Entrevista de Manuel Xestoso a Henrique Monteagudo, presidente da RAG, no Nós Diario:
Henrique Monteagudo (Muros, 1959) non é novo na dirección da RAG. Leva integrado nela desde 2013, mais confesa que a presidencia provoca un nivel de exposición pública e de atención mediática ao que non está afeito. Porén, valórao positivamente como un sinal de que a sociedade demanda a voz da Academia, que se reclama o seu discurso no debate público, especialmente no tema da lingua.
—A súa foi a única candidatura á presidencia da Academia. Quere iso dicir que había unanimidade ou que ninguén quere asumir un posto que é un "marrón"?
É o tradicional. Só excepcionalmente se presenta máis dunha candidatura porque a Academia non pode funcionar en clave de "goberno-oposición". É unha entidade na que participamos de forma voluntaria e na que traballamos ad amorem. De feito, temos prohibido cobrar polo traballo realizado nela. Sendo así, e cuns recursos moi precarios, sería unha tolería traballar nun contexto de confrontación.
—Prometeu unha política de continuidade.
Sería absurdo que dixese outra cousa, porque levo na dirección da Academia desde 2013. É lóxico que fale de continuidade, mais tamén é certo que estamos collendo as rendas da entidade persoas dunha xeración distinta e, polo tanto, tamén hai lugar para unha evolución.
—Está pendente unha reforma dos estatutos.
Si, en realidade non hai unha obriga legal de facela, pero tamén é certo que os actuais foron postos a proba polos novos tempos. Hai aspectos que se poden mellorar. Eu, por exemplo, creo que debemos buscar a forma de ampliar as bases da institución, e iso pode facerse ampliando o número de académicos correspondentes, que na actualidade é moi escaso, só sesenta. Creo que debemos ter unha rede de correspondentes que cubra todo o asociacionismo que hai a nivel local e comarcal no ámbito da cultura e, por outra parte, crear unha rede internacional, onde a presenza da cultura galega é cada vez máis consciente.
No campo dos académicos de número ocorre que cada vez a xente vive máis tempo. Se cadra, deberiamos atopar unha solución que, sen prescindir do capital que aportan os académicos de máis idade, nos permita introducir xente máis nova e, sobre todo, mulleres. A sociedade avanza a unha gran velocidade, os desafíos son cada vez maiores e a presenza de xente nova e de mulleres é cada vez máis imperiosa.
No Institut Ramón Llull, por exemplo, as persoas de máis idade pasan a ser supernumerarias, co cal non se prescinde delas, pero os seus asentos poden ser ocupados por outras persoas.
—E en que estado está a reforma da sede?
Pois creo que vai provocar un grande impacto: é un proxecto moi innovador. A empresa construtora e o arquitecto aseguran que a fin de ano estará rematada. Eu vexo que avanza moi ben e, se lográsemos unilo coa posta ao día dos estatutos, dariamos unha imaxe de renovación que creo que a sociedade demanda.
—A eterna cuestión: e o financiamento da RAG?
Esa é unha cuestión moi importante e diría que case sanguenta. Sen ir máis lonxe, a Acadèmia Valenciana dela Llengua, despois dos recortes que sufriu por mor do pacto entre Vox e o PP, ten máis de catro millóns de euros de orzamento. E na RAG temos un. O que recibe a Academia do Estado é o mesmo desde hai quince anos, e se todas as linguas do Estado son iguais, deberan ter un tratamento igual.
"Temos proxectos que non se poden levar a cabo sen un financiamento sólido"
Publicidade 221938
En canto ao financiamento da Xunta, intentamos que se asinase un pacto entre os grupos parlamentares para que houbese un capítulo nos Orzamentos Xerais dedicado á Academia, pero polo de agora non se deron pasos significativos. E isto para nós ten consecuencias, porque hai proxectos que non se poden levar a cabo sen un financiamento sólido. O dicionario, por exemplo, precisa dunha ampliación, moita xente bota de menos un dicionario máis rico, e é certo que un dicionario xeral como o da Academia debería ter polo menos 100.000 entradas e non as 60.000 que ten agora.
—Esa é unha das críticas á RAG, e tamén a da Gramática, que non acaba de ver a luz.
E o dicionario bilingüe castelán-galego e galego-castelán. Pero estamos no mesmo: iso faino un grupo de persoas que precisan dun equipo técnico, e iso son recursos. Na Gramática levamos traballando 20 anos e o que se quere é ofrecer un manual do século XXI, comparábel ás últimas gramáticas do portugués, do catalán, do español... postas ao día no aspecto científico e ben presentadas. Pero, claro, a gramática catalá fíxoa un equipo de 60 persoas dedicadas en exclusivo a ese traballo. E a nosa faina un equipo de voluntarios; moi competentes, pero que teñen que combinar ese labor coas súas dedicacións profesionais. Tárdase porque non hai recursos.
—Neste momento, a prioridade absoluta, que vostede mesmo sinalou, é frear a perda de falantes. A propia Academia denunciou que neste momento o ensino é o principal axente desgaleguizador. Vostede procede da sociolingüística: como cre que debemos enfrontar esta situación?
No último traballo que presentamos a partir dos datos do Instituto Galego de Estatística chegamos á conclusión de que entre 2003 e 2023 perdéronse 450.000 falantes de galego. Obviamente, non deixaron de falar galego case medio millón de persoas neste período de tempo: o que sucedeu é que os grupos que máis falan galego son os máis envellecidos, e eses falantes foron falecendo. Isto quere dicir que o problema principal non é que haxa falantes que deixen o galego atrás –que pode habelos, pero son os menos–, senón a transmisión interxeracional e, en estreita relación con isto, o efecto castelanizador do sistema educativo.
Henrique Monteagudo, na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Clara Xanthina)
Henrique Monteagudo, na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Clara Xanthina)
Cando levamos a cabo a experiencia piloto Modo Galego: actívao en Ames, comprobamos que o problema da falta de transmisión multiplícase porque rapaces e rapazas educadas en galego na casa, en canto se integran no sistema educativo van deixando a lingua atrás.
—Nese sentido, o chamado 'Deecreto do plurilingüísmo' foi moi lesivo para a lingua.
Foi moi pernicioso. Pero a situación agora xa non está só, nin principalmente, nas aulas. Os que temos certa idade lembramos que cando eramos uns rapaces o galego non estaba na escola, pero estaba fóra. E o problema hoxe é que tampouco está fóra. Ou case. Sobre todo no paso da Primaria ao instituto, a rapazada, para integrarse en redes de interacción social en que a norma de uso é o castelán, vense obrigados a abandonar o galego. E aí entran factores psicolóxicos, de construción da personalidade e da imaxe pública... Nós fixemos un traballo paralelo de entrevistas cos familiares nos que era habitual que nais e pais nos dixesen que os seus fillos confesaban deixar o galego porque non querían ser os "bichos raros".
—Daquela a política lingüística debe ir máis lonxe da escola.
Claro, hai que pensar nunha política global, pensar como difundimos referentes de prestixio en galego para a rapazada. Cando eses referentes son sólidos, hai ferramentas para resistir mellor a presión do castelán. É só un elemento, pero quero dicir que a política lingüística debe ir alén de leis e orzamentos –que son imprescindíbeis– para preocuparnos por aspectos de liderado social desde a nosa lingua.
—E, neste debate, que papel debe e pode xogar a Academia?
A Academia non ten competencias na implementación de políticas públicas, nin debe telas, porque para iso están os mecanismos democráticos, empezando polo Parlamento. Pero si ten un capital simbólico importante –é escoitada– e un caudal de coñecemento –por definición, unha academia é unha reunión de xente sapiente–. Co primeiro pode influír nas elites sociais e políticas; e co segundo, pode elaborar propostas e críticas ben fundamentadas. Penso que iso é o que está facendo, na medida das súas posibilidades, e eu, que traballo directamente no tema, tratarei de ser máis incisivo nestas cuestións.
Desde a institución temos datos directos da situación da lingua e, realmente, son moi impactantes. Mais tamén temos coñecemento do que se fai noutros lugares para mellorar a situación de linguas minorizadas, e aí é onde eu penso que poderiamos actuar de forma máis efectiva.
Os contactos coa lusofonía: necesitamos pasar da retórica aos feitos
"Creo que se nos debería escoitar máis", responde Monteagudo cando se lle lembran as críticas que a RAG efectuou ás actuais políticas lingüísticas. "A Academia foi moi coidadosa -como debe ser- para non interferir no debate entre partidos, e nese sentido non se nos pode achacar partidismo ningún. O que expomos non vai a favor dunha ou doutra tendencia pollítica, están pensadas a favor do galego, e creo que efectuadas por voces autorizadas".
O novo presidente da RAG tamén aposta polos contactos coa lusofonía como forma de aumentar a autoestima dos galegofalantes. "Neste campo hai moitas iniciativas moi interesantes e que, normalmente, obteñen uns resultados moi produtivos e interesantes. Pero son iniciativas puntuais: falta un liderado institucional, unha política consistente que sistematice eses contactos e que lles proporcione un marco de traballo. Nestes procesos, chega un punto en que para medrar se necesita un acubillo institucional, o apoio dsa administracións, e aí é onde se desinflan os proxectos, por falta dese apoio. É necesario que se pase da retórica aos feitos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario