Saúde e forza, animais terrestres!
Saúde e forza, para reclamarmos o dereito de vivirmos en galego, para sermos Galiza,
esa palabra que nos sinala.
Cantarte hei Galiza, na lingua galega, que así mo pediron, que así mo mandaron.
Saúde, para a lingua pola que somos e seremos na terra que camiñamos, cuberta de
palabras en todas as estacións do ano, de herbas e flores, de ventos que zoan cantigas e
ríos e regatos pequenos, fervedoiros de arte a remexer pelouros... Palabras que nadan
mares e bican cons, furnas e puntas sinaladas... Palabras, rapaciñas do lugar, palabras,
toleirona mocidade.
Saúde para a lingua!
A lingua de Nós que quere facer bárbara e que con razóns e coñecementos espurios
despreza, quen deserta da lama, da area, da laxe, da curota, por un banco de plástico
dourado na opereta madrileña, que confunde coa antesala das portas do Parnaso.
Tristes e vellos entes literarios, de vós, nada aprenderán en Terras de deserto, e nada
tendes que ofrecer, tan lonxe da forza sedutora, da innovación na palabra travestida en
cabaleiro das botas azuis, trasno lúcido e único... Tristes entes, que querendo repenicar
e bailar na festa ao mesmo tempo, regresan en texto traducido, agora pola IA e, sen
vergoña, entran nos concursos literarios para representaren a nosa cultura.
Entes de lingua bífida, da Galicia boi de palla, que imploran coa súa vasalaxe a mercé na
casa do amo, na sedución dun poder que non terán, aínda que poidan mover cada unha
das dúas partes do seu músculo seccionado.
Esa casa do amo, que Rosalía de Castro nunca ocupou.
Pobre Galiza, non debes chamarte nunca española!
Saúde, para pronunciarmos Gaza.
Pola memoria de todas as Cándidas de Sobredo, sementes de vida, mártires asasinadas
en Palestina.
Pola memoria de todos os meniños de manteiga, bonitos coma caraveis, asasinados en
Palestina.
Pola memoria de todas as raparigas gabaxeiras e lindas, Estreliñas, asasinadas en
Palestina.
Pola memoria de todas as Siñas Sinforosas, que levan as contas das mortes do lugar,
asasinadas en Palestina.
Pola memoria de toda a mocidade, de todas as alboradas, asasinadas en Palestina.
Saúde, para non sermos cómplices deste xenocidio, despois de Armenia, despois de
Auschwitz, despois de Rwanda...
Saúde para Nós, na Terra de Galiza, para reclamarmos o dereito de vivir en harmonía co
lugar que desexamos traballar, suco vai, suco vén; onde queremos que vivan todos os
outros animais e sexan libres todas as marxes coloridas.
Saúde, desde o Ortegal ao Miño, desde o Pico de Trevinca ao Aloia, desde o Careón ao
Tegra.
Saúde, pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove, por cada lugar que mediu Fontán e
situou con precisión no mapa, rostro do país.
Saúde, para defendermos a paisaxe e a vida, contra os pirómanos do monte, coa voz de
Pura Vázquez, contra o brazo armado do neoliberalismo máis letal, polas bestas e as
vacas, polos soutos, as fragas e as carballeiras, porque aquí os muíños do vento son
xigantes que nos mudan o sentido.
Saúde, para impedirmos o espolio, ese franquismo no interior da mina de Touro,
toxicidade que mata, para berrarmos alto e claro: Non, Mina de Touro, Non!
Saúde, para impedirmos a destrución da terra que queremos e labramos, do país dos
mil ríos, para contra todo, nun abrazo popular, de mans dadas polo Ulla, berrarmos até
a Ría de Arousa, alto e claro: Altri, Non!
Porque vencerse é cousa de se tratar.
Saúde, para defendermos quen nos cura e nos atende, para reclamarmos un ensino de
calidade, neste mundo onde mingou a verdade.
Saúde para Nós, e para ti, que vés de fóra, que chegas de duras travesías, agora
connosco. Quero que veñas da man de Castelao, aínda que non te chames Panchito...
Quero que me contamines, para ennobelar as túas palabras coas miñas e aprendermos
os nomes dos paxaros, os das árbores e atoparmos a flor do xilmendro, e que cando eu
che diga: come, neniña come, Ti me digas: iso é Teranga, alimento das palabras entre
linguas.
Saúde, para en alegre veciñanza dicirmos: Ola, ríos, Ola, fontes, Ola, regatos pequenos,
vista dos meus ollos en que sempre nos veremos...
Porque aquí, a festa facémola Nós: Arriba, toleirona mocidade! Que atruxaremos
cantaremos o ala... lá!
Saúde e Terra!
Marga do Val
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 23 de febreiro de 2025
Saúde e terra!
Manifesto da AELG polo día de Rosalía, escrito por Marga do Val:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario