Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 3 de xuño de 2013

Que dirían os fundadores? (Carta aberta á Xunta directiva da Coral de Ruada)

Por Xosé Antón Laxe Martiñán, membro da Coral de Ruada, nas voces de Prolingua:

Efectivamente, como di o Goberno galego no comunicado no que se publican as concesións das Medallas Castelao correspondentes á edición de 2013, a Coral de Ruada leva 95 anos conservando e promovendo a tradición musical, e dicir, actuando ininterrompidamente, ganduxando na polifonía e na música nacional-populares.95 anos desde aquela mítica reunión en “Villa Joaquina”, no Ourense de 1918, na que Xabier Prado “Lameiro”, Virxilio Fernández González, Xulio Prieto Nespereira, Fabriciano Iglesias Abella e Cesáreo Eire Santalla acordaron a formación dun coro de voces mixtas acompañado de grupo instrumental tradicional, a mesma estrutura que se mantén na actualidade, a imaxe do desaparecido coro pontevedrés Aires da Terra, fundado por Perfecto Feijoo; reunión, a dos fundadores, na que implicitamente se acordou tamén a defensa e promoción da lingua e cultura galegas a través da música e das escenas corais galegas.95 anos nos que contra o vento e a marea negra do franquismo, pero non só (a precariedade económica, a carencia ao longo de moitos anos dun local de ensaio fixo, non empeceron tanto a marcha da histórica coral coma o feito de atopar relevo entre unha mocidade cada vez máis afastada do idioma e das músicas menos comerciais, ás voces que marchaban ou morrían), a Coral de Ruada mantivo un compromiso firme coa lingua galega. Compromiso potenciado nos últimos anos baixo a presidencia de Eladio Quevedo Almoína, do vicepresidente Emilio Rodríguez Portabales e grazas ao traballo dos/as coralistas.No ano 2009 a Xunta de goberno da Coral de Ruada instituía o Premio Xabier Prado “Lameiro”, que no punto segundo das súas bases di textualmente: “[…] preténdese premiar, de xeito simbólico, o labor desinteresado daquelas persoas ou colectivos que destaquen polo seu compromiso coa cultura de Galicia de expresión en idioma galego e de carácter popular […]”. Tendo en conta que De Ruada viviu ligada á Xeración Nós e sufriu a represión franquista (mortos ou represaliados como Eduardo Álvarez, Luís Martínez Bóveda ou Benito Cantero), queda claro o seu posicionamento na defensa da cultura e idioma galegos -na defensa de Galicia mesma-, esenciais na concepción da coral ourensá.Como ruadista (ocasional, todo hai que dicilo) sinto moi próximo calquera recoñecemento que se lle poida brindar á Coral de Ruada, tamén a Medalla Castelao, porque une o nome do ilustre rianxeiro á familia ruadista (unión natural) e polo que supón de agradecemento institucional á Coral de Ruada polo moito que esta lle deu a Galicia ao longo de case un século de vida artística.A prensa de hoxe recolle o agradecemento e o contento do presidente de De Ruada pola concesión da Medalla Castelao, que estende a toda a coral, e ás redes sociais comezan a chegar os primeiros parabéns, tanto a título particular como doutras institucións corais.Polo dito nos parágrafos precedentes, sempre dende o máximo respecto á Coral de Ruada e ás persoas que a compoñen, compañeiros/as e amigos/as, e tendo en conta que a actual Xunta de Galicia e o seu Presidente son responsables de lexislaren por vez primeira contra a lingua galega no ámbito público con consecuencias, como é evidente, no ámbito privado, este recoñecemento en ningún caso pode ser apreciado e valorado como unha mención honorífica por parte de quen despreza e ataca a razón esencial pola que naceu a Coral de Ruada hai agora 95 anos. E precisamente por iso, polo idioma e a cultura galegas, quen prostitúe no seu propio favor o valor simbólico de Castelao e da Coral de Ruada non poden ser considerados valedores do idioma nin da cultura, aínda que pretendan maquillar este feito coa concesión de recoñecementos como o que nos ocupa. Quen outorga este “premio” é antítese do que Castelao e De Ruada simbolizan, e procuran, baixo o fausto propio destes actos, sancionar unha política liquidacionista para con todo o que o político rianxeiro e a coral ourensá representan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario