Un excepcional artigo de Mariló Candedo, poñendo a primeira pedra nun espazo completamente arrasado, en Praza Pública:
Hai tempo que quero escribir sobre normalización lingüística e dou tantas voltas sobre min mesma que acabo ficando no mesmo lugar de partida no que quedei desde a última vez que tal cousa fixen, administrando con enorme dificultade unha mestura de sentimentos que transitan nun neboeiro entre a ira e o desacougo, na procura dalgún claro sobre o que erguer a esperanza. Difícil combinatoria para quen traballa sabendo que a racionalidade pedagóxica resulta un ben escasamente apreciado polo poder político e, se cadra, non sempre atinadamente exposto para a comprensión da cidadanía.
Porén, cando volvo a ese rego do coñecemento construtivo recupero unha certa tranquilidade e recargo enerxía e folgos para, nunha volta máis e facendo abstracción das dificultades, poñer o acento nos acertos. E os logros que temos neste ámbito non responden enteiramente á metáfora dos “gromos verdes”, aínda que destes tamén hai un bo feixe; senón que levan un certo tempo entre nós, ofrecéndonos no día a día oportunidades, modos e maneiras para, desde a estima do propio, ofrecer o que fomos e somos quen de crear; abranguendo todos os campos do saber -as letras e as ciencias-, a tecnoloxía máis rudimentaria e a que vai alén da velocidade da luz, do lecer e do emprendemento. Sen renunciar a nada e nunha loita constante por frear a perda de memoria de noso, inducida desde o neoliberalismo recentralizador que pretende converter calquera espazo da nosa identidade en terra queimada.
Estoume referindo ao labor daqueles profesionais dedicados, dunha ou doutra maneira, á normalización lingüística; no ámbito do ensino, na administración local, nas institucións, no xornalismo ou na empresa, como campos máis sinalados. Ocupadas e ocupados na procura de vieiros que recuperen para o galego o lugar que lle corresponde. Non só por falar sen complexos da normalización imos atopar a terra prometida, é unha obviedade; pero tamén o é que renunciar ou agochar conceptos e prácticas que foron interesadamente deturpados non nos fai máis fortes. Entre outras razóns porque, se decaemos nos argumentos máis potentes a favor doutros acaídos “a todos os públicos”, remataremos por alimentar a cerimonia da confusión lingüística, ou o que é peor, interiorizar algún complexo de culpa, cativos dun particular síndrome de Estocolmo.
Indo ao que interesa, é certo que, cando parecía abrirse un certo horizonte no traballo de recuperación do idioma propio, pasou o que pasou e en nada de tempo vimos reducido o marco normativo para o traballo no ensino, na administración pública e, finalmente, no conxunto da sociedade. Os prexuízos lingüísticos camparon de novo, aniñaron no discurso dominante cuestionando os beneficios dos cativos avances conseguidos para a nosa lingua e para os seus falantes e, logo do balbordo, disque veu a “pax lingüística”.
A teima coa normalización non forma parte agora da axenda política e diremos, afortunadamente, non vaia ser que noutra volta de torca nos condenen á perpetuidade dun ERE de noso. Unha novidade destes tempos voraces na conculcación de dereitos e oportunidades é que aínda non descubrimos se hai liñas vermellas que non se poidan exceder. Quedou demodé falar de normalización, porque aquí pasamos do bilingüismo, con todas as súas variantes e adxectivos, e estamos xa instalados no plurilingüismo que tamén leva traza de dar que facer. Feita no seu día a demolición vía discurso, agora vén a outra poda, relacionada coa brutal diminución de recursos –os orzamentos de política lingüística caeron un 62% desde 2009- e, no recorte de efectivos humanos, asistimos á desaparición dos servizos de normalización lingüística en múltiples concellos. Para quen pense que estes recursos son prescindibles e foron ideados cando “viviamos por riba das nosas posibilidades” convén retrucarlles que a súa existencia ten que ver co cumprimento do mandato de protección do idioma recollido na Lei de Normalización Lingüística, precisamente para ampliar o potencial dun país que cre en si mesmo e no seu principal patrimonio, a lingua. Vivir por debaixo desas posibilidades debera ser para calquera cidadán, incluídos os gobernantes, simplemente intolerable.
A normalización lingüística non é nin máis nin tampouco menos ca un xeito de procurar a equidade, facendo posible desenvolverse no idioma propio en todas as situacións da vida. Estender o uso do galego e ampliar así a comunidade de falantes, enriquecer a calidade da lingua e as posibilidades da nosa cultura seguen a ser as súas finalidades.
Normalizar: facer normal o que non o é; e desenvolver a vida cando se pretende facelo en galego non está garantido. Neste mundo do revés ata se pode xulgar con maior motivo aos que defenden a lei que ampara a normalización que a aqueles que tendo encomendada a súa administración se gaban de incumprila. Se cadra é ben certo que a xustiza non pasa polo seu mellor momento.
Pois si, a normalización forma parte da nosa axenda, da de moitos profesionais e de parte da cidadanía; hai vida logo da desfeita. Esconxurando o mito de Sísifo, no ensino procuramos traballar para desbotar prexuízos, ampliar os usos da lingua, mellorar as competencias comunicativas, atentos a educar na autoestima. Velaí a racionalidade pedagóxica a pleno rendemento. Procuramos a complicidade social e as sinerxías con outros ámbitos, atendéndolle ao labor dos que se afanan nesta tarefa desde os concellos, desde a sanidade, ou desde os medios e a rede. Erguendo a esperanza, fortalecéndonos desde a vivencia máis cotiá… porque, como saben en Cea e con tanta ledicia nolo contaron, “A lingua sabe a pan”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario