Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 12 de xuño de 2013

Crónica dunha ofensiva contra a lingua galega

Publicado nas Voces de Prolingua:

Nos 30 anos que leva de camiño a Lei de Normalización Lingüística (LNL), o decreto 79/2010, tamén chamado do plurilingüismo, representa o maior retroceso nas políticas de normalización da lingua galega. Non está de moda poñer a ese decreto en cuestión pero iso non implica que se anulara a súa carga de nocividade. Todo o contrario. Esta aparente normalidade vai aparellada á institucionalización do proceso contrario á normalización: a promoción da substitución lingüística.
Cómpre, xa que logo, unha avaliación do que está a supoñer o decreto 79/2010 despois de 36 meses de andaina para facer abrollar tanto as súas inconsistencias como as súas nefastas consecuencias. Para iso recorriremos ao propio texto do decreto, en concreto ás tres xustificacións que se argumentan para a súa imposición. A primeira delas consiste en cuestionar o decreto do 2007 alegando que non se lle poñía couto superior ao uso do galego no ensino xerando unha suposta e fantasiosa posibilidade de erradicación do castelán nas escolas cando o único estudo que se fixo daba unha cifra para o uso do no entorno do 40%. As dificultades para o emprego do galego que impuxo posteriormente o decreto de 79/2010 fan cada vez máis viable a posibilidade da erradicación do seu uso.O segundo fundamento para o cambio de decreto asentábase sobre un debuxo irreal da sociedade. Partindo dunha necesidade educativa concreta, a mellora no ensino das linguas estranxeiras, imponse un modelo de aprendizaxe que nin serve para todos nin para todas as situacións. Durante estes tres últimos anos moitos pais puideron comprobar como os seus fillos chegaban da escola completamente desanimados porque tiñan aulas de science ou history nas que non se enteraban de nada. Habilitouse a profesores sen capacidades suficientes en linguas estranxeiras. Aqueles que si as tiñan, carecen de formación de como implantalas correctamente nunha aula de inmersión e inglés, e por último, cando o factor do profesorado funcionou, aplicouse a grupos de alumnos que en moitas ocasións precisaban doutro tipo de atención educativa. Non pode ser que se afirme primeiro que o maior problema do noso ensino sexa o dos altos índices de fracaso escolar, e sen arrubiarse se implante un sistema de formación tendencial a un 33% de ensino en inglés.
Os cuestionarios.Así pois, os dous primeiros argumentos para a implantación do decreto 79/2010 non se sosteñen en base a principios básicos da nosa realidade educativa e sociolingüística. Para o terceiro axudarémonos ademais dunha armazón matemática. A sociedade outorgoulle esta ciencia un prestixio blindado a todo cuestionamento. Por esta razón toda clase de estudos e argumentacións énchense de números, táboas e gráficos de aparencia matemática e non son infrecuentes os casos nos que isto se fai, para ocultar a febleza das súas afirmacións. A verborrea vacua e pretensiosa disimúlase moitas veces baixo aparencia estatística.Un exemplo paradigmático de uso fraudulento do vestiario matemático dáse precisamente no infausto decreto para o plurilingüismo. O terceiro piar sobre o que se intenta xustificar o decreto 79/2010 é o cuestionario realizado pola consellería de Educación no mes de xuño do 2009. Desde o primeiro día este cuestionario dou lugar a múltiples sospeitas e críticas. A primeira delas foi o seu elevado custo (200.000 €), pero aquí centrarémonos nos aspectos relacionados coas conclusións que se poden tirar deste proceso. Veremos que foi unha completa fraude.Se realmente se quixer ter coñecemento aproximadamente certo da opinión social, o que faría un sociólogo sería usar as ferramentas que lle fornece a estatística: realizar unha enquisa. Isto é un proceso moito máis complexo do que parece a primeira vista. É fundamental que seleccionemos ben a mostra, isto é, ao grupo de persoas á que lle imos facer a enquisa. Os profesionais gastan moito tempo e esforzo en deseñar unha boa escolla. A idea subxacente é a mesma que cando probamos unha cullerada de sopa xa que o seu sabor será o mesmo có do prato enteiro. Os procedementos para a obtención da mostra no caso da consulta ás familias non puideron estar peor deseñados.O ente ao que se lle dirixía a enquisa non estaba ben definido. A enquisa debía respondela "a familia". Quen? pois. A nai biolóxica, o pai putativo, o ex-marido, os avós,...? Tampouco houbo control sobre o destinatario do cuestionario. Non se habilitou forma de detectar se quen cubría o cuestionario era o pai, a nai, un familiar, o propio alumno, ... ou calquera outro que tivera acceso ao mesmo. Isto invalidaría os resultados en calquera consulta seria. Con todo, non remata aquí o asunto.Os cuestionarios estaban custodiados polos propios alumnos que contaban con idades de entre 3 e 18 anos ( aquí cómpre un signo de admiración). Entregábase un formulario por neno polo que habería familias que poderían contestar tantos como fillos tiveran. Pola contra outros ficaban excluídos da mostra. Tampouco nunca se dou ningunha explicación de por que se excluía gran maioría da sociedade da posibilidade de responder ao cuestionario. Acaso a educación e a lingua non son bens sociais que atinxen a toda a poboación?A recollida de datos fíxose nun ambiente de gran polémica onde os partidos políticos e os medios de comunicación marcaron unhas liñas moi claras do que se debía responder nos cuestionarios. Todos estes aspectos determinan unha mostra que nos vai ofrecer uns resultados completamente errados (nesgos que se chaman na terminoloxía técnica). Probamos unha cullerada de consomé e servíronos unha fabada. Pero aínda hai máis.Ao ser un documento emitido pola Xunta, de vir redactado en galego, sería neutro, tal e como correspondería a un cuestionario destas características. Porén o documento estaba redactado nun bilingüismo galego/castelán ata extremos patolóxicos. Tendo en conta que o cuestionario trata precisamente do uso das linguas, e que o documento procede precisamente da Consellería de Educación, está mandándose a mensaxe de que a propia Consellería aposta por desprenderse da defensa do galego. Os estudos sociolingüísticos indican que a poboación ten á Xunta como referente da salvagarda da normalización. O abandono por parte do goberno do uso normalizado da lingua galega está a ofrecer un modelo á cidadanía que xera inseguridade e finalmente deslealdade para o seu mantemento e transmisión. Os exemplos son múltiples: emprego ritualizado non xa dunha lingua, senón dun dialecto castelanizado semántica, fonética e sintacticamente; cando non se bota man directamente da lingua hexemónica, marxinación lexislativa dos dereitos dos galegos (non se esixe o coñecemento do galego nin tan sequera para o funcionariado), divulgación de campañas mesmo burlándose da intelixencia da poboación ( lembremos por exemplo a do leite: "gallega 100%" ou mesmo a recente "Cómete o mar"), abandono e afogamento dos medios e as editoriais en galego (mentres pola contra úntanse os medios en castelán mesmo baixo epígrafes como o de "fomento da lingua galega") redución brutal e sistemática dos orzamentos destinados á normalización, manipulación da linguaxe para erradicar a presenza do termo normalización (ata o extremo de que na convocatoria de axudas aos Servizos de Normalización dos concellos concédense pagamentos para servizos lingüísticos ou programas dinamizadores ). Isto faise co obxectivo de agochar o termo que evidenciaría o abandono que decote fai a Xunta do que é un dos seus fundamentos de existencia: a promoción e defensa da lingua de noso. Velaí unha escolma da transversalidade da política lingüística. Que observamos senón a redución e exclusión do galego?No paroxismo da manipulación é onde temos que enmarcar a confección do propio cuestionario, que dista moito de ser un instrumento de recollida de datos. Unha das preguntas era completamente aberta: "Comentario ou suxestión que se queira facer". Este formato non ten cabida dentro dun proceso estatístico. Como se cuantifican as respostas se cada quen ten a posibilidade de contestar o que lle pete?O responsable da realización do enxendro dos cuestionarios foi Anxo Lorenzo, autor de numerosos estudos sociolingüísticos, moitos dos cales precisaban da elaboración de enquisas. Necesariamente o traballo intelectual de Anxo Lorenzo ten que verse contaminado pola a-científica forma de proceder no caso do cuestionario ás familias. Calquera que consulte a obra do ex-secretario de política lingüística debería estar sobre a viso pois cometeu unha fraude tan enorme que a súa produción intelectual vivirá na escuridade da sombra da sospeita.
Os cuestionarios e a LOMCESó había cinco preguntas pero todas adoecían do defecto de non estar redactadas de forma concreta e precisa. Fálase da lingua de preferencia para os libros de texto ou para os exames en concretar as materias. Tamén se cuestiona sobre se ao presunto familiar lle gustarían as aulas en inglés sen precisar as materias nin a proporción. En conclusión, da redacción dos cuestionarios só poderiamos obter informacións xerais de determinados aspectos da percepción das familias sobre a educación, eventualmente dos seus prexuízos.Das outras cuestións, había unha que trataba sobre as materias troncais dándose o absurdo de que a definición de materia troncal só aparece no articulado da LOMCE, unha lei que, catro anos despois de realizado o cuestionario, aínda está sen implantar. Para máis inri a LOMCE establece unha clasificación das materias en tres grupos. A de lingua galega forma parte do grupo das de libre configuración autonómica e que son as de menor consideración lexislativa xa que, por exemplo, á hora de establecer o número de suspensos todas a materias deste bloque conta como só un suspenso. O galego non se considera unha materia troncal pois o seu lugar, sempre segundo este proxecto, é completamente residual, formando grupo coas materias de terceira categoría. Cando se realizou o cuestionario nada disto se coñecía, velaí a evidencia de que os avalistas do cuestionario, o conselleiro de educación e o secretario xeral de política lingüística, enganaron ao pobo galego. Simplemente tomáronos por parvos.Aínda hai outra forma de desprezo na LOMCE sobre a lingua galega respecto de todas as demais materias pois é a única da que está permitido non aprender nada mediante a figura da exención. Ata tal punto é a LOMCE obsesiva nas restricións ao galego que non hai nin unha soa referencia a esta materia que non veña acompañada da garantía de non aprendela. é isto o que nos preguntaban nos cuestionarios de xuño do 2009?
O plurilingüismo.A última pregunta dos cuestionarios facía referencia a se se estaba de acordo coa impartición de materias en inglés. Eu persoalmente estou de acordo, sempre que se faga ben. O que non me gustaría é que os meus fillos chegara a casa coa autoestima destrozada porque tiveran clase de science, isto é, de ciencias en inglés, e claro, non lle entenderan nada ao profesor. Tampouco me agradaría que semana tras semana chegaran con listas de vocabulario inglés-español de, por exemplo, os tipos de nubes, as especies de árbores ou a tipoloxía dos climas. Pero o que máis me molesta é a enorme inversión que se está a realizar nun proxecto, o do plurilingüismo, que despois de tres anos de implantación xa se comprobou que é un completo fracaso pois os resultados son que os nosos fillos non saben máis inglés, pero si que saben menos galego.Dende que as teorías sobre o coñecemento científico estableceron de forma clara e irrebatible que as observación teñen que comprenderse sempre dentro dunha determinada estrutura teórica, calquera afirmación establecida sobre datos observacionais ten que lerse dentro do marco en que estes foron recollidos. A presentación dos resultados do cuestionario foi un acto máis de atentado á normalización. Anxo Lorenzo no seu papel de taxidermista do galego presentou uns datos obtidos dunha mostra nesgada como se fosen materia de fe. Se hai algo que se pode enxergar tras os resultados dos cuestionarios do 2009 é que a sociedade continúa a ser vítima de enormes prexuízos. Pola falta de control do procedemento non temos unha medida clara de ata que punto, pero o que é certo é que unha indeterminada parte dos galegos non considera fundamental establecer medidas normalizadoras que revertan a actual situación de sangría cultural e lingüística. Este prexuízo presentouno Anxo Lorenzo como fundamento para a redución do uso do galego no ensino. No canto disto compría reforzar os sentimentos de orgullo e identidade, tamén moi presentes na nosa sociedade, para facer evidente a necesidade dunha política favorecedora da normalizaciónUnha das preguntas do cuestionario consultaba sobre a preferencia de uso do galego/castelán nas materias troncais. Na altura ninguén sabía o significado do concepto materia troncal. Acabamos de enterarnos agora, tres anos despois, coa publicación do proxecto de lei da LOMCE. Neste documento cualifícanse como troncais ás materias consideradas como a base do sistema educativo e que estarán directamente controladas, tanto no currículo como na avaliación, pola administración central. Serán tamén as materias das que se examinarían os alumnos nas distintas reválidas previstas na LOMCE.


O referendo.Nunha reviravolta máis a exéxese oficial quer equiparar o cuestionario a un referendo, aínda que para xustificalo teña que saltar por riba de todos os requisitos imprescindibles para consideralo como tal. Para conseguir convencer á cidadanía de que esta barbaridade é certa a envolvente propagandística gobernamental precisaría ocultar que nese presunto referendo conculcouse por toda parte a máxima de "unha persoa, un voto", que a maior parte da cidadanía foi excluída dun proceso fraudulento que ademais, no canto de estar controlado pola administración de xustiza, ficou tras os muros do aparato de goberno e clausurado a toda verificación externa. Incluso o réxime franquista organizaba consultas (lémbrese por exemplo o referendo do 1947 sobre a Lei de Sucesión) incomparablemente máis acaídas á definición de referendo democrático. Sendo éste o retrato do oficialismo non podemos concluir outra cousa que se nos está a proxectar unha película moi lonxana da realidade, tanto que acreditar nela equivalería a vivirmos baixo  os preceptos dunha dictadura. Tanto ten dotármonos dun estatuto ou dunha LNL se despois, no canto de desenvolvelos, coutámolos ata facelos inservibles. A lección que todos deberiamos aprender é  que sen normalización, non hai libertade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario