Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 1 de xuño de 2013

Un 17 de maio para (non) esquecer

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:



Esta data pasará á historia o presente ano por diversos motivos de nefasta lembranza.
A aprobación da LOMCE polo consello de ministros, que esnaquiza a educación pública e laica e por medio de cuxa lei, de rancia ideoloxía relixiosa e españolizadora, a nosa lingua deixa de ser materia troncal e lingua vehicular no currículo.

A celebración dun xuízo sumarísimo —logo dunha sentenza absolutoria anterior— ao presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística por defender a legalidade do emprego da nosa toponimia, fronte a aqueles que, valéndose da súa autoridade, se burlan e desprezan a nosa lingua.
Algo semellante ao aplicado, cunha benemérita sanción, nas autoestradas galegas. A cal consiste en impor a garda civil desorbitadas multas por manter unha mínima rotulación en galego, como é a sinaléctica do termo ‘Peaxe’. Coma na absolución dunha multa hai uns meses en Pontevedra para quen alegou descoñecer o noso código. O lingüístico, non o de circulación.
No acto institucional de conmemoración das Letras Galegas, a cargo dunha Academia dividida, foi onde máis se puxo en evidencia estaren os poderes públicos de costas á sociedade.
Os representantes da dereita, que desgoberna ao seu antollo, protagonizaron unha liturxia teatreira, a porta pechada, procurando impedir a libre expresión do sentir popular. Xusto o contrario do que significa a obra dramática de Roberto Vidal Bolaño.
Mais por moito que intentaron, valéndose de forzas policiais, non puideron acalar o berro estafado das vítimas das preferentes, nin dos traballadores das artes escénicas, que ven como día a día, froito do desamparo institucional, se pecha o telón de toda actividade cultural na nosa lingua. Nin, por suposto, o fondo sentir das palabras de Belén Quintáns, viúva do dramaturgo homenaxeado, quen puxo sobre a mesa un ramallo de dignidade en tal celebración.
O día en que se cumprían os 150 anos da publicación de Cantares gallegos milleiros de persoas aclamamos e reclamamos o dereito de usarmos o idioma de noso. Na multitudinaria manifestación convocada por Queremos Galego únense persoas de toda condición que non queren que a nosa lingua propia sexa estranxeira na súa patria.

Non cómpren máis mostras para saber con certeza que os representantes políticos que ocupan o goberno, tanto nacional coma estatal, non representan os intereses da maioría da poboación.
Abonda con reparar, no noso territorio, co brutal número de parados, coa sangría migratoria da nosa mocidade mellor, coa destrución da nosa infraestrutura industrial propia e coa tentativa de exterminio estratéxico do noso tecido cultural.
Agora aínda queren cadrar as contas mellor, a conto de reducir o número de parlamentarios, en aras dunha privativa e privatizadora austeridade. E anular, da forma máis fraudulenta posíbel, a representatividade das forzas políticas da oposición, acalándolle a voz aos cidadáns.
Mais perante un goberno submiso e incompetente, que renuncia e non fai uso das súas competencias, non sería o mellor camiño a súa disolución?
E mira por onde que, a ben seguro, habían contar co aplauso atronador de moitos comentaristas políticos da dereita galega. Quen, con complexos ou sen eles —depende por onde se mirar—, non deixan de predicar contra o que chaman ‘estado das autonomías’. Tan en sintonía cun moi vixente espírito de cruzada centralizador.
Diante de tanta tráxica farsada bufonesca, a sociedade viva, por volta do 17 de maio, púxolle voz a unha pequena escena propia da dramaturxia de Roberto Vidal Bolaño. A maior novidade consistiu en se desenvolver o diálogo nun escenario inaccesíbel, acordoado polas chamadas forzas e corpos de seguridade:
—Contra a mentira, a cultura!
—O Salón está blindado polo amigo de Dorado!

Ningún comentario:

Publicar un comentario