Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 16 de xuño de 2013

30 anos de Lei de Normalización Lingüística

Carlos Callón, Isabel Vaquero, Henrique Monteagudo, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Socorro García Conde e Nel Vidal fan unha valoración para Sermos Galiza ([1] e [2]) con motivo do 30 aniversario da promulgación da Lei de Normalización Lingüística (LNL).




O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, o profesor, académico e responsábel da área de sociolingüística do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo e a técnica de normalización da Universidade de Santiago, Isabel Vaquero fan balance de trinta anos de Lei de Normalización Lingüística.



Carlos Callón: “Trinta anos de frustracións”

1-Que balance fai de trinta anos de Lei de Normalización Lingüística?
Trinta anos de frustracións. É verdade que, grazas á presión social, demos conseguido adiantos no cumprimento dalgúns dos seus aspectos. Por exemplo, durante lustros tivemos que realizar un arduo traballo desde A Mesa para conseguirmos que o Concello da Coruña comezase a utilizar o topónimo oficial e ao final si que o logramos; porén, a día de hoxe, este que é o segundo concello en poboación de Galiza, continúa sen utilizar o noso idioma como se fose oficial en formularios, sinalizacións, publicidade, etc., tal e como din esta Lei ou mesmo o Estatuto. É demasiado!Noutros aspectos, a Lei ficou como desiderativa e tendencial, mais como non existiu un desenvolvemento lexislativo posterior ou unhas políticas públicas claras que garantisen os nosos dereitos lingüísticos, todo ficou en auga de castañas. É moi diferente do que lle aconteceu neste tempo ao catalán, ao vasco ou ao aranés. Despois de 30 anos desta Lei, a comunidade lingüística galega é a máis desprotexida xuridicamente de todo o Estado español.
2-En que ámbitos o incumprimento da lei é máis grave para o proceso de normalización?
Que na actualidade haxa administracións que continúen a incumprir o único punto taxativo da Lei (o artigo 10, referido a toponimia) dános a medida de como estamos. Ora ben, o máis grave para o futuro do idioma é a vulneración do mandato do “uso progresivo dogalego no ensino” de que se fala no artigo 13. Está a vista de ollos que a evolución non só non foi progresiva, senón que foi mesmo regresiva: por exemplo, nunca se utilizou tan pouco o galego nestes 30 anos nas escolas infantís das nosas cidades como no curso escolar que está a finalizar. Se o ensino non funciona, non hai normalización posíbel.
3-Que medidas propón con respecto á lexislación arredor da lingua?
En primeiro lugar, que haxa políticas públicas que garantan o cumprimento daquelas normas que si amparan os nosos dereitos, mais que non se aplican. Ese foi un dos obxectivos do meu libro práctico Como defenderes os teus dereitos lingüísticos: visualizar esas normas descoñecidas que garanten, por exemplo, que as pólizas de seguros teñan que estar en galego, que en calquera Administración ou empresa pública nos teñan que atender en galego se así o solicitamos, que os procedementos administrativos sexan en galego se así o solicitamos, que os restaurantes nos teñan que ofrecer o menú (tamén) en galego, etc. O que existe no papel ten que existir tamén na realidade.Mais non abonda co marco lexislativo actual, porque continúa a ser discriminatorio. Son necesarias novas leis que deseñen claramente o dereito a poder usar o galego e a recibir información na nosa lingua nos diferentes ámbitos. Leis, en fin, que afiancen o galego como verdadeira lingua oficial e que non fiquen no meramente declarativo.
Por citar só algunhas claves: presenza de cando menos o 50% do ensino en galego na escola, darlle ao galego a consideración de requisito (igual que o castelán) para o acceso á función pública, garantir a programación de cando menos o 50% en galego nas radios e televións de concesión autonómica, o desenvolvemento legal do Plan xeral de normalización da lingua galega e da Carta Europea das Linguas, etc.4-Que pode supor a aplicación do que a Xunta chama “decreto do plurilingüísmo”?

Está a supor xa o varrido da nosa lingua da educación infantil das sete cidades; unha mensaxe de desprezo para o noso idioma, vetado para o coñecemento científico-técnico; un afianzamento da segregación social utilizando tanto o factor do galego (en negativo) como o factor do inglés (como fetiche de clase), etc. É unha norma regresiva en moitos aspectos, que aumenta as fendas sociais e pon en perigo o noso futuro como pobo. Por iso debemos continuar a mobilizarnos para a súa derrogación.

Isabel Vaquero “O obxectivo está lonxe porque non se atallou a perda de transmisión interxeracional”
1-Que balance fai de trinta anos de Lei de Normalización Lingüística?
É indubidable que se produciron avances dende 1983 para o galego, grazas ao recoñecemento da súa oficialidade, mais 30 anos despois o grande obxectivo da Lei, asegurar a normalización do galego como lingua propia do noso pobo, está máis lonxe ca nunca porque non se conseguiu atallar o problema fundamental: a perda de transmisión interxeracional, co que hoxe en día o galego, sendo a lingua propia de Galiza, é a lingua propia de cada vez menos galegos e galegas. Foi unha oportunidade perdida.
Esa eiva non se debe tanto á LNL como á falta de vontade política e de iniciativa á hora de executala, á falta de planificación durante 20 anos así como a moitos erros na execución técnica.Finalmente, nos últimos anos a falta de consenso político prexudicou gravemente o proceso de normalización lingüística.
2-En que ámbitos o incumprimento da lei é máis grave para o proceso de normalización?
Máis que dun incumprimento nun ámbito concreto, coido que o máis prexudicial foi e é o incumprimento dos mandados -moi pouco específicos, o cal facilita esa laxitude- en todos os eidos. A constatación de que os esforzos son os mínimos posibles, pero sen chegar ao cero absoluto, o que transmiten é unha sensación de engano e falsidade sobre a normalización lingüística, un “facer que se fai”, que afianza prexuízos lingüísticos e que, evidentemente impiden avanzar no proceso, porque este necesita transmitir unha idea de conxunto, de globalidade, de interrelación, para que se produzan sinerxías entre os diversos sectores: que os esforzos en ensino serven para algo porque repercuten no mundo económico e do traballo, etc.
3-Que medidas propón con respecto á lexislación arredor da lingua?

Mudar a lei de normalización lingüística, pois a realidade actual é moi diferente da de hai 30 anos en todos os planos. Ademais debería ser máis específica nos seus obxectivos e non só un compendio de boas vontades, sen prexuízo dos desenvolvementos posteriores, cuxa necesidade tamén se debería establecer (pensemos, por exemplo, que non existe a día de hoxe unha regulación clara de usos lingüísticos na Administración da Xunta). Do mesmo xeito deberá obrigar á elaboración de planificacións con carácter temporal e progresivo, determinar claramente responsables, prever a existencia de recursos e un procedemento de seguimento e avaliación periódico.
4-Que pode supor a aplicación do que a Xunta chama “decreto do plurilingüismo”?

O Decreto do plurilingüismo xa está producindo efectos. O primeiro deles, o afianzamento de prexuízos e actitudes negativas derivadas da transmisión dunha visión intereseira e deturpada sobre o que é o plurilingüismo, que se asocia coa visión hispano-anglófila, coa do galego como lingua secundaria ou, cando menos, como lingua considerada como exactamente igual que castelán e inglés para o País, obviando a súa dimensión identitaria e afectiva.
Tamén pola fixación de límites ao galego, tanto en número de horas como en tipos de materias, o que, lembremos, nin o goberno de Fraga ousara facer. Non podemos esquecer, ademais, que coa derrogación do anterior Decreto e a aprobación deste, se reforzaron todos os colectivos contrarios ao proceso de normalización.
Por outra banda, a prohibición do programa experimental das liñas de galego no ensino infantil sen avaliación oficial de ningunha caste rematou coa única medida que, polo que sabemos, conseguía cumprir un dos obxectivos da LNL: o de que ao rematar a etapa os nenos e nenas saísen coñecendo por igual e dende o punto de vista instrumental os dous idiomas oficiais. E lembremos que esa medida non se aplicou ata 24 anos despois da promulgación da LNL.
En canto ao grao de competencias lingüísticas que vai adquirir o alumnado, penso que nin en galego nin en inglés se vai mellorar. No primeiro caso, porque ademais de evitar unha maior inmersión (que, como demostra a análise da experiencia das liñas de infantil, é o único método que asegura o cumprimento do obxectivo que marca a LNL, a igual competencia en galego e castelán), non cambia a metodoloxía de ensino e, por riba, autoriza ao alumnado a non utilizala nas clases correspondentes, co cal nin sequera nesas horas semanais deben exercitar as súas competencias comunicativas.
De novo temos que lembrar que nin os gobernos de Fraga se atreveran a tanto.
No caso do inglés nos centros plurilingües, porque non se pode introducir unha lingua non ambiental como lingua vehicular das materias sen rumbo, sen unha planificación que asegure medios didácticos e recursos humanos preparados e con metodoloxías adecuadas, ao servizo dunha progresividade na introdución e pretender ter éxito. Hai indicios de nos dos primeiros cursos de primaria que non son capaces de seguir a clase, de profes para os que o ensino en inglés consiste en dar listas de termos en inglés, aulas impartidas en inglés en que se remata cun nivel de coñecementos específicos máis baixo que nas outras… Para o único que están servindo os centros plurilingües é para conseguir algo máis de financiamento e, sobre todo, para avalar centros privados e elitistas que non imparten docencia en galego, como ben estudou o profesor Vez Jeremías.

Henrique Monteagudo: “Poderíase ter aproveitado máis, pero sen LNL o galego estaría infinitamente peor”
1-Que balance fai de trinta anos de Lei de Normalización Lingüística?
Un balance misto: A LNL e a propia Autonomía abriron unhas posibilidades que se poderían ter aproveitado moito mellor do que se fixo; pero sen LNL e sen Autonomía, seguindo na situación e nas dinámicas previas, o galego estaría nunha situación infinitamente peor do que está.

2-En que ámbitos o incumprimento da lei é máis grave para o proceso de normalización?

O problema non o vexo tanto en termos de incumprimento (sen restar a importancia dos que se deron e dan), canto en termos de falla do necesario impulso político e social e de severas insuficiencias das políticas de acompañamento e desenvolvementoda LNL, que eran imprescindibles. Os sectores clave son ben coñecidos: o ensino e os sectores relacionadas coa mocidade (o lecer, o audiovisual, os novos medios), os medios de comunicación e xeral e mais o ámbito laboral, económico e comercial.
3-Que medidas propón con respecto á lexislación arredor da lingua?
É urxente recuperar o consenso arredor do modelo lingüístico no ensino e retomar un apoio firme ao galego neste e noutras áreas básicas, un consenso fundado no mantementod da progresividade nos avances como principio básico. En xeral, cómpre desenvolver política e normativamente -en definitiva, implementar-, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Pero se cadra o principal desafío hoxe non está na lexislación senón no debate social: o galego precisa dunha relexitimación pública que só pode vir dun amplo acordo. Para isto é imprescindible relanzar o diálogo en tres ámbitos básicos -político, social e institucional-, sobre as bases ben coñecidas: a política lingüística debe tender -tal como sinala a lexislación vixente-, a colocar o galego, canto lingua propia de Galicia, en situación real de igualdade con respecto ao castelán, para que os cidadáns e cidadás poidan desenvolverse nel, se así o desexaren, de xeito pleno e con total liberdade.
4-Que pode supor a aplicación do que a Xunta chama “decreto do plurilingüísmo”?


Xa supuxo un grave retroceso para o idioma no ensino e está supondo un atranco insalvable para o imprescindible diálogo entre as forzas políticas e cos axentes sociais cara a revitalizar as políticas de impulso desde os poderes públicos. Coido que debemos camiñar cara a un modelo lingüístico flexible, que garanta a competencia de todos os estudantes nas dúas linguas oficiais e asegure o avance do galego no sistema educativo ata onde for posible, sen máis limitacións que as que impoñan uns criterios didácticos razoables e as propias realidades sociolingüísticas.

Xosé Ramón Freixeiro Mato: “O galego tivo a maior perda de falantes en tan curto espazo temporal”

1-Que balance fai de trinta anos de Lei de Normalización Lingüística?
En xeral negativo porque non houbo vontade política para a facer cumprir realmente. Paradoxalmente, o galego tivo neste período unha grande perda de falantes, a maior en tan curto espazo temporal segundo datos do Mapa Sociolingüístico 2004.


2.En que ámbitos o incumprimento da lei é máis grave para o proceso de normalización?
Destacaría o ensino porque o uso do galego entre a xente nova no ámbito urbano é

practicamente residual e xa non ten en moitos casos a competencia para poder falalo. E se a escola non garante iso, non hai normalización posíbel. Outro ámbito escandaloso é o da Xustiza; tamén o da empresa, lecer etc.
3. Que medidas propón con respecto á lexislación arredor da lingua?
Primeiro, modificar o Estatuto de Autonomía para incluír nel o deber de coñecer o galego. Segundo, elaborar unha nova LNL que corrixa as deficiencias detectadas e que recolla medidas sancionadoras para quen a incumprir. Terceiro, aplicar o PXNLG, o cal supón voltarmos ao Decreto de 2007.
4. Que pode supor a aplicación do que a Xunta chama “decreto do plurilingüísmo”?

A total marxinalización do galego, pois neste momento xa reduciu a súa presenza nos colexios urbanos a niveis ínfimos. Se a escola non compensa con garantías a perda da transmisión interxeracional do galego no seo familiar, este non pode ter futuro a longo prazo. E actual decreto non garante nada.


Socorro García Conde, “Sería desexable revisala e adaptala a unha realidade social e sociolingüística que mudou moito nestes trinta anos”

1.Que balance fai de trinta anos de Lei de Normalización Lingüística?
Necesitabamos unha lei máis ambiciosa pero tampouco chegamos esgotar esta. Hai algúns espazos en que o galego está máis presente que hai 30 anos pero non dan compensado outros en que recúa, e moito, e que parecen ser os máis decisivos para o futuro. Malia iso, sen a lei había ser todo moito peor.
2.En que ámbitos o incumprimento da lei é máis grave para o proceso de normalización?
A lei trata de dereitos da poboación e de obrigas unicamente para os poderes públicos. O incumprimento destas obrigas –de protección, de uso e de promoción- é, polo tanto, chave para o proceso segundo ese marco xurídico. Daquela, este incumprimento é o máis grave, polo suxeito que o protagoniza e polos efectos na sociedade.
Evidentemente, o ámbito público é moi amplo e diverso e non ten as mesmas consecuencias que parte da documentación escrita dun expediente non estea en galego que a práctica lingüística no ensino.
3.Que medidas propón con respecto á lexislación arredor da lingua?
O desexable sería revisala e adaptala a unha realidade social e sociolingüística que mudou moito nestes trinta anos e facelo con obxectivos claros e explícitos. Pero a situación neste momento é tan cativa que o máis urxente é que se retiren as normas que son un claro retroceso.
4.Que pode supor a aplicación do que a Xunta chama “decreto do plurilingüísmo”?

Seguir consolidando e afondando na liña de perda do galego entre as xeracións máis novas e perder oportunidades para aplicar realmente o plurilingüismo e non ese lío que se montou coa “falsa” introdución do inglés.


Nel Vidal: “Moitas administracións están a día de hoxe incumprindo a Lei de normalización e non pasa nada”

1-Que balance fai de trinta anos de Lei de normalización lingüística?
A Lei de normalización lingüística é froito do seu momento, do seu tempo, de hai 30 anos, mais, desgraciadamente, ten plena vixencia, non está desfasada, pois, en 30 anos, non superamos moitos dos marcos e criterios básicos que nela se estableceron e aínda serve de base a apoio para o uso do galego nas administracións.
Aínda que son moitos e innegábeis os avances que houbo no proceso de normalización lingüística neste tempo, tamén son moitos os retrocesos, sobre todo a nivel de necesidade, de prioridade, de intensidade, de entusiasmo... Isto pódese exemplificar en que é moi posible que sectores e organizacións políticas que a apoiaron no seu momento, hai 30 anos, a día de hoxe se cadra non a apoiarían, cando menos nos mesmos termos. Serían, e son, estes sectores e organizacións ben menos claros e ambiciosos no apoio ao uso e fomento da lingua propia agora, para a que incluso piden e executan retrocesos.
2-En que ámbitos o incumprimento da lei é máis grave para o proceso de normalización?
Moitas administracións están a día de hoxe incumprindo a Lei de normalización e non pasa nada. Se unha administración incumpre unha lei, loxicamente é un escándalo, mais, se esa é a Lei de normalización, non pasa nada, pois moitos/as responsables políticos/as, traballadores/as públicos/as, etc., vena como unha lei secundaria, e non se fai un mínimo esforzo para o seu cumprimento real. E quen actúa sen cumprir a lei, está executando ilegalidades, claro...
Para min, mais que indicar se é máis grave que se incumpra nun ámbito ou noutro, o máis grave é a imaxe que se transmite de que a lingua é algo secundario, que non importa moito, pois iso trasládase ao imaxinario colectivo da cidadanía, e así o galego convértese, de maneira efectiva, en algo ao que non lle hai que dar importancia.
3-Que medidas propón con respecto á lexislación arredor da lingua?
Todas aquelas que atendan ao criterio de “progresividade” estabelecido na LNL. Mais, esas medidas lexislativas, que son fundamentais, deben ir tamén acompañadas de accións para o fomento do uso e prestixio do galego en todos os ámbitos, de recursos materiais e humanos e de mensaxes claras e convincentes dirixidas á cidadanía. No ámbito da empresa, da transmisión interxeracional, do ensino, da administración, do deporte, da música, da comunicación...

4-Que pode supor a aplicación do que a Xunta chama “decreto do plurilingüismo”?

Máis ben, que está supondo xa... Por un lado, menos competencia lingüística efectiva en galego por parte das nenas e nenos, mais, principalmente, o que xa produciu e segue e seguirá a provocar é o traslado á cidadanía da idea de que o galego non vale para todos os ámbitos, que é unha lingua inferior, secundaria, non importante. Entón, ao non ser importante e ao ser inferior, por que imos usala?

Ningún comentario:

Publicar un comentario