Engadir título |
por Pilar García Negro, en Terra e Tempo:
Redobrar a españolización escolar a base do inglés como lingua vehicular é a perversa manobra para aínda ocultar máis e máis o galego.
Coido que non admite dúbida. A palabra máis usada na fala galega é “bueno”, que se combina coa adversativa: “bueno, pero…” ou “pero, bueno…” (e a orde dos elementos aquí altera o resultado). De ser isto certo, a palabra máis usada no galego oral é unha palabra española, inicio de conversa, comodín, marcador discursivo…, de amplo asento no galego desde hai ben tempo.en tempo. Tal evidencia -pola que me desculpo- non a adscrebo a nengún espírito “purista” senón á constatación simples e triste de que partimos dun idioma castelanizado polos catro pontos cardinais; de que cada vez o noso repertorio léxico, fraseolóxico, expresivo… é máis pobre; de que non hai unha só, nen unha só, emisión da radio ou da televisión galegas onde a semántica xenuína do idioma de noso exista limpamente; de que, en fin, a distancia entre unha lingua oral común e unha lingua escrita cuidada agrándase, sen osmose visíbel.
Tal é o resultado, esquematicamente dito, de dúas variábeis: centuplicouse, con millenta emisores, o imperio do idioma oficial do Estado; en paralelo, a pobre megafonía do galego está chea de ruído, isto é, de interferencias por toda a parte. Nesta situación, o esforzo voluntarista colide contra un muro demasiadamente compacto e duro. Toda lingua precisa na fala dos seus utentes de devolución, de imitación, de emulación. Quen poden oferecela están convenientemente censurados ou minimizados. O exiguo galego “oficial” é máis unha máscara formal e escuálida do que unha oferta digna e atractiva.
En fría e distante (se for posíbel) análise sociolingüística, nada disto debera surprender. A deriva asimilacionista provoca o naufraxio inclemente do galego, e non fomos poucos ou tímidos os que, hai moitos anos, anunciámos que se o idioma nacional non era obxecto dunha sostida e forte política de amparo efectivo, uso social e público extendido, aplicación da cativa lexislación na dirección favorábel á súa utilización…, a lingua galega iría a menos irremediabelmente. Fomos chamados “apocalípticos” (sempre a má imitación do intelectual foráneo [Umberto Eco dixit]), ao tempo que toda a tropa oficialista non deixaba de se laiar compunxidamente polo que as estatísticas revelaban, como se elas non fosen máis que corroborantes do que calquera con ollos e ouvidos atentos podía observar e verificar: como a asignaturización do galego non achegaba novos falantes en por si; como a diglosia seguía rampante; como, en fin, a diminución de utentes do galego como lingua inicial sofría una brutal mingua.
Cifras? As que se quixeren. Hai catro anos, na primavera de 2009, a Mesa pola Normalización Lingüística facíase eco dos resultados do Mapa Sociolingüístico elaborado pola RAG, sobre datos de 2004. En 12 anos (desde 1992 até o dito 2004), a baixa porcentual de falantes foi nada menos que de 22 pontos: caída do 61% ao 39%. Téñase en conta, aliás, que estas porcentaxes só reflicten unha variábel cuantitativa atinente á lingua “habitual” do suxeito perguntado ou, o que é o mesmo, non se debe ecuacionar lingua declarada a lingua real (para un paisano de Corme ou unha paisana de Coristanco, falar galego “sempre” pode significar falalo con todos os seus pares e no lugar onde se mora e se traballa, e falar español cando se ten de ir á Coruña a unha dependencia oficial, médico, área comercial ou discoteca…). O tal estudo, que a oficialidade non tivo en conta para nada, informaba de como en cidades como A Coruña, Ferrol e Vigo, o uso habitual do castelán era amplisimamente maioritario: máis do 80% dos enquisados. Un de cada cinco destes asegurou que a escola influiu decisivamente na súa castelanización.
Eis o resultado espléndido de 30 anos de vixencia (que non aplicación) da Lei de Normalización Lingüística, aprobada no Parlamento Galego o día 15 de Xuño de 1983. Para celebrala, dous días despois deste aniversario, o Presidente da Xunta de Galiza anuncia que, no próximo curso, case 69.000 alumno aprenderán en inglés, hercúlea fazaña que contará, seica, co apoio de máis 435 auxiliares de conversa nativos (profesores en activo, xubilados de USA, Australia, China, Alemaña ou Franza) para “potenciar” o ensino de linguas estranxeiras (léase inglés). Como ben se ve, as colonias seguimos sendo receptoras de sobrantes ou desempregados das metrópoles. Na presente e na anterior lexislatura, xa houbo docencia en inglés, en ensino primario, de materias como “Coñecemento do medio”, co cal podemos ostentar o record de que pequenos-as galegos saiban que o carballo se chama oak e ignoren o seu nome galego. As árbores serán trees e os paxaros, birds. As xestas serán yellow e a verdura, green. Perfeito. O inglés, máxima representación imperial, utilizado para sepultar aínda máis o galego. Xa somos bastante estúpidos en galego-castrapo; agora seremos estúpidos completos en inglés. Maravilloso.
Vouno dicer claro e rotundo, a risco de que se escandalicen colonizadores e colonizados, progres incluídos. A pergunta elementar, básica, nunca se formula. Non é por que o inglés (levaría espazo e tempo abondos respondela), senón para que. Esta pergunta nunca se formula e, por tanto, nunca se responde. Vexamos. Hai que aprender inglés para: (a) emigrar; (b) sermos todos especialistas en Shakespeare; (c) entender as instrucións dos electrodomésticos; (d) atender turistas neste (no seu) idioma; (e) dotármonos do coñecemento dunha lingua, entendida como auxiliar, hoxe imposta en todo o mundo. Todo aponta a que é esta última opción a única realista e que parte dunha conveniencia asumida desde unha posición de non renuncia ao proprio, desde unha visión de que todas as linguas son iguais en esencia e de que o imperio do inglés non é tanto como para ocultar que existen linguas como o francés, o italiano ou o catalán que, con Estado ou sen el, tamén o son e existen. O desprezo radical polo portugués, nado do galego e, tamén, idioma mundial, non é máis que o reforzo españolizador do repudio do proprio galego.
Redobrar a españolización escolar a base do inglés como lingua vehicular é a perversa manobra para aínda ocultar máis e máis o galego, pobre de pedir por portas, nun ensino a cada paso máis desarraigante e estrañador. Como non abondaba co dominio do español, cómpre reforzalo coa axuda do xigante, nunha exacta correspondencia do dominio político, económico e da dependencia obrigada do Amo Universal.
¿Como é que nas aulas os meus queridos colegas docentes non formulan aos alumnos-as a seguinte pergunta: ¿obteredes un posto de traballo por moito español que faledes?; ¿cobran máis vosos pais por falaren español?; ¿garante este idioma un ascenso profisional? A resposta é negativa, claro está, mais non oculta a contraface: empregar o galego aínda penaliza, aínda mingua posibilidades, aínda marca negativamente. E, neste panorama, no canto de levantar a veda para o galego dunha vez por todas, en lugar de elevalo á categoría de lingua útil e necesaria na Galiza (onde, de seu, ten de existir e medrar), acentúase a súa mutilación, a súa prescindencia, a súa inutilidade, nun alarde de irrespeito dificilmente superábel.
Tal servilismo e tal entreguismo aos que mandan (escala estatal, escala mundial) facilitará aínda máis a dominación: autoridades que desprezan o povo de que viven e os seus signos convértense ipso facto en desprecíbeis e desprezados. Medrarán conxunturalmente na súa biografía e na súa conta bancaria a custa de afundir aínda máis a nave colectiva. Velaí os grandes éxitos da política educativa gobernamental: queimar o galego no altar do español e do inglés e cumprir o mandato das multinacionais de invadir as aulas coas mal chamadas novas tecnoloxías, para que, como moi ben diagnostica o psicólogo clínico e psicanalista Manuel Fernández Blanco, teñamos unha mocidade apantallada e, por aquí, debidamente plana e controlábel, pensando que é autónoma, porque controla perfeitamente todos os mecanismos das redes sociais (outro eufemismo!), isto é, de todos os aparellos que cómpre que merquemos e usemos para que destrezas humanas básicas se extingan ou debiliten e para que o persoal viva nun mundo virtual (a realidade mellor que non exista). Mais esta é fariña doutro fol e, como tal, merecerá atención monográfica nun outro artigo.
Na miña primeira visita á Arxentina, surprendeume a utilización de “bueno” como equivalente do adverbio afirmativo “si”, que non tiña rexistado na abundante comunicación coa miña familia ou amizades de alá. Nun autobús urbano de Buenos Aires, pedinlle ao chofer se me podía informar do meu destino. Tal me respondeu: “Bueno”. Eu fun vixilante todo o traxecto, pois non me acabei de fiar da resposta, para min ambigua. Atendeume con toda pontualidade, porén, e eu así llo agradecín. O “bueno” galego, tan usado e reiterado, agora en extrapolación oportunista miña, non deixa de ser un “si” acrítico, servil, ancilar, a toda canta imposición nos chega de fóra e de arriba. Así nos vai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario