Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 13 de setembro de 2010

Ameazas contra argumentos

Acaba de saír á arañeira da rede o blogue do grupo de facebook Profes co galego. Nel podemos atopar un modelo de carta para lle entregar aos pais ao comenzo de curso explicando as razóns polas que o profesorado vai continuar a impartir as aulas en galego: "Como profesorado contrario a esta medida [a de excluir o galego das clases de ciencias] que consideramos prexudicial para os seus fillos, e para que vostedes poidan xulgar dun xeito obxectivo a nosa postura, que como verán está legalmente fundamentada, queremos que dispoñan de toda a información necesaria"
De seguido explican os principais aspecto polos que o nomeado decreto incumpre coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, o Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística, a Lei Orgánica da Educación e a Constitución e que eles, os profesores, están obrigados a "respectar o principio de xerarquía normativa, é dicir, cando dúas normas son contraditorias, como é o caso do Decreto para o Plurilingüismo e as leis anteriores, hai obriga de cumprir a de maior rango". Estes son argumentos de tipo xurídico.
"Seguiremos impartindo as nosas clases en galego, xa que consideramos que é a mellor opción para que o noso alumnado adquira competencias plenas en galego e castelán e a eliminación dos prexuízos lingüísticos contra o galego". Estes son argumentos de tipo pedagóxico e social e demostran que o seu interese é sobre todo que o alumnado teña unha mellor formación.

Cal é a resposta por parte da Xunta? Pois a mesma que utilizarían os grupos terroristas: as ameazas, a imposición do imperio do medo. Os argumentos de por parte da Xunta, u-los?

Ningún comentario:

Publicar un comentario