Nun comunicado emitido o 17/06/2013 afirmase textualmente: "Este ano a Consellería dirixida por Xesús Vázquez incrementou nun 20% a dotación para os equipos dos centros públicos". É certo? Pois si, tan certo como que o ano anterior se reducira o orzamento nun 70%, e que o anterior a redución foi doutro 20%. Polo tanto se despois deste anunciado incremento deste curso, o vindeiro ano se triplicara esta partida, aínda estariamos por debaixo do presupostado no 2009.
No seguinte gráfico podemos consultar cal foi a evolución real dos presupostos do capítulo destinado aos proxectos de fomento dos centros educativos. A cor azul correspóndese a gobernos do PP e o vermello ao do PSOE-BNG.
Outro dos anuncios que se fai na mesma nota de prensa é o de que 826 centros serán os beneficiarios da medida orzamentaria. Unha simple división indícanos que cada centro recibirá unha media de 363 € para o desenvolvemento do seu proxecto de normalización... e que, polo tanto, deixa de percibir outros1211 € ao comparalo co que se lle asignaba hai catro anos. E iso que non podemos dicir que neste tempo as cousas melloraran fóra da escola como para xustificar unha redución tan enorme da acción normalizadora. Pola contra, non temos ningunha noticia de que houbera nin tan siquera unha medida de impulso ou mellora por parte da Xunta.
Claro que sobre o complexo e inoperativo procedemento para recoller estas migallas aínda temos que ler o seguinte:
"para facilitar o seu traballo, a convocatoria que agora se resolve introduciu novidades que simplifican a xestión e aceleran os pagamentos. Por iso se fará o ingreso [sic] das cantidades que cada centro debe percibir sen agardar á xustificación do gasto. [...] Con estas medidas a Secretaría Xeral de Política Lingüística atende vellas demandas dos equipos de dinamización da lingua galega."Desta forma xustifícase que a resolución do gasto anual se anuncie no DOG do 17 de xuño, cinco días antes do remate da actividade escolar. É de supoñer que os ENDL brincarán de alegría por dispoñeren de tanto tempo de seguridade orzamentaria! O que se lle ten reclamado unha e outra vez é que se faga unha convocatoria que asegure un orzamento plurianual que garanta que o traballo que se realiza acotío nos ENDL non se vexa coutado sistemáticamente pola falta de dilixencia da Consellería de Educación.
A medida do desprezo da Xunta pola normalización.
A aposta da Consellería de Cultura e Educación polos equipos de normalización tradúcese nun abandono e unha redución que evidencian a iniquidade no trato á lingua galega. Os Equipos de Normalización dos centros de ensino son, xunto cos SNL dos concellos, a única forma de contención da avalancha ultraprotexida do castelán na nosa sociedade. O trato que o goberno lles está a dar a estes servizos dimensiona claramente cal é o lugar e o proxecto que teñen para a lingua galega. Podemos medir o desprezo cun exemplo. No último Consello da Xunta destinábanse case 20 millóns de euros a Unión Fenosa e outras empresas eléctricas, máis do dobre dos presupostos que se destinan para toda a SXPL, suposto organismo que garante e defende o uso normalizado do galego. Esta inversión facíase sen que se desde a Xunta se lle esixira á compañía eléctrica a garantía do mantemento da atención ao cliente en galego. Nunha única decisión dun Consello da Xunta, ponse a disposición dunha empresa que vén de demostrar o seu desprezo pola lingua, e mesmo pola lexislación que minimamente aconsella protexela, unha manchea de cartos procedentes dos petos dos galegos para impoñer o monopolio da imposición do español. Velaquí a política lingüística da Xunta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario