A finais de xullo pechaba Vieiros, ao día seguinte facíao chuza!, pouco tempo despois era A Peneira quen deixaba de renovar os seus contidos.
Cando abrín onte a páxina da Nosa Terra e vin que entre as noticias máis destacaba estaba unha na que destacaba que o periódico analizaba o prego de condicións da publicidade do funesto decreto 79/2010 quedei algo desorientado porque a noticia parecíame resesa. O último día do mes pasado xa aparecera neste mesmo blogue o documento que avaliaban na Nosa Terra. Por esas datas saltara a polémica pois nese prego facíase referencia ao castelán como lingua propia de Galicia (sic).
Que lle pasaba á Nosa Terra? Por que desaparecera da edición dixital a franxa de colaboradores? Houbera noticias de problemas co personal... E agora entérome, vía Imos Indo, de que o semanario deixa de publicarse. Todo un símbolo, a única edición periódica en galego durante décadas, dou a súa última puntada. E nestes días esta non é a única referencia informativa a respecto da Nosa Terra. Lembremos que desde Galicia Confidencial se denunciaba que a Xunta non gastaría nin un euro na compra de libros desta editorial. Estamos a destrozar todo o que de galego quedaba en Galicia. A quen beneficia isto?
A Nosa Terra foi desde a súa fundación no 1916 e durante os cinco primeiros anos, a publicación das Irmandades da Fala. Non se me ocorren mellores palabras de homenaxe que as tiradas do seu primeiro número, baixo o título "A bandeira ergueita":
Galicia é unha patria natural con lingua de seu. As duas colunas do noso idearium, que non tiveron en conta os subrimes Precursores, seguíndose d´eiqui o seu fracaso. Temos unha lingua propia, feitura de Dios e da Naturaleza, que emprega aínda a maoría do pobo, non habendo gramáticas ni dizonarios que axudaran a fixala y-apesare de cinco sigros de centralismo: lingua armoñosa que naceu do latín, desgaxada do albre dá soberanía de Roma pra parir o castelao y-o portugués, pra vivire en trunfo con sito internacional nas Cortes dos reises e nas xustas d´amore; lingua viva que entenden moitos millóns d´homes mais alá das fronteiras; que fixo dos gallegos, lonxe da terrra, lazarillos espirituales dos castelaos. Y-unha lingua así - mais extensa, mais prática que a castelana- ¿non é a nosa millor arma? ¿Podemos esquecela? Si a lingua e o escudo da persoalidade dos pobos mais forte que as armas, ¿qué loitas ganaremos sin ela? Si a lingua, soyamente, dá autonomía espritual, as outras autonomías separadas ¿valerán algo?
P.S.: A edición dixital da Nosa Terra volve ao que era hai un mes. Vese que desta vez me pasei coas sospeitas.
Máis e novas reflexións sobre o tema en Galicia Confidencial:" A crise e a política de subvencións da Xunta liquidan aos medios nacionalistas"
E no Xornal de Galicia fala Alfonso Eiré: ‘A Nosa Terra’ vincula a crise que atravesa á “política contra o galego do PP”
Ningún comentario:
Publicar un comentario