Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 25 de febreiro de 2012

Henrique Monteagudo: 'Como vas defender o galego se non aceptas a realidade lingüística de Galicia hoxe en día?'

Marcos Pérez Pena entrevistou a Henrique Monteagudo en Praza Pública (alí contén audio):

Henrique Monteagudo ingresa este sábado ao mediodía na Real Academia Galega -para ocupar a vacante de Antonio Gil Merino, falecido en 2009- cun discurso Facer país co idioma, que liga o proceso de normalización co propio proceso de construción do autogoberno. Monteagudo, profesor titular da USC e secretario do Consello da Cultura Galega, reclama estratexias máis acaídas para non entregarlles "aos inimigos do galego" os conceptos de bilingüísmo e liberdade lingüística, que a maioría da poboación asume como positivos.O discurso co que ingresarás na Academia liga normalización e construción nacional. Como foi o proceso destes últimos trinta anos para ambos os dous procesos?O proceso de normalización lingüística ten sentido no marco dun proceso máis amplo de reafirmación da identidade e de construción de Galicia como país, e que fóra dese marco a normalización perde o seu sentido. Polo tanto, se se quere impoñer un proxecto de reversión do autogoberno, a normalización do galego necesariamente vaise ver sacrificada. O preámbulo da Lei de Normalización é clarísimo neste sentido: explica por que se aproba a lei, fala do proceso de degradación producido polo centralismo, o que supuxo para Galicia como país e para a súa cultura, e que estamos nun proceso de recuperación e que nese proceso a lingua é fundamental.O modelo que nace nos oitenta entrou en crise?Entre 2005 e 2010 o proceso autonómico pechou un ciclo e non sei como vai continuar. Por un lado, debido ao propio esgotamento do modelo, e polo outro pola non implicación de axentes que poderían terlle dado contido real dinamismo a ese proceso, falo dunha parte do nacionalismo. En Catalunya e Euskadi a autonomía foi para adiante e foi un elemento de construción nacional porque son as forzas nacionalistas as que asumen a autonomía como un reto propio, e como un reto que non é do nacionalismo, senón que é do país.Unha parte do nacionalismo galego rexeita o bilinguïsmo, a pesar de que a maioría social de galegofalantes o asume como un concepto positivo. É un erro? Sempre que atopo unha persoa que dende o nacionalismo se pon a falar en contra do bilingüísmo, sempre lle pregunto: Pódeme explicar alguén  por que o bilingüísmo foi unha peza clave na estratexia lingüística do nacionalismo catalán e aquí non? Por que alí si vale e aquí non? Aquí dedicámonos a combatelo e entregámoslles esa noción que, ben entendida, debe ser un elemento a favor do galego, xusto aos inimigos do galego, que a utilizan habilmente para gañar hexemonía social. Saír a un debate social sobre a lingua rexeitando o bilingüísmo é saír a un combate de boxeo coas mans atadas ás costas. A xente ve como positivo o bilingüísmo; os estudos indican que hai unha maioría social ampla que simpatiza cun proceso de recuperación social do galego, pero non en contradición co castelán. Non ten ningún sentido defender o galego combatendo o castelán. Os procesos de recuperación dunha lingua nunca se fan a custa doutra lingua, contrapoñéndoas; fanse con medidas positivas e elementos de apoio para a lingua que está nunha posición subordinada.
Sorprendéronche as reaccións tan duras que suscitou a túa proposta do bilingüísmo restitutivo? A virulencia da reacción sorprendeume, por unha banda, pero tamén me serviu para decatarme de até que punto ese sector se sente débil nos seus argumentos. É unha debilidade 'dos amos do discurso', xente que se considera o amo do discurso e que non acepta desafíos sobre 'quen manda aquí', e por outra banda é unha mostra do descoñecemento que teñen de como se está a facer a normalización lingüística noutros lugares. Nesas actitudes hai tacticismo, oportunismo, unha certa impostura; cando teñen que aplicar esas ideas á realidade, descobren que non é posible. Como vas defender o galego se non aceptas a realidade lingüística de Galicia hoxe en día?Dis que a normalización non é 'recuperación' senón 'innovación'. Poderías explicalo?A min estas ideas de presentar as políticas de normalización como un proceso de recuperación dun ben perdido, esa mitificación da Idade Media, mesmo nalgún libro que se di serio afírmase que na idade media o galego era unha lingua normal, cando na Idade Media a inmensa maioría da poboación era analfabeta e a lingua de cultura era o latín. Ese é o modelo que queremos recuperar? A normalización lingüística é unha innovación social, é unha sociedade que quere modernizarse coa súa lingua, levándoa a aqueles ámbitos nos que non está presente.Que estratexias se deben seguir para mudar as tendencias negativas sobre o uso do idioma, que se perciben sobe todo nas cidades e na mocidade?Os cambios lingüísticos van asociados aos cambios sociais. Nos conflitos lingüísticos, sempre ten vantaxe a lingua que se asocia á innovación social. Aquí tempo que abandonar esta retórica 'pasadista' e tentar conectar con aqueles sectores da sociedade máis innovadores; hai que presentarlles o galego non como algo do pasado, senón como un desafío de futuro. A xente segue identificando cultura galega con cultura tradicional, e iso ten que ver coa mensaxe que trasladamos nós.O nacionalismo galego segue unha estratexia axeitada na defensa do idioma? Hai un sector do nacionalismo que quixo apropiarse do idioma. Eu entendín parte das discusións normativas neste senso, por exemplo o feito de que se puxesen a circular determinadas formas lingüísticas que todo o mundo identifica automaticamente con 'o galego do Bloque', iso non foi casualidade. Hai xente que me di 'que culpa temos nós de ser os únicos que nos preocupamos da lingua?'. Pois si que teñen culpa, pois ben se encargan de escorrentar do tema da lingua a quen non queren que estea alí.Creo que ti xa advertiches hai uns anos o conflito co que o BNG se podía atopar polo feito de que (a comezos da pasada década), unha parte importante dos seus votos estaban nas cidades e na mocidade, que eran precisamente os sectores máis castelanfalantes...Nun think tank que organizara o IGEA, eu advertinlle ao BNG que debía ser consciente de que se atopaba cun reto moi difícil, porque as mensaxes que se estaban lanzando contra o galego e a prol da suposta 'liberdade lingüística', estaban dirixidas sobre todo a un sector social que era unha parte moi importante do seu electorado, que era a mocidade e as persoas de mediana idade nas cidades. E eu non vía por parte do BNG ningún esforzo para combatelo. E advertíalles que iso podía ter un custe en votos. E a min o que me dixeron foi que tiña razón, pero que non se atrevían a mudar a estratexia, por mor do control do discurso lingüístico exercido por un sector.Que papel debe ter o reintegracionismo nas estratexias de normalización? Entendo que ese tema ten dúas cuestións que están ligadas, pero que son diferentes: por un lado a ligazón lingüística entre Galicia e os países da lusofonía, e polo outro a cuestión da norma. Ben sei que o reintegracionismo entende que están unidas, pero eu teño dúbidas sobre esas identificación. Eu estou de acordo en que debemos deseñar estratexias para saír do abrazo da morte que nos chega do centralismo castelán e da súa dominación excluínte. En canto á norma, creo que é fundamental que na Lusofonía nos recoñezan como tal, sen entrar disfrazados. A min se me admiten como lusófono tal como son, eu encantado.Que retos ten a Academia nos vindeiros anos?Hai que reforzar a presenza feminina, non por unha cuestión de cotas, senón porque na cultura galega o papel das mulleres é fundamental, e iso non está reflectido na Academia. En canto á lingua, a RAG debe publicar dunha vez eses diccionarios de referencia, debe ser unha referencia na terminoloxía, debe asesorar á xente en cuestións de onomásticas, de galeguización de nomes, de toponimia, son servizos que debe saber prestar con eficacia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario