Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 9 de febreiro de 2012

Cartos a esgalla

O novo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, vén de estrearse no Parlamento. Na crónica de Praza Pública sobre o asunto recollo a reflexión de Valentín quen, tendo en conta como está a situación económica dos concellos, os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos mesmos só se poderían manter "metendo cartos a esgalla pola porta para adentro".

O pozo sen fondo que pode facer tremer os orzamentos da Xunta por adicarllo a tapar os gastos dos SNL dos concellos podemos consultalo neste documento da CTNL. Hai 520.000 € para repartir en dous anos (2011-2012) polo que o presuposto para o presente exercicio é de 260.000 €.

260.000 € é aproximadamente o mesmo que recibiu da Xunta o Faro de Vigo o ano pasado.. Dúas veces e media esa cantidade foron para  La Voz de Galicia. Pola contra a Radiofusión non chegou nin un céntimo, e iso que, para summum do disparate, na convocatoria destas subvencións, no artigo 2, aparece, textualmente:
Poderán solicitar as axudas obxecto destas bases as empresas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o idioma galego.
Non vou remexer no protagonismo que estes medios lle ofrecen ao galego, nin á defensa da identidade de Galicia. Iso é evidente acotío. Só vou aportar unha cifra para clarificar cal é a realidade e facer abrollar a mentira de Valentín García na súa verdadeira dimensión. O mellor estudo, polo menos que eu teña coñecemento, sobre o uso das linguas nos medios, é A lingua das novas, coordinado por Túñez López e por López García. Á altura do ano 2004 a porcentaxe de informacións redactadas en galego nos xornais podíase cifrar nun 3,67%. Para maior escarnio, todo o mundo sabe que a situación da presenza do galego nos medios non fixo outra cousa que empeorar nestes últimos anos, e as directrices marcadas pola política lingüística da Xunta teñen unha clara responsabilidade nesta desfeita.
Cartos a esgalla, efectivamente, pero como sempre, para o castelán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario