Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 13 de setembro de 2010

Apagóns informativos

por Antón Patiño, artista plástico, no Xornal:

Coa desaparición de A NosaTerra (que pasa a unha vida virtual) perdemos unha cabeceira decisiva. Por iso a tristeira nova petou con tanta forza xerando unha cadea de solidariedade no mundo cultural e social galego. A Nosa Terra representa historicamente un dos contados referentes de prensa no idioma propio. O amplo arquivo cultural e de análise social da historia moderna da nosa comunidade é un activo decisivo desta lendaria publicación (que pasou ao longo da súa existencia por varias etapas). Non se pode coñecer a historia contemporánea do noso país sen a valiosa aportación documental gardada nesa extraordinaria publicación. Agardamos de feito que ista decisión coxuntural poida ser superada en pouco tempo ata recuperar axiña de novo a normalidade.
Tivemos neste tempo do verán en Galicia unha curiosa peneira na información oficial con relación á vaga de incendios. Dosificando as informacións cunha certa penumbra: semellaba que había incendios en medio mundo menos en Galicia. Falouse mesmo neste tempo de apagón informativo con relación aos escasos datos oficiais que se aportaron dos incendios. Ata que a morte de dous mozos que traballaban na extinción fixo imposíbel manter a opacidade. Ao tempo o tratamento que lle deu a Xunta á tráxica nova foi lamentábel dabondo. Non souberon estar á altura das circunstancias. Dá a sensación de que é unha axencia de publicidade quen xestiona a comunicación oficial. Cunha frialdade estarrecedora rexistraron a estatística das baixas sen amosar apenas outro sentimento ca ríxida faciana dun optimismo forzado. Con criterios de propaganda e poñendo escaso énfase na dimensión humana. O tema do lume é complexo dabondo e cómpre unha eficaz rede de solidariedade cara superar este atranco recorrente. Non se soluciona dende logo poñéndolle un veto á liberdade de información. Nun contexto democrático sinxelamente isa opción non pode ter cabida.
Por iso non podemos aceptar os apagóns informativos: nin o que ignora as lapas do lume nin tampouco esoutro que representa a desaparición, no papel, dun medio como A Nosa Terra. Sinxelamente porque temos moi poucos medios que se expresen na nosa lingua. Figura como se da mediocre política actual derivara de facto un programa de galegoesclerose. Precisamente agora baixo a actual coxuntura política deste Goberno desaparece A Nosa Terra (que continuará no mundo virtual). O mesmo aconteceu hai pouco con Vieiros, na propia rede. Non sabemos se pode existir unha relación causal. Cómpre esculcar nas axudas aos medios e esixir transparencia das cantidades económicas que se invisten nesta cuestión. O que dende logo é ben certo é que un país non pode deixar morrer aos medios que se expresan no seu idioma. A non ser que deixemos que a galegoesclerose (programada ou non) avance. E que a verba “arrecastado” que hai pouco emitiu Avelino Pousa Antelo estea xustificada dabondo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario