Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 5 de febreiro de 2012

Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios.

Esta semana USC presentaba as actas das II Xornadas "Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios" que se desenvolveron no pasado mes de novembro. O traballo está coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela.

Mercedes Queixas Zas colabora co artigo "Mudanzas na planificación lingüística nos centros de ensino. O decreto do plurilingüismo" no que cunha arte excepcional no manexo do bisturí argumentativo, disecciona os males que o decreto do plurilingüismo trouxo ao ensino e ao traballo normalizador na educación. Ao rematar de lelo un advirte que o decreto ao que se fai referencia non se distingue en nada da Real Cédula de Aranjuez (1768) , aquela que dicía: «Mando que la enseñanza se haga en lengua castellana dondequiera que se practique, cuidando de su cumplimiento las audiencias y justicias respectivas».

Noutro artigo Mercedes Queixas xunto con Valentina Formoso alertan sobre a presunta elección da lingua do ensino polas familias traballando sobre as liñas e galego e a súa  eliminación por parte do actual goberno da Xunta: "agora a Administración fala de respectar a decisión dos pais, pero ataca directamente o dereito a recibir ensino en lingua galega a rapaces e rapazas en ámbitos urbanos". Varios artigos sobre a planificación lingüística nos últimos anos en centros que contaban con liñas de galego confirman que mediante a súa aplicación evitábase a exclusión do galego en contornas castelán-falantes.
Outros artigos achégannos as experiencias normalizadoras realizadas en Melide, Rianxo, Culleredo, Santiago de Compostela, ou desde diversos puntos da xeografía galega aproveitando as oportuinidades de conexión que nos ofrecen as TIC.
Un documento para ler e a ter moi en conta para aplicar na práctica diaria da normalización dos centros de ensino.
Un apunte final: non se me escapa que varios dos autores deste documento, como as dúas nomeadas máis arriba ou Belén Escariz, van participar no II Encontro de Equipos e docentes pola normalización, organizado pola CGENDL que se celebrará o vindeiro sábado 11 de febreiro no IES As Fontiñas. Toda unha garantía.

Pódenche interesar:
Educación e linguas en Galicia, coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela. Publicación das actas das I Xornadas "Educación e linguas en Galicia", do 2010.
II Xornadas "Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios" , coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela. II Xornadas "Educación e linguas en Galicia" Publicado en novembro do 2011.

Ningún comentario:

Publicar un comentario