Seriamos moi inxenuos se asumísemos o discurso dominante que intenta facernos crer que a lingua, un ben de todos, debería quedar á marxe da loita política. A argumentación, xa ben tópica e manida, que se espalla desde unha suposta ponderación e sentido común, pretende acomplexar aos que mostran un acendido amor polo galego que, para colmo de todos os males, lle estaría a causar un grave prexuízo ao mesmo.
Cómpre diferenciarmos o plano da realidade do plano do desexo. Verdadeiramente, a lingua debería ser cousa de todos, a defensa da lingua debería ser cousa de todos. Seguramente, se vivísemos nunha situación de normalidade, sería cousa de todos e non habería tal problema. Mais non é tal. Uns amámola, defendémola e practicámola a diario e en toda parte. Outros fanlle cánticos de pura paixón, mais nin a defenden nin a practican. Moitos dos que din amala afervoadamente, cando teñen ocasión e poder, aproveitan para maltratala.
Non, nesta cuestión non é de recibo atacar o BNG nin as persoas do BNG que aspiran a que sexamos normais. Ninguén pode darnos leccións de amor á lingua, porque nós consideramos a lingua unha cuestión central, tanto programática como practicamente. Non están tampouco autorizados a pedirnos que deixemos de amar ou que amemos menos, porque corremos o risco de afogar o obxecto amado. Invitámolos, iso si, a facer camiño con nós.
O presidente da Real Academia Galega, recén electo para o seu mandato, andou moi dilixente en crear polémica cos nacionalistas, asegurando que o cariño excesivo que lle prodigamos pode afogar o galego. Se for un presidente que asume o cargo con máis ecuanimidade e imparcialidade, dirixiríase ás demais forzas políticas para pedirlles, en mes tan sinalado como este de maio, que tomasen exemplo e amasen a lingua con esta mesma intensidade. Ou iso ou estar calado e dedicarse a solucionar os grandes problemas que afronta a RAG, entre eles o da súa imaxe pública. Non lle deamos máis relevancia ás palabras de Alonso Montero que a que teñen, mais debera predicar co exemplo e comezar, poñamos por caso, por galeguizar o seu segundo apelido, tal e como fixemos moitos xa hai tempo. Non hai nada que llo prohiba.
Mentres Queremos galego volvía a encher o 17 de maio a Praza da Quintana de persoas que amamos o galego incondicionalmente e queremos a súa pervivencia, unha serie de columnistas e tertulianos de case todos os medios de comunicación, empregáronse a fondo, atacando esta Plataforma, a Mesa e o BNG, ao tempo que se dedicaban a botarlle flores á ancha folla de servizos do presidente da RAG e ao sublime argumento esgrimido polo mesmo. Moitos fixérono desde supostas conviccións ideolóxicas moi distantes –no fondo non o son tanto!- ao aludido, un consumado marxista, galeguista e republicano. Resulta flagrante tanta presunción de marxismo, como se iso dese o selo progresista. Un verdadeiro marxista, que analice en termos rigorosos e non idealistas a realidade galega, constata que o español é a lingua que se está impoñendo. Tamén sabe que o galego é unha cuestión fundamental para a existencia do pobo galego e que, por tanto, debera ser prioritaria para todas as forzas políticas. Desde esta análise, non pode resultar máis lóxica e congruente a identificación entre militancia a prol do galego e militancia nacionalista. Parece que este feito non deixa de incomodalos; non tanto o posíbel rexeitamento e perda de simpatía que iso provocaría nunha parte dos galegos. Non deixa de resultar ilustrativo, unha vez máis, que se unan todos, sexan progres de esquerda ou sexan de dereitas, para atacar aos que teñen unha práctica lingüística coherente.
Todo aforismo ou refrán condensa unha parte de verdade da vida, mais tamén, como simplificación que é, leva en si unha parte de esaxeración ou de verdade que debe ser relativizada. Os amores que matan son aqueles nos que non existe correspondencia entre teoría e práctica. Os da paixón pura ou paixón pasiva. Pódese retrucar con aqueloutro refrán que reza: obras son amores e non fermosas declaracións. Non hai mellor maneira de amar a lingua que practicándoa. E mesmo nos atrevemos a dicir que é mellor pecar por exceso que por defecto. Ben sabido é que algúns dos avances máis importantes que se deron no mundo foron logrados con grandes doses de entusiasmo e de paixón. Somos moitos os que pensamos que cómpre ser apaixonado e mesmo vehemente nunha causa tan xusta como esta. De pouco serve, a respecto da problemática lingüística, manter unha actitude apática e indiferente, actuando como se vivísemos no mellor dos mundos posíbeis. Sermos conscientes da situación que “padecemos” coa lingua é tamén sermos conscientes de que a mellor maneira de “padecer” esta situación non é pasivamente, senón de xeito combativo e mesmo con certa carraxe. Velaí o que necesitamos: unha verdadeira paixón activa pola lingua, transformadora da situación actual.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
luns, 3 de xuño de 2013
Paixón activa polo galego
por Manuel Rei Romeu en Terra e Tempo:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario