Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 29 de febreiro de 2012

Matemáticas en catalán vs. matemáticas en galego

María Antonia Canals é toda unha referencia no ensino das matemáticas dos primeiros anos da escola. Isto é certo ata tal punto que incluso hai todo un apartado do web Descartes do MEC, adicado aos seus materiais: o Proxecto Canals. Tanto e tan bo foi o seu labor que desde o ano 2000 incluso hai un premio bianual para proxectos prácticos de innovación educativa dirixidos a todos os niveis educativos que leva o nome de Premio María Antonia Canals. Trátase de premios para traballos orixinais en catalán.
Alguén pode imaxinar un premio semellante para aportacións en galego? Alguén pode pensar que traballos como este e en galego, poidan contar coa axuda da Xunta para a innovación educativa? Alguén pode imaxinar un portal como Creamat, pero en galego? Ou que a nosa Consellería nos forneza de recursos como La Granja para a aprendizaxe das operacións,  pero en galego? Quen pode pensar en visitar un Museo das Matemáticas, pero en galego? E escolmas de recursos como edu3365.cat tanto para infantilprimaria, secundaria como para bacharelato,  pero en galego? E vídeos didácticos como os de edu3.cat, pero en galego? Ou, en definitiva, un buscador de materiais didácticos como ARC (con centos de resultados nas súas respostas)  pero en versión galega?
Está claro que non. Incluso poderíamos falar de negativas da Consellería a propostas para proxectos de normalización de materiais de matemáticas pois no seu currículo non se contempla o ensino das matemáticas nesta lingua (sic). A zunia chega ata tal punto que se chegaron a obstruír publicacións por parte doutras administracións polo curiosa eiva de estaren en galego.
E a quen lle temos que dar as grazas por todo isto?

2 comentarios:

  1. Efectivamente son dous mundos. No primeiro, o propio é valorado, mimado, ensinándolle aos novos e aos que veñen de fora a querelo. E grazas a ese esforzo, medran.
    Aqui botan lixo sobre o que máis vale, por que o que lles gusta é destruir o noso por que non o ven como valor ou non lle dan importancia. Cantas vilas son pequenos monstruos grazas a esa combinación de iñorancia e gañas de facer diñeiro ao prezo que sexa?
    Mais a mágoa é que incluso nos sectores aparentemente máis concienciados vense exemplos de dificultade para crear algo en común, coa enchente de sectarismos que tanto dano fan.

    ResponderEliminar
  2. Palabras completamente acertadas. Concordo.

    ResponderEliminar