Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 1 de febreiro de 2012

A planificación das linguas e dos discursos: lingua común, lingua de mestizaxe e outras falacias a respecto do español

imprescindible Xosé R. Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:

A lingua, como feito social e instrumento básico de comunicación, desempeña un papel de grande importancia nas nosas vidas. Ao mesmo tempo, tamén costuma ser elemento de identificación grupal ou de clase e símbolo da identidade nacional das persoas. É por iso que, alén de constituír un capital cultural relevante, tamén pode acabar por se converter nunha ferramenta do poder político e do poder económico para ambos mellor controlaren os individuos e as sociedades. Desde aquel lonxincuo dito nebrixano de que sempre a lingua fora compañeira do imperio até á constatación actual do predominio mundial do inglés ao servizo dos intereses xeopolíticos e económicos dos Estados Unidos e de Inglaterra, a evidencia da utilización da planificación lingüística como eficaz instrumento de dominio dos grandes estados fica cada vez máis ao descuberto.


Porén, como unha especie de milagre da moderna técnica da comunicación e (des)información, no Estado español estendeuse a crenza xeral de que, após a morte do ditador Franco en 1975, a única planificación lingüística que se levou a cabo foi a do galego, o éuscaro e o catalán a través dos respectivos procesos de normativización e normalización -planificación do copus (corpus planning) e planificación do status (status planning) de acordo coa terminoloxía ao uso- implementados nas comunidades autónomas con lingua propia. Mesmo existe a crenza de que, salvo os intentos previos de facer o mesmo con estas linguas periféricas durante a Segunda República, nunca se producira no Estado ningunha tentativa de planificación lingüística. Desta forma, a penetración e o constante avanzo do español ao longo da historia nos territorios ibéricos con lingua diferente constituirían un proceso natural, consecuencia da libre decisión de persoas que optaron por adoptaren unha lingua con máis falantes e oportunidades; e igual tería acontecido nos vastos dominios de Suramérica onde hoxe o español é a lingua oficial.     Mais o imperialismo ou colonialismo lingüístico existiron e existen, tanto no caso do español como doutros linguas dos grandes estados, cal o francés ou o inglés. Así nolo poñen ao descuberto obras como Lingüística e colonialismo. Pequeno tratado de Glotofaxia, de L.-J. Calvet, ou Linguistic Imperialism, de R. Phillipson. No Estado español planificouse a extensión do castelán a custa dos outros idiomas peninsulares, do que dan probas sobradas obras como La persecució política de la llengua catalana, de Ferrer i Gironés, ou A represión lingüística en Galiza no século XX, de Freitas Juvino. Houbo, pois, planificación lingüística en prol do español e continúa a habela, embora recibise pouca ou nula atención informativa, entretidos como nos tiñan coas supostas ínfulas planificadoras dos nacionalismos periféricos, que seica mesmo se convertían en excesos ou atropelos contra os dereitos das persoas.    Face ao boom mediático das pretensas 'anormalidades' dos procesos de normalización lingüística nas comunidades con lingua propia, case imperceptibelmente foise avanzando durante as últimas décadas na planificación do corpus do español (non só dicionarios, gramáticas e ortografías, mais tamén libros de estilo, manuais de urbanidade e boa conduta lingüística, unidades de vixilancia lingüística etc.) e na planificación do seu status (creación do Instituto Cervantes en 1991, renovación e modernización da RAE, impulso á Asociación de Academias de la Lengua Española etc.). O que se podía entender como natural proceso de potenciación da lingua española como patrimonio de grande importancia para o Estado choca frontalmente co belixerante discurso utilizado contra procesos similares, e en xeral ben máis modestos, de defensa e promoción do galego, catalán e éuscaro.    Así pois, aínda que pase desapercibida, hai unha política lingüística española que ten precisamente a invisibilidade como característica estratéxica fundamental, segundo afirma J. del Valle no libro La lengua, ¿patria común (Vervuert/Iberoamericana, 2007) que el mesmo coordena. De acordo con el, non son os conceptos e as prácticas lingüístico-culturais os que se ocultan, mais o seu carácter político e económico, isto é, a estreita relación con proxectos e intereses concretos desa natureza, xeralmente obviada nos grandes medios de comunicación. Con certeza, na promoción da lingua galega (ou vasca ou catalá) hai unha intencionalidade política, pois o idioma é un elemento definidor dunha identidade nacional que se pretende reivindicar politicamente, e inclusive intencionalidade económica por a lingua propia constituír tamén, ben aproveitada, unha importante fonte de riqueza. Mais todo isto é sobradamente coñecido e foi divulgado e mesmo criticado ou caricaturizado de forma exaxerada perante a opinión pública durante as últimas décadas.    No entanto, a dimensión política de promoción da lingua española desde as institucións foi maioritariamente silenciada, como tamén o foi a súa dimensión económica. A medida que os sucesivos gobernos españois e as grandes empresas foron desempeñando un papel máis importante a nivel internacional como consecuencia da mudanza das estruturas político-económicas herdadas da ditadura, tamén desde esas instancias de poder se foron tecendo novas ideoloxías lingüísticas que servisen mellor os seus fins. Desde o Goberno central e desde as institucións con poder lingüístico vaise percibindo a necesidade de proxectar unha imaxe do español como idioma común e lingua de encontro que, ao mesmo tempo, acompañe e complemente a ampliación da presenza política e económica do Estado nun mercado cada vez máis globalizado, servindo igualmente para reforzar a construción nacional de España. Chegouse así ao 'hispanismo' ou 'hispanoamericanismo' como un movemento baseado na idea de que existe unha cultura común española a ambos os lados do Atlántico que se materializa no español, elemento conformador dunha entidade política e económica denominada 'hispanofonía'. Esta ideoloxía lingüística concibe o español como a lingua común que une afectivamente un grupo de países que se senten os seus posuidores e que partillan un sentimento de lealdade cara a ela. O español sería, así, a materialización dunha orde colectiva onde España desempeñase o papel central.    Desde os finais dos 80 do século pasado déronse novas condicións culturais e económicas para instituír a hispanofonía como un mercado onde a presenza do capital español fose percibida como natural e lexítima. O avanzo do sistema democrático en España, a súa incorporación á OTAN e á UE, o crecemento económico ou a expansión americana de certas corporacións propiciaron un novo marco en que os gobernos españois sucesivos e grandes empresas como Telefónica, Prisa, Iberdrola, Banco de Santander ou Repsol instrumentalizan institucións lingüístico-culturais como a RAE, a Asociación de Academias de la Lengua Española ou o Instituto Cervantes ao servizo dos seus intereses. Estas institucións van tecer un discurso que presenta o español, alén de lingua común, como 'lugar de encontro', lingua global ou universal e tamén recurso económico de grande valor por se converter nun produto desexado capaz de incrementar o capital cultural de quen o detentar. Únense, así, dúas ideoloxías: a hispanofonía como conceptualización da comunidade hispanofalante e a lingua como mercado -Una llengua és un mercat (J. Royo 1992).    No entanto, como a defensa dun nacionalismo lingüístico español que ligase a identidade grupal ou cultura partillada á posesión dunha lingua común circunscrita a un territorio podería lexitimar tamén a defensa do galego, catalán e éuscaro como linguas nacionais da Galiza, Cataluña e Euscadi, os ideólogos da nova política lingüística española rexeitaron decididamente o nacionalismo lingüístico e a súa principal premisa, a visión da lingua como encarnación da cultura dun pobo, e promoveron no seu lugar unha ideoloxía lingüística que libera o español de ataduras culturais e nacionais para o converteren en lingua panhispánica, a lle atribuíren un carácter expansivo e internacional. Con todo, como afirma del Valle, na louvanza do español 'desnacionalizado' prodúcese un distanciamento retórico do nacionalismo lingüístico, mais non se abandona de todo o esquema conceptual, pois o propio idioma español substitúe o territorio para se converter el propio no lugar de encontro e en 'patria común' dunha imaxinada comunidade panhispánica posnacional. Ao mesmo tempo, dentro do propio Estado o español é presentado como símbolo da concordia, da democracia e do progreso económico, así como instrumento ao servizo dunha posnación, dunha comunidade internacional panhispánica que deixa reducidos ao atavismo e ao particularismo reaccionario o catalán, galego e éuscaro.    Na esteira da defensa dese español internacional, desde as máis altas esferas político-ideolóxicas españolas lánzanse igualmente as ideas de o español ser unha lingua de mestizaxe, por un lado, e, por outro -e en certo modo contraditoriamente-, da necesidade de estabelecer un español internacional común ou unificado. Como di no mesmo libro antecitado M. Fernández ao lembrar as palabras de J. L. Cebrián de que o destino das linguas é seren "violadas, penetradas", no discurso apoloxético da mestizaxe esquécese con frecuencia que esta non costuma provir dun intercambio entre iguais voluntariamente consentido. O español mesturouse con outras linguas indíxenas de América para ao final el prevalecer e estas desapareceren, embora ficase delas algunha pegada que, de todas as formas, deberá someterse á supervisión académica. A mestizaxe e a diversidade do español no mundo preséntanse como positivas porque, na realidade, están ao servizo da súa expansión e da súa unidade, sempre tutelada pola RAE, actor principal no deseño e proxección da imaxe da lingua española no mundo como unha lingua global útil e rendíbel, cuxo coñecemento constitúe un valoroso recurso económico para quen o posuír.    Por conseguinte, como que non hai política lingüística para as linguas dos grandes estados? Que fan, se non, o Instituto Cervantes, a Alliance Française, o Goethe Institute, o British Council ou o Instituto Camões? Desas políticas, con certeza ben agresivas, derivan conceptos teóricos como 'imperialismo lingüístico' (Phillipson 1992) ou 'mercantilización da linguaxe' (linguistic commodification, Heller 1999). A nos centrarmos só no español, os obxectivos declarados da súa planificación lingüística contemporánea son a defensa da unidade conceptual e a promoción internacional, co Instituto Cervantes e a RAE a axiren cooperativamente na súa presentación como lingua común de España, lingua de encontro na hispanofonía e lingua global en expansión. Para mellor implementar esta política incorpórase o valor económico á imaxe pública do español e organízase un sector empresarial destinado á explotación deste recurso; en tal sentido, créase por exemplo en 1996 a Asociación para el Progreso del Español como Recurso Económico, apoiada polo ICEX (Instituto Español de Comercio Exterior), ao tempo que o Anuario do Instituto Cervantes publica artigos sobre o potencial económico do español e se organizan os congresos internacionais sobre a lingua española (CILE), no terceiro dos cales, realizado na cidade arxentina de Rosario en 2004, o director xeral de Planeta Corporación, J. M. Abad, afirmaba que o español "es nuestro petróleo particular pero de un caudal ilimitado". Ese mesmo ano J. R. Lodares, profesor da Universidad Autónoma de Madrid, publicaba en El País un artigo intitulado "Español, S. A.", suficientemente explícito.    En coherencia con iso, desenvólvese unha industria lingüística dedicada ao ensino e difusión do español como lingua estranxeira (ELE) que procura tamén, entre outros efectos derivados dunha máis positiva valorización daquel no mundo, un aumento do consumo de produtos culturais que teñen a lingua española como soporte (literatura, música, cinema etc.) e, simultaneamente, que sirva de acompañamento e axuda para a penetración das grandes empresas españolas -nomeadamente dos sectores enerxético, financeiro, de telecomunicacións e editorial- nos mercados internacionais e, de modo especial, en Suramérica. Xa non só a lingua como compañeira do imperio, mais tamén como acompañante da billeteira.    Nesta conxunción de intereses políticos e económicos en torno á expansión do español, o Brasil vai constituír un obxectivo estratéxico de primeira orde. Por un lado, os seus 190 millóns de habitantes, dos que máis de 50 son estudantes, ofrecen un mercado no ámbito educativo altamente apetecíbel, para o cal se precisarían de entrada uns 200.000 profesores de español e moitos libros de texto, co consecuente negocio para a industria editorial, que logo irá acompañada doutras como a cinematográfica ou musical. Por outro lado, a chegada das multinacionais españolas -Endesa, BBVA, Iberdrola, Unión Fenosa, Telefónica, BSCH, Dragados, Repsol e outras- ao Brasil provocou o desexo de moitos brasileiros de aprenderen o español, pois xeráronse numerosos empregos para os que se exixía o coñecemento deste idioma. E todo isto favorecido pola creación do Mercosur, que situaba Suramérica como fronte prioritaria da política exterior brasileira, e que declara o español e o portugués como as súas linguas oficiais.     Perante tanta posibilidade de negocio, desde as máis altas instancias do poder o Estado español lanza unha forte campaña de promoción do seu idioma no Brasil, destinada fundamentalmente a conseguir que o Parlamento brasileiro aprobe un proxecto de lei de introdución desta lingua no sistema educativo. Neste sentido, no ano 2000 os reis deslócanse ao Brasil para lle daren apoio a tal proxecto, como fixo tamén o daquela ministro de Cultura, Mariano Rajoy, quen recibiu garantías do presidente Fernando Henrique Cardoso de que a lei sería aprobada. Curiosamente, ese mesmo ano Cardoso recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación polo seu traballo en prol do "fortalecemento dos valores democráticos" e pola súa defensa do español no Brasil.     Finalmente, embora houbese que agardar até 2005, a lei foi aprobada, deixando ben ás claras a existencia dunha política lingüística para o español, a súa evidente relación coa política xeral do Estado e cos intereses económicos das multinacionais, e tamén a grande importancia que o Goberno de España lle concedía ao status da súa lingua no Brasil. O negocio estaba servido e o entusiasmo propagouse a empresas xornalísticas como El País, que chegou a producir titulares do tipo de "¿Brasil, un país bilingüe?" ou "El español conquista Brasil". Como pedra de escándalo, nos finais de 2006 facíase público un convenio promovido polo Banco de Santander coa Secretaria de Educação do Estado de São Paulo, apoiado polo Instituto Cervantes, polo cal miles de profesores paulistas recibirán formación para impartiren aulas de español, feito que provocou as protestas do profesorado. Mais xa desde 1996 o Brasil habilitaba os posuidores do título DELE Superior -Diploma de Español como Lingua Estranxeira-, estendido polo Instituto Cervantes, para se converteren en docentes deste idioma no ensino primario e secundario, pondo en cuestión a propia soberanía brasileira no ámbito da formación académica.
En canto outros enchen os petos de cartos, nós, cidadáns e cidadás da Galiza onde se formou a lingua que se fala no Brasil, ollamos para outro lado e renunciamos a aproveitar o valor, tamén económico, do noso idioma proxectado polo mundo. Non vaia ser que nos acusen de esencialistas ou de facermos política a conta do galego

Ningún comentario:

Publicar un comentario