Por máis que leo a noticia non sei que foi facer Valentín García, o Secretario Xeral de Política Lingüística (SXPL), a Vilagarcía. Suponse, ao ler o comunicado, que o seu cometido consistía en dar un pasiño na normalización do deporte. Pero non.
Se realmente se tratara de aumentar a visibilización do galego no ámbito deportivo non se entende por que non foi primeiro á Secretaría Xeral para o Deporte a tirarlle das orellas ao señor Lete, o seu responsable, por actuar en contra dos que deberían ser os principios fundamentais da SXPL. Efectivamente, neste mesmo blogue hai ben pouco denunciábase que na sección de novas deportivas están introducindo algunhas redactadas en castelán ([1], [2]). Se desde Política Lingüística non fixeron nada para que isto mudara, entendemos que, ou ben andan nas berzas, ou ben non lles interesa para nada a dignificación do idioma de noso. Se houbo chamada de atención, está claro que non lle fixeron caso, o cal tamén indicaría moi claramente que o proxecto da Xunta en materia lingüística consiste en reducir o seu uso á SXPL para despois reducir os cometidos e orzamentos da propia SXPL. A conclusión é sempre a mesma: menos galego.
Volvo a ler a noticia divulgada desde a SXPL e acabo completamente confuso. Valentín García reuniuse con Alberto Blanco, experto en promoción e técnicas e deportivas. Con que fin? O clube de baloncesto que dirixe Alberto Blanco posiblemente sexa todo un referente na práctica e promoción deportivas, mais non o é na práctica e promoción da lingua galega. Eis que un espera que a reunión non servira para estender as políticas lingüísticas do Clube de baloncesto vilagarcián a todo o deporte galego. Entón para que a reunión? Só se me ocurre unha explicación: para aplicar no deporte as políticas que leva a cabo a Xunta en materia de normalización. Así que pronto veremos aos xogadores de baloncesto, aos de bádminton, aos tenistas, e en xeral a todos adicando o 50% dos entrenamentos e dos partidos ao fútbol. É o que ten a doctrina do equilibrio, que todos acaban xogando ao fútbol.
Ningún comentario:
Publicar un comentario