Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 7 de febreiro de 2012

Escola e sociedade. O esquecemento da lingua.

Imaxes da sociedade de 1970 e os desexos para unha nova educación e para sacar adiante unha renovación pedagóxica que eduque persoas con criterio. Algo do que andamos moi necesitados.

L'Escola d'Estiu de Rosa Sensat 1970: Escola i Societat from Rosa Sensat on Vimeo.

Escola, sociedade... e lingua.
Eu que comencei a escola neses anos non teño nin un punto que lle revisar nin unha coma que lle sacar ao que dicía o meste Antonio Cuadrench como resumo da Escola de Verán Rosa Sensat daquel  ano. Unha reflexión tan cargada de sentido que despois de catro décadas segue sendo actual. Porén si que teño algo que engadir.
Alén da discriminación social e económica eu ben puiden constatar a discriminación lingüística. A escola daqueles anos aplicaba un férreo programa de inmersión en castelán acompañado dun desprezo absoluto por todo o que tivese un mínimo aire galego. As clases que recibimos, eu e todos os da miña xeneración, foron única e exclusivamente no idioma de Castela. Non só descubrimos o mundo en castelán, senón que tamén aprendimos a non aprender o galego, ou incluso a esquecelo.
Pola contra, este vídeo fixo que recuperara das brétemas da memoria un capítulo da miña infancia ben significativo do que estou comentando.

A palabra inexistente
A señora Elvira era unha mulleriña tan comida pola idade que só con moita dificultade se lle podía ver a cara gardada polo pano negro que nunca sacaba da cabeza. Entrou na casa sen petar, había confianza, e exclamou en alto:
- Ai! Que cansada veño! E non sabes que?... esquencéronseme os panos! Como me anda o sentido!
A mulleriña quedara en traer uns tapetes e deixáraos na casa. Pero eu non a entendín, e entón comenzou a miña burla:
- 'Esquenceron', que es eso? Que significa esa palabra? Eso no existe! La señora Elvira no sabe hablar!
Había pouco que compraran na casa unha enciclopedia que se anunciaba como a obra na que colaboraban 35 premios Nobel, a enciclopedia realizada íntegramente en España. 25 tomos. Fun dereito aos aos andeis onde lucían os lombos de todos eses libros e procurei: esquencer, esquencimiento, esque... Nada, non viña. Confirmábanse as miñas sospeitas, a palabra non existía. Así llo comuniquei a toda a familia, a señora Elvira era algo tonta, non sabía falar, dicía cousas sen sentido, esquencían ou esquencer, que ben se veía que tiña que ser un verbo, non aparecía na enciclopedia. Non me fixeron moito caso, e a señora Elvira marchou na procura dos tapetes.

A palabra atopada
A casa de Maruxiña estaba a poucos pasos do colexio. Era unha casa na que prácticamente non había mobles. Por veces, de volta da escola, miña nai pasaba por alí de visita. Iso a min non me gustaba nada porque me aburría. Normalmente acababa marchando para unha sala na que só había unha mesa e tres ou catro libros. Os libros estaban ben. Tiñan debuxos e moi pouco texto: só unha ou duas frases ao pé de cada ilustración. Eran uns libros raros. Estaban escritos en galego. A min nunca se me ocurrira que poidera haber tal cousa ata que os descubrín. Pasei as páxinas nunha na que aparecía debuxada unha muller cunha senlla á cabeza: "De andar a servir se me esquenció el jallejo", e respondíalle un mozo: "Vaites, vaites"

Foi como unha labazada. Decateime de que eu era a criada da ilustración. De súpeto, sen máis explicacións, recuperei o significado da palabra esquecemento, fíxena miña, e con ela, din o primeiro paso para recuperar a miña lingua. Así foi como aprendín moito máis dun libriño que mais ben parecía unha banda deseñada, que dos 25 tomos da enciclopedia que viña de estrear.
Por certo, os libriños con debuxos, soubeno despois, eran as Cousas da vida de Castelao.


Ningún comentario:

Publicar un comentario