredor de Barcelos; en 1214 localízase o Testamento de Afonso II; en 1228 redíxese o Foro do Burgo de Castro Caldelas; no ano 1231 escríbese un documento de compra-venda en Sequeiros de Borbén; etc. Con todo, coincidindo co comezo da etapa trobadoresca, un dos períodos sen dúbida máis brillantes da cultura galega que abranxe até ao ecuador do século XIV, a escrita en galego nos textos tabeliónicos faise máis ou menos habitual en todo o reino da Galiza. Nese sentido, os diplomas particulares son documentos que nos falan da vida cotiá das galegas e dos galegos, isto é, de vendas, de doazóns, de compras, de litixios entre persoas veciñas, de problemas de lindeiros entre as terras, de arrendamentos, dos prezos dos alimentos etc. Os protagonistas deses documentos son de diversa adscrición, de forma que a maioría dos oficios e das profesións a que se refire Robert Fossier no seu libro Le travail au Mogen Age (2000) para a Europa da época está presente neses textos galegos: abades e abadesas, canteiros, clérigos, escudeiros, ferreiros, fidalgos, funcionarios, labregos, membros da aristocracia local, mariñeiros, monxas, notarios, oleiros, persoas que vivían do comercio, reitores eclesiásticos, taberneiros, xentes que se dedicaban ao cultivo do viño, xuíces etc. E todas esas persoas, fosen da adscrición que fosen, quer con diñeiro quer sen cartos, con prestixio social ou non, empregaban o galego na súa vida diaria.
Como se pode perspectivar desde a actualidade o valor deses documentos medievais? Certamente, resultan úteis para aprendermos do pasado e así podermos reivindicar o futuro da nosa lingua. Así, en primeiro lugar, corroboran con case dez séculos como a lingua galega é apta para todo o tipo de contextos, situacións e rexistros, e, do punto de vista da faixa socioeconómica, tanto para as clases sociais menos favorecidas canto para aquelas que dispoñen dunha posición máis folgada. Eses documentos verifican como o galego era empregado para todo o tipo de textos, fosen mandas testamentarias, doazóns, pactos de amizade, xuízos etc. Pensemos por un momento na situación de hoxe: é xustamente a contraria e é anormal, por moito que se queira vernizar con cores de transparencia ou de normalidade. Hoxe en día é sumamente difícil acharmos un notario que faga a documentación en galego ou un xuíz que dite unha sentenza nesta lingua; lembremos, a este respecto, como un maxistrado da Coruña, Fraga Mandián, denunciou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, unicamente porque este lle pediu que cumprise a Lei de Normalización Lingüística... Sendo isto así, non podemos falar de "libre escolla de idiomas" cando se di que cadaquén é libre de usar o idioma oficial que quixer, pois nestes ámbitos, como noutros moitos, non existe igualdade entre as dúas linguas oficiais na Galiza. Lembremos a este propósito as aventuras do amigo Anuqueira, protagonista do noso anterior contributo nesta revista, e así constataremos de novo as complicacións que tivo para enterrar dignamente en galego o familiar que perdeu: documentos á disposición do administrando case exclusivamente en español nos organismos oficiais, dificultades para que certa sorte de textos se redixisen no noso idioma, incomprensión na notaría pola súa opción lingüística etc.
En segundo lugar, dun punto de vista sociolóxico ou histórico-sociolóxico, deixan coñecer de primeira man como era a vida na sociedade medieval. Moitos dos conflitos que formulan e as súas solucións, ben como os feitos que neles figuran reflectidos, son, como era de esperar, equivalentes aos de hoxe. Existen hoxe en día problemas cos impostos e co seu proceso de recadación? Tamén na altura: en 1267, o abade do mosteiro de Monfero e os clérigos de San Mamede de Momán chegan a un acordo sobre o pagamento dos tributos, conforme se recolle no texto editado por Souto Cabo enDocumentos galego-portugueses dos séculos XII e XIII (2008). Acaso non se producen presentemente trasaccións económicas e compra-vendas de terreos? Máis un exemplo da época: nun documento datado en 1391, un propietario chamado Gomes Cotelo vende unhas terras na freguesía de San Xiao de Brantuas, na rexión de Bergantiños, de acordo coa edición Colección diplomática do Mosteiro de Santiago de Mens preparada por Zapico Barbeito (2005). Unha terceira e derradeira mostra: non se senten actualmente moitas persoas diferentes por causa do lugar en que naceron, sempre na propedéutica de quereren gozar de privilexios sociais? Pois igual que na Idade Media: nun texto ourensán de 1437, un tal Afonso Gómez, aducindo que é fidalgo, solicita aos responsábeis da xustiza que se lle non confisquen os seus bens para o pagamento dos "pedidos"; nestes medios, o xuíz Rodrigo Afonso denega a súa petición, xa que antes pagara sempre, ao paso que tamén lle recomenda verificar perante o rei a súa condición de membro da fidalguía, tal e como se pode ler na obra Fragmentos de notarios (Ourense, séculos XIV-XVI) de López Carreira (2007).
En terceiro lugar, xa en termos máis estritamente lingüísticos, posúen un intrínseco valor gramatical e lexical, pois con frecuencia poden detectarse fenomenoloxías morfosintácticas e vocabulares que serven para mellorarmos a lingua que empregamos modernamente: pensemos en léxico recuperado a partir do galego medieval como concello, deus, doazón,galego, Galiza, igrexa, segunda feira... etc. Mais, á marxe deste obvio valor, tamén documentan moitos nomes de lugar que aínda hoxe se mantéñen no uso cotián, co cal estamos a aprofundar nesa dimensión histórica e colectiva do idioma. Hai un par de anos, quen isto escribe foi convidado pola Concellaría de Cultura de Allariz para dar unha conferencia sobre a situación do galego na Idade Media e en particular nesa fermosa terra do sur da nación. Para esta finalidade foron manexados varios textos editados por Azevedo Maia, Ferro Couselo, López Carreira, Martínez Salazar, Souto Cabo etc. referidos á antedita comarca e púidose verificar como en moitos deses textos aparecen topónimos (ou máis ben os seus antecesores etimolóxicos) do tipo Airavella, Cerdeira, Congostro, Limia, Molgas,Ourense, Outeiro, Parcordeiro, Pazos de Olás, Queiroas, Requeixo de Queiroas, Roiriz de Abaixo, San Cibrao, Terra da Limia, Taboadela, Xunqueira de Ambía, Vilariño, Vilanova dos Infantes, Zarracós etc. Tales nomes de lugar, detectados neses textos medievais, contribúen para corroborar a correcta e única denominación que deben ter a día de hoxe: barbarismos como *Roiriz de Abajo, *San Ciprián, *Junquera de Ambía, *Orense, *La Limia, *Villarino, *Villanueva de los Infantes, *Zarracones etc. son deturpacións das nomes tradicionais galegos que non teñen razón de ser. Os documentos da altura, por tanto, coadxuvan poderosamente para, máis unha vez, comprobarmos como esas barbarizacións son relativamente recentes e produto directo da colonización española.
E en cuarto lugar, entrándomos máis ao pormenor en cuestións gramaticais, moitos deses documentos permíntennos autorrecoñecérmonos dun punto de vista máis local, xa que posibilitan sentírmonos, ao mesmo tempo que galegos e galegas, pertencentes a unha rexión concreta do país. Así, de vez en vez poden ir aparecendo nos textos trazos lingüísticos dunha área determinada da Galiza: no Foro do Burgo de Castro Caldelas, por exemplo, atéstanse xa formas como o verbo caír (que é hoxe en día típico da provincia de Ourense e da variedades lusa e brasileira do noso idioma), fumo (tamén común co luso-brasileiro, en vez da máis estendida hoxe entre nós fume) ou a alternancia no presente do subxuntivo dea e día do verbo dar. Obviamente, canto máis avanzar o tempo, maiores posibilidades imos ter de encontrarmos formas propias dunha zona concreta ou de áreas que coñecemos; deste modo, xa en textos do século XV aparecen plurais do tipo corazónsou razóns, que son propios do occidente do país e corazóos ou razóos, hoxe característicos do centro da nación (i. e., corazós, razós). E tamén en varios documentos escritos a partir de 1500 se rexistran os pronomes referenciais iste, ise etc., modernamente caracterizadores dunha boa parte das falas lucenses e ourensás. Por todo iso, os documentos notariais proporcionan valiosos datos ás persoas que se dedican ao estudo da lingua antiga en calquera das súas diversas hipóteses pesquisadoras (gramática histórica, dialectoloxía histórica, variacións intra e intertextuais etc.)
Como o respectábel non ignora, moito máis se podería sinalar sobre o valor deses textos da época medieval. Quereriamos finalizar estas reflexións a ponderarmos un feito de non pouca importancia: as galegas e os galegos damos lido e percibido os documentos da altura con relativa facilidade, o que non acontece con outras linguas, como o inglés, o francés ou o gaélico, en que é necesario ser un verdadeiro experto, con moitos anos de estudo, para percibir o significado das obras da Idade Media. Saibamos, pois, salientarlles o valor que teñen para nós e a facilidade con que podemos ter acceso ao que quixeron transmitirnos os seus autores. Saibamos, por tanto, erguer a súa bandeira para reivindicarmos na notaría, no rexistro da propiedade ou na xestoría de terreos o noso lexítimo dereito a sermos atendidos, tanto oralmente como por escrito, na nosa lingua, como atendidas tamén foran aquelas persoas de variadísima extracción social que protagonizan os documentos tabeliónicos medievais na Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario