Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 15 de setembro de 2010

Na procura da paz lingüística

por Pablo González Mariñas, profesor da UDC, no Xornal:

Vén de afirmar Núñez Feijóo a bombo e platos que quere baixar a tensión coa lingua galega neste curso político que agora comeza. Actuarían como heraldos desta pretensión algunhas decisións de natureza económica en relación co galego que estes días anuncian varios dos seus conselleiros. Para iso –dise tamén– que o presidente buscará un pacto coa oposición, aínda que o decreto do galego seguirá adiante.
A pretensión de establecer a paz lingüística debería ser recibida cun punto de alegría, xa que é moito o dano que as agresivas normas gubernamentais están a producir na nosa lingua, neste momento e máis aínda cara ao futuro. Porén, non se pode agochar que causa perplexidade a afirmación de que o decreto seguirá adiante, como se a tensión viñese doutro lado distinto do decreto mesmo. O correcto e plausíbel sería comenzar por aí, por non pechar a porta a unha derrogación ou modificación da norma, en troques de facelo con aquela contradición in terminis. Mais tal como falou o presidente, calquera observador da situación política poderá pensar lexítimamente que o presidente non busca a paz lingüística con sinceridade e convicción, senón movido polo temor a unha permanente revolta profesoral nas aulas e nas organizacións sociais, que poden facer moito dano nas xa próximas eleccións municipais. O anuncio tería neste caso unha insoportable intencionalidade táctica, e xogaría tamén como unha especie de cambadela a oposición para, propondo un pacto imposíbel, intentar lle cargar, a pretexto dun presunto radicalismo impositivo, a factura da falta de acordo nun tema tan sensíbel como a lingua.
A proposta non conta coa suficiente credibilidade. Tal como se formula, farían falta moreas de fe no presidente que, en cuestión da defensa do galego non anda presisamente sobrado; tanta fe que a un vénselle á memoria aquela máxima tan coñecida de San Anselmo para penetrar na esencia do pensamento e intencións divinas: “creo para entender”, en troques do máis humano e humilde “entender para crer”.
En calquera caso, eu preferiría equivocarme e que a vontade do presidente sexa a de rectificar. Se cadra acordou doutro conservador, don Antonio Maura, cando dicía que as contradicións son infamantes cando son desvergoñadas mudanzas por interés, “mais eu vos digo que se algunha vez ouvise a voz do meu deber en contra do que con máis calor houbese antes sustentado, consideraríame indigno da vosa estimación e na miña conciencia teríame prevaricador se non pisoteaba as miñas palabras anteriores e axustaba os meus actos aos meus deberes”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario