Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 20 de xuño de 2013

A paisaxe lingüística de Silleda




Este pasado martes no Equipo de Normalización do IES de Silleda presentamos o resumo e as conclusión do traballo realizado polo alumnado de 4ºA para o ENDL sobre a paisaxe lingüística de Silleda á alcaldesa Paula Fernández e á presidenta da asociación de comerciantes e empresarios ECOS, Fátima Costoya. As dúas mostraron o seu interese polo tema e ofreceron colaboración e incluso propostas para avanzar na normalización.
Aínda que o titular do Faro de Vigo era algo apocalíptico (Silleda pérdese co galego), eu estou seguro de que de facermos un estudo semellante en calquera outra vila galega as conclusións serían semellantes.
No traballo explicamos en que consiste a paisaxe lingüística: investigar  a presenza escrita das distintas linguas nos espazos públicos. Nos vindeiros días publicaremos neste blogue varios vídeos relativos ao tema.

Os pasos que seguimos foron:
  • Redactar un documento de traballo que nos servira para planificar o que tiñamos que realizar. Partimos dun artigo do profesor da Universidade de Vigo Miguel López Docampo, publicado no nº 33 dos Cadernos de lingua da RAG . Na medida do posible seguimos a metodoloxía alí indicada. Por exemplo, cada sinal considérase individualmente, aínda que haxa varios que pertenzan ao mesmo comercio.
    Nese documento establecimos tres grupos principais en que clasificar os soportes da escrita nos espazos públicos: aqueles que son responsabilidade das administracións, os pertencentes aos comercios ou particulares, e un último apartado no que se pretendían recoller as as pintadas e os graffitis.
  •  O seguinte paso consistiu en percorrer varias rúas céntricas de Silleda sacando fotos . Fixémolo pola Avenida do Parque, a Rúa María Colmeiro, a Rúa Venezuela , a Rúa do Progreso e a Rúa H en dúas xornadas do mes de febreiro do 2013.
  •  Establecimos varios grupos de traballo, repartindo entre eles as fotos recollidas.
    Realizamos un primeiro paso de depuración das fotos, eliminando algunhas ben por estaren repetidas, ben porque finalmente decidimos que non nos interesaban. Quedámonos así con 768 fotos. 
  • Mediante un documento colgado na nube de Google Drive ao que tiñan acceso todos os colaboradores, etiquetáronse todas as fotos principalmente en dous campos. O primeiro deles facía referencia ao tipo de soporte que contiña a mensaxe fotografiada e o segundo á lingua ou as linguas nas que viña redactada.
  •  Finalmente realizamos un traballo de reconto dos datos obtidos e elaboramos este informe no que se dá conta deles. Para acompañar este informe tamén se realizaron varios vídeos con parte das fotos recollidas.



A administración




Neste vídeo aparecen moitas fotos de Silleda con soportes que son responsabilidade das administracións. Forman parte do traballo da paisaxe lingüística de Silleda realizado polo alumnado do IES Pintor Colmeiro no curso 2012-2013.
A maior sorpresa que tivemos ao comprobar os resultados foi o obtido ao facer o estudo da distribución das linguas nos sinais das administracións. Supoñíamos que o uso do galego se aproximaría ao 100%, pero non foi así.

Dos 143 sinais deste grupo, 67 (un 47%) estaban escritos en galego; 63 (un 44%) aparecían só en castelán e 8 (6%) nas dúas linguas. Isto revela que as autoridades no concello non estiveron realmente implicadas na normalización lingüística.
A cidadanía silledense decátase simplemente paseando polas rúas máis céntricas da vila, que as administracións non apostan pola mesma lingua que usan os veciños. Isto non fai outra cousa que reforzar prexuízos polo que para o ben da normalización, precísase reverter esta situación.

Preséntase o problema de que facer para cambiar a situación. Ao revisar os datos comprobamos que a maior parte dos sinais administrativos monolingües en castelán son os referidos aos vaos de aparcamento das entradas dos garaxes, polo que sería relativamente sinxelo comenzar ca cambiar a situación.
Neste traballo recollimos un total de 39 fotografías de vaos, que representan prácticamente o 60% do total dos sinais asignados á administración en castelán. Por iso farémoslle unha proposta ao Concello para que cambie este tipo de sinais e para que os que se coloquen de aquí en diante teñan garantizada a súa emisión en galego. De facerse así sería ademais unha aposta moi visible para os veciños de Silleda. Ademais con este traballo pretendemos abrir unha porta de colaboración coa entidade local para establecer proxectos normalizadores
Na presentación do pasado martes a alcaldesa informounos que os sinais dos vaos son colocados polos veciños, non polo Concello, pero a pesar de todo, á vista deste informe van tomar medidas para ir modificando esta situación.
Unha curiosidade: os sinais en inglés correspóndese a stops


O Comercio




Neste vídeo aparecen moitas fotos de comercios de Silleda. Forman parte do traballo da paisaxe lingüística de Silleda realizado polo alumnado do IES Pintor Colmeiro no curso 2012-2013 co fin de comprobar a realidade lingüística do entorno e da importancia da colaboración na súa normalización.


Dos 602 sinais comerciais, 120 están en galego e máis do triplo, 384 en castelán. Outros 45 aparecen nas dúas linguas. Non fixemos ningunha análise sobre se hai predominancia dalgunha lingua nestes últimos sinais.
En 25 sinais aparecen en inglés. Deles 12 son monolingües e no resto vén acompañada doutra(s) lingua(s). Temos tamén 30 fotos nos que tivemos problemas para etiquetar a lingua na que estaban redactados.

Chama a atención que estando asentados os comercios nun entorno galegófono os comercios respondan usando outra lingua que non é a ambiental. Esta gráfica pon en evidencia unha anormalidade que se non a percibimos como tal é por estaren moi asentados prexuízos que veñen de moi atrás.


Unha das consecuencias deste estudo é a evidencia da conveniencia de establecer acordos para unha planificación da normalización no entorno. Para iso puxémonos en contacto con ECOS (Asociación de empresarios e comerciantes de Silleda) e trasladámoslle os resultados deste estudo. Resulta que a asociación empresarial mantén o galego como lingua de comunicación social, tal e como fai tamén o Concello. Pola contra os resultados recollidos da paisaxe lingüística de Silleda ofrécennos un panorama completamente distinto, onde o castelán é a lingua hexemónica.
En moitos casos a cartelería dos comercios procede de marcas e axentes externos que emiten os seus sinais en castelán. Pensamos que compría que os comerciantes de Silleda reflexionasen sobre este feito para que a presenza do galego non se vexa aínda máis excluída polo que os invitamos a que as mensaxes de confección propia que emitan deberían facela en galego. Deste xeito compensaríase tan siquera cuns mínimos o percorrido paisaxístico polas rúas do noso entorno.


Aínda que o título desta epígrafe faga referencia ao comercio cómpre destacar que non só son responsables os comerciantes os responsables deste tipo de sinalización. Hai carteis como este que presentamos aquí, que puideron ser colocados por calquer cidadán. Isto sérvenos para insistir na necesidade de contar coa colaboración de todo o mundo para a normalización.
Desde a directiva de ECOS xa nos indicaron que comenzarían colaborando dando divulgación a este traballo.


Dúas curiosidades



Neste vídeo aparecen fotos de vaos permaentes nas entradas dos garaxes en Silleda. Xa comentamos que se a distribución galego/castelán nos sinais administrativos era parella debíase en boa medida a que moitos dos sinais etiquetados como da administración monolingües en castelán eran os correspondentes aos vaos de vehículos.
Neste traballo recollimos un total de 39 fotografías de vaos, que representan prácticamente o 60% do total dos sinais en castelán. Por iso farémoslle unha proposta ao Concello para que cambie este tipo de sinais e para que os que se coloquen de aquí en diante teñan garantizada a súa emisión en galego. De facerse así sería ademais unha aposta moi visible para os veciños de Silleda. Ademais con este traballo pretendemos abrir unha porta de colaboración coa entidade local para establecer proxectos normalizadores




Durante este traballo comprobamos que as pintadas e os graffitis non son significativos cando se trata de establecer a lingua predominante nos sinais visibles nos espazos públicos de Silleda. De todas formas, recollimos algúns e elaboramos este vídeo que nos quedou moi aparente.
Tamén, como conclusión, fíxosenos evidente o emprego masivo do castelán en todo tipo de rotulación e anuncios comerciais. Se isto, ademais non se acompaña, como acabamos de ver, dunha aposta normalizadora clara das administracións, temos o campo preparado para a substitución lingüística. O galego está ameazado pola lingua dominante, que ademais ten todas as ventaxas lexislativas. Pensamos que debemos promover e colaborar cos empresarios e comerciantes de Silleda para trasladarlles esta realidade e a importancia fundamental da súa colaboración para a visibilización da lingua galega.

Con este traballo certificamos que o estado social da lingua galega no concello non é bo. Un síntoma é a súa paisaxe lingüística. Isto lévanos a pensar que os prexuízos cos que se carga ao uso do galego están profundamente enraizados no noso entorno máis próximo, pero decatármonos desta evidencia é tamén o primeiro paso para establecer un proxecto de futuro para a normalización. Para o pasado deixamos os prexuízos e os modos de proceder antigos e irreflexivos respecto do uso da lingua galega.






2 comentarios:

  1. Moitas grazas!
    Eu tamén lle teño que agradecer ao IES Blanco Amor a idea. Todo partiu deste vídeo http://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2012/04/o-galego-nas-ruas-de-ourense.html, e ao pouco tamén vin o artigo de Miguel López Docampo ao que se fai referencia na entrada.

    ResponderEliminar