por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:
Entregáronse en Santiago de Compostela, no Salón Nobre de Fonseca, os Premios Rosalía de Castro instituídos polo PEN Clube de Galicia. E esta edición, a oitava, coincidiu cando se cumpren 125 anos da morte de Rosalía de Castro, a figura que, en palabras do profesor Carvalho Calero, "encarna dalgún xeito a personalidade colectiva do país galego". Ramón Piñeiro viu a Rosalía, "identificada coa Galicia popular, á que lle deu voz na súa propia lingua", como o noso (a nosa) "poeta nacional" e Darío Villanueva ve convertida a poeta nun dos "mitos de recreación popular máis inusitados da época contemporánea". "Nai da Nación" en palabras de Méndez Ferrín, Rosalía é figura fulcral da literatura galega de todos os tempos e a súa personalidade proxéctase, excecendo mesmo o eido do literario, no espazo universal. Por iso os Premios Literarios Rosalía de Castro do centro galego do PEN Clube, ideados no seu día por Carlos Casares, resultan perfectamente acaídos para celebrarmos fraternalmente, dende o centro mesmo da literatura galega, os sistemas literarios máis próximos a nós no espazo cultural e lingüístico: o castelán de España e Hispanoamérica; o portugués de Portugal, Brasil e África, e o eusquera e catalán que nos unen na irmandade literaria do Galeusca. E velaí como en Santiago de Compostela, através dos Premios Rosalía de Castro, únicos no ámbito iberoamericano, teñen sido celebradas as presenzas de Torrente Ballester, Pere Gimferrer, Ernesto Sábato, José Saramago, Bernardo Atxaga, Álvaro Mutis, Francisco Brines, Antonio Lobo Antunes, Juan Mari Lekuona, Manuel Vázquez Montalbán, Felipe Juaristi, Carme Riera e José Ángel Valente, entre outros moitos escritores que fican xa para sempre unidos simbolicamente a Rosalía de Castro. A partir da presente edición dos premios, os poetas e escritores Antonio Gamoneda, Lêdo Ivo, Francesc Parcerisas e Itxaro Borda serán xa tamén para sempre "rosalianos", e Rosalía de Castro formará parte, aínda que só for no espazo persoal da memoria, das súas vidas.
Tés un agasallo no meu blog
ResponderEliminarhttp://aeiradebalixe.blogspot.com/2010/09/o-agasallo.html
Parabéns polo teu blog e polos teus folgos na defensa da nosa lingua.