Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 25 de setembro de 2010

Un 10% de galego

Moir recomendable:
por Antón Patiño, artista plástico, no Xornal:

Seica vén ser a porcentaxe de galeguidade que figuran conservar no corpo os que dirixen a política educativa deste país: un escaso 10%. Veñen de perpetrar outra nova manipulación: xogando con enquisas e trucos estatísticos. Instrumentalizando ao país de novo como coartada: para facer logo o que lle peta (que por aquelo da ventriloquia política vai coincidir punto por punto co ideario máis alleo). Seica camiñan cara un seu paradigma dun 0% de galeguidade: non andan lonxe! Por iso é moi atinada a recente análise de Xoán Antón Pérez-Lema en Xornal de Galicia con relación aos atrancos que está sufrindo o ensino do idioma propio nos máis cativos. Un tema decisivo onde figuran deseñar un programa de galegoesclerose. Esquenceron a promesa inicial de gobernar para todos. Sen reparar na fraxilidade electoral: os votos do bipartito sumaron máis ca os deles. Un dato relevante que se cadra quererían esquecer. Non se pode ocupar unha institución e defender simultaneamente teses contrarias aos alicerces do sistema constitucional baseado no marco autonómico. Nese contexto constitucional de recuperación das liberdades o idioma é pedra angular dos dereitos cívicos dos cidadáns a expresar e defender a súa lingua.
Vitalidade do idioma propio
Contrasta esta actitude desleigada con relación á cultura e idioma de Galicia coas declaracións dende fóra do grande poeta Antonio Gamoneda que salienta a calidade da produción poética galega: falando de Xosé Luís Méndez Ferrín ata as novas voces. Tamén Víctor Freixanes, que presenta neste tempo unha nova novela, aportou claves de interpretación do momento cun criterio acertado. Así mesmo Julián Hernández, o líder de Siniestro Total (cun novo disco) amosou perplexidade diante dunha delirante política educativa con relación ao galego. Foi Ferrín estroutro día (no cárcere de Pereiro de Aguiar) quen atinou co diagnóstico: “A síndrome de Michael Jackson. Hai galegos que se operan a alma para non ter acento.”

Galegoescolas contra a galegoesclerose
Un 10% de ensino en galego para os nosos cativos é a esmola que ofrece a actual Xunta (a xeito de renovada aldraxe). Despois de amañar o resultado nunha curiosa distorsión: un 40% dos pais expresan apoio implícito (mesmo diante de preguntas trucadas). Chegou o momento onde cómpre apoiar os esforzos que están a facer colectivos do que se adoita chamar sociedade civil. Se dende instancias públicas propician un abandono desta magnitude: talvez sexa o momento de xerar iniciativas populares (que manteñan a luz do idioma nesta coxuntural travesía da tebra). Se o idioma aturou a “longa noite de pedra” tamén pode resistir esta forzada opacidade dunha penumbra artificial. Ata que un novo goberno (con máis luces e menos xenreira ao propio) exprese a realidade plural de Galicia: e perfile unha nidia sintonía coa nosa riqueza e manifesta policromía cultural. As galegoescolas privadas poden ser unha boa solución (cara contrarrestar os déficits públicos derivados desta situación anómala). Por iso é importante a campaña que se está a levar a cabo para garantir o acceso ao noso idioma dos nenos. Unha eiva que xa o informe do Consello de Europa sinalaba: carencia urxente que cumpría corrixir. Seica hai xa 2.000 membros en “Galiza co galego” e cómpre chegar aos 3.000. Está en xogo a transmisión xeracional do idioma. Amosan unha grave irresponsabilidade os que hoxe dirixen Educación. Están a traballar na minorización cultural, salientando deseguido a condición subalterna de todo o que atinxe á cultura na nosa lingua. As galegoescolas populares son a mellor receita contra o programa de galegoesclerose.

Ningún comentario:

Publicar un comentario