Anxo Lorenzo, o secretario xeral de política lingüística, afirma que “precisamos unha lingua con variedade e riqueza, con profundidade, con amplitude de rexistros, con neoloxismos que adapten o idioma ás novas necesidades sociais”, porén aproba e defende un decreto para o ensino que exclúe o galego do ámbito científico-tecnolóxico. As novas necesidades sociais deberían pasar polas novas tecnoloxías, pola ciencia máis avanzada. Ou é que o galego debe ficar excluído do que identificamos co progreso? Modernizador.
"O secretario xeral incidiu tamén, xunto co coidado no plano da forma, na función da lingua, e destacou aspectos tan importantes como a transmisión familiar do galego", porén quer aplicar un decreto que pode excluir o galego das escolas infantís, sobre todo naquelas de ámbitos castelanizados, onde os cativos non teñen contacto ningún co galego. Deste xeito, como será posble que acaden igual competencia en galego e castelán? Transmisor.
Anxo Lorenzo continúa destacando "a importancia [...] da capacidade e motivación para usar o idioma", no entanto pretende excluir a boa parte do profesorado so uso desta lingua, ou eliminando as probas de galego nas probas de acceso ás administracións públicas, ou dicíndolle aos alumnos que aínda que o profesor fale en galego eles teñen o sagrado dereito a facelo en castelán. Motivador.
E o secretario xeral tamén ve fundamental " a actitude positiva cara a lingua", mais el da un pobre exemplo cando hai só uns meses defendía que a lingua da administración educativa debía ser o castelán polo menos co mesmo peso que o galego, ou é que non lembra que el presentou as Bases para o decreto? Proactivo. Demóstrao reducindo o galego das oficinas.
Conclúe: “a defensa e pervivencia do galego na función e na forma conducen á vitalidade e mais ao prestixio do idioma”. Pero mediante a trapallada lexislativa que el mesmo pariu, reduce funcións da lingua prohibindo o galego para as matemáticas e coutando a creatividade do espírito galego contribúe á dialectalización do noso idioma. Vitalizador e prestixiador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario