por Xavier Vence, catedrático de economía, no Xornal de Galicia:
No mundo que nos tocou vivir, un país sen medios, sen espacio comunicativo xenuíno, non existe; un país sen capacidade para interpretarse a si mesmo e retransmitilo a propios e extraños, nas súas propias claves, pasa a ser un país “construído” polos outros e, polo tanto, sen vida de seu. A representación do mundo na cabeza dos individuos, o que o resto do mundo valora dese país e a forma en que os propios cidadáns se autovaloran e se autorecoñecen dependen da forma en que día a día reconstrúen esa realidade os medios –nas súas diversas modalidades e soportes.
A desaparición, cando menos temporal, do semanario A Nosa Terra representa un fracaso –un máis– na tentativa de construír un espacio comunicativo propio en Galiza. Desde Galiza e en galego. Coma todo os fracasos, ten moitos pais e non é este o lugar para promenores.
Pero o que é un fracaso para uns é un éxito para outros. Tanto polo seu perfil ideolóxico coma polo feito de representar unha peza –aínda que modesta– dun espacio propio de comunicación e por representar unha aposta decidida pola normalización do noso idioma, está claro que era unha almea á bater por parte de todos aqueles que teñen como santo e seña o acoso aos sinais de identidade da nación. Á hora de avaliar a circunstancias que determinan a súa inviabilidade temporal –despois de tres décadas nos quioscos– non poden obviarse as consecuencias dunha crise financeira profunda que leva ás entidades financeiras a un racionamento de crédito que asfixia a multitude de Pemes e a unha caída xeralizada dos gastos en publicidade por parte de todas as empresas, capítulo que en maior ou menor medida é crucial en todos os medios –aínda que na ANT fose proverbialmente modesta–; pero tamén é certo que a administración dese racionamento de crédito e do gasto publicitario non son neutrais. E non só pola acción directa do Goberno da Xunta senón porque tanto este como unha boa parte dos sectores económicos e ideolóxicos afíns comparten a estratexia neocentralista de cerco e acoso daquilo que consideran estorbos. E que este pode ser un bó momento para dar ese pequeno golpe de graza. Todos os medios atravesan momentos financeiros moi difíciles pero uns contan con trato privilexiado nas finanzas, nas axudas públicas e na “solidariedade” empresarial (diríamos de clase) e outros deben capear o temporal coas súas propias forzas e fronte á competencia desleal dos protexidos. Nese sentido, cómpre recoñecer a tremenda hipocrisía dos discursos que atribúen estes desenlaces ao suposto ditame do mercado. Se non houber máis padiolas que o libre mercado moitos outros terían sucumbido antes que ANT.
Pero, ao meu ver, o caso de ANT pon tamén diante dos nosos ollos as eivas do corpo social que trata de erguer a nación. Resulta desconcertante que esa quinta ou sexta parte da poboación do país que hoxe parece ambicionar positivamente unha Galiza de seu non sexa quen de dotarse non xa dun semanario ou un diario senón dun sistema de medios máis amplo, estábel e diverso. Posibelmente, ocasións coma esta deberan servir de revulsivo para a reflexión colectiva e para desencadear un proceso de cooperación xenerosa de todos e cada un, con amplitude de miras e lentes de amplo espectro, sabendo que a construción dos instrumentos da nación non a vai facer o Estado nen as institucións dominadas polo neocentralismo “sen complexos” senón que requerirá desa labor de enxeñería miúda desde abaixo, coa contribución de cada un e tamén “a escote”. Desde logo, o nacionalismo está no dereito a reclamar que os nosos impostos non se usen para destruír os nosos sinais de identidade pero os nacionalistas han asumir que sen o seu “imposto adicional e incondicionado” será moi difícil erguer os instrumentos para avanzar.
Longa vida a Xornal, Galicia Hoxe, Tempos Novos, A Trabe de Ouro, Grial e todos os demais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario