Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 10 de setembro de 2010

As verbenas do país: entre o posíbel e o indesexábel (I)

por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo:

Gozar das verbenas e festexos que se organizan por todo o país, especialmente no verán, non equivale a ter que aturar resignadamente os valores reaccionarios dalgunhas das “nosas” orquestras
Nun artigo de hai xa algúns meses publicado neste mesmo dixital de Rosa Bugallo debullábase con acerto a evolución das festas populares do país cara ao actual modelo das chamadas "verbenas", moito máis mercantilizado e, sen ningunha dúbida, alleo á nosa tradición cultural e festeira. Uns espazos privilexiados, e moi concorridos en boa parte dos casos, especialmente nas festas consideradas de máis sona, que ben podían ser aproveitados para popularizar os nosos produtos culturais autóctonos, a comezar polos nosos creadores musicais, moitos dos cales nada lle teñen que envexar aos grupos e artistas foráneos de moda canto a "modernidade", vangardismo e xa non digamos calidade.
Que tería de mao unha festa onde puidesemos bailar ao ritmo popeiro de The Homens ou Loretta Martin, ao son electrónico de Fanny+Alexander ou Sónico DB, mesmo coas impresionantes rimas dos Deus que te crew (DQTC) e, por suposto, coa música bailábel por natureza de Lamatumbá, por pór só algúns dos exemplos máis coñecidos? Divertiríase a xente menos que cos consabidos temas de sempre? A proba do algodón de que a nosa lingua, na súa variante intercontinental, goza de grande aceptación popular témola na música brasileira ou, máis recentemente no tempo, no tema angolano Wiki Wiki, cuxa letra calquera compatriota entende afinando un chisquiño de nada o ouvido. Mesmo orquestras do país históricas, como Os Satélites, "experimentaron" en galego con ritmos como a salsa ou o merengue: velaí temos a sintonía de cabeceira da coñecida serie de TV Libro de Familia, que enche a pista cada vez que soa, ou o tema insignia deste conxunto nacido na Coruña, ben coñecido por toda aquela persoa que frecuentar os festexos do verán, o Esta fin de semana quero bailar.
Lamentabelmente, o escenario desexábel e posíbel, malia o evidente potencial, contrasta cunha realidade ben máis negativa e, mesmo en ocasións, abertamente decadente. Para alguén coma min, verbeneiro por natureza, resulta unha delicia ler, por exemplo, a Xurxo Souto a falar das orixes dos primeiros conxuntos musicais galegos que ían tocando polas festas e, ao tempo, unha tristura comparar aquilo co actual ronsel de orquestras que temos, sempre con excepcións -que habelas hainas -e, por supostísimo, co debido respecto para os profesionais da música que gañan a vida nestes conxuntos, moitas veces, por certo, non por pracer ou identificación cos estilos do repertorio musical que empregan, senón por pura e dura necesidade económica e, tamén, por ser moitas veces a única vía no propio país para poderen facer o que lles gusta: música.
Outro dos aspectos que debera preocupar -e canto! -é a terrorífica transmisión de valores reaccionarios que a través de concorridas verbenas chega á multitude desde os propios escenarios; e non precisamente por parte de orquestras de pouca entidade -senón, moi ao contrario, por parte dos conxuntos máis coñecidos no actual panorama orquestral galego e que máis público atraen, grazas a un espectáculo que acaba por condenar a música a un absoluto segundo plano.
Poñamos de exemplo -se cadra poderían ser outros -as orquestras Panorama e Olympus. Ambas as dúas, no seu ¿espectáculo?, para alén do dubidoso gusto, semellan ás veces empregar todas as súas forzas en reproducir todos os tópicos machistas, patriarcais, racistas e homófobos que o público poida dixerir no menor tempo posíbel. Como no caso dos valores machistas e patriarcais, onde o rol das mulleres fica reducido ao máximo a obxecto de consumo, a "ornamento" que fai parte do espectáculo visual -canta menos roupa, mellor -non é, por desgraza, novidade, agora estas orquestras están a esforzarse en explorar até o infinito o tópico do "maricón", mesmo nunha sorte de aburda competición entre elas. Se ao solista principal da Panorama hai que aturarlle, unha e outra vez, a preguntiña: "Cantos de aquí pensades que son maricón?", os da Olympus non se conforman e pasan directamente a acabar un dos seus pases cunha canción mexicana que leva precisamente por título: Matarile al maricón. Nada menos!
Despois disto, moitas e moitos poderán lexitimamente opinaren que o problema é que me gusten as verbenas deste tipo e que, con non ir a elas, téñoo solucionado. Respectando todo criterio, non son en absoluto desa opinión. Persoalmente, nin penso nin teño porque renunciar a o pasar ben facendo o que me agrada -sabendo, porén, analizar que moitas cousas poderían ser doutro xeito. E, da mesma maneira, non penso que teñamos que aturar comportamentos que nada teñen de natural, de "socialmente asumido" -como algunha xente me di cando non podo máis e estoupo -, nin de inevitábel: desde as comisións de festas, desde os concellos, desde as asociacións veciñais e outros movementos sociais, desde cada unha e cada un de nós podemos traballar arreo para mudar situacións, actitudes e comportamentos que, sinxelamente, non só non son admisíbeis, senón que desvirtúan as festas en si e contribúen -e de que xeito! -á súa decandencia e esmorecemento, antes ou despois.

Ningún comentario:

Publicar un comentario